1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

Os nazis de arestora

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Sábado, 12 Junho 2010 16:20

Xosé Manuel Beiras

Si, sen dúbida ningunha. O martes pasado, Miguel Anxo Fernán Vello rotulaba coa interrogación Israel, ¿Estado asasino? un valente artigo de urxencia en GH referido ao asasino ataque do exército israelí contra a pacifista "Frotiña da Liberdade" que tentaba levar axuda humanitaria á poboación palestina sometida a bloqueo en Gaza polo Estado sionista.


Nese texto, calificaba de "xudeu-nazi" ao actual ministro de asuntos exteriores israelí. Non era un insulto, senón unha definición -como diría Valle Inclán. Unha definición carimbada precisamente, hai xa decenios, por un israelí egrexio, Yeshayahu Leibowitz -a quen o Miguel Anxo citaba. Mais seica houbo un leitor que se alporizou -obviamente, nen lera a Valle nen tiña luces pra discernir aquela sua ben didáctica distinción. Cortésmente, ao dia seguinte, Fernán Vello, como réplica, deu unha ben documentada e contundente leición encol do termo "xudeu-nazi", do esgrevio filósofo e científico xudeu que o acuñara, do estarrecedor retrato do tal ministro feito por outro profesor tamén xudeu especialista en totalitarismo -e mesmo relembrounos que, hai máis de seis decenios xa, unha manchea de inteleituais xudeus de ben, encabezados por Einstein e Hannah Arendt, definiran ao partido sionista de Menahem Begin como "estreitamente emparentado cos partidos nazifascistas". Así que a cousa ven de lonxe. Que foron os proprios xudeus demócratas os que dende hai tempo deron a alarma. E que, si, sen dúbida ningunha, os gobernantes de Estado sionista de Israel son os nazis de arestora.

Non só iles, claro está. Os Bush de Falconcrest, senior e junior, por caso, tamén. Refirome, claro, á saga da "familia" da que forman parte, a fundada pola parella Reagan-Thatcher e integrada pola sua proxenie, pola sua "prole" inversa á do proletariado, a dos "monsters" que dende aquela rexen os destinos do planeta enteiro. Eu ousara definilos así hai xa cáseque vinte anos. Así, quer dicir, como nazis -o de "monsters" vai tácitamente implícito na definición. Fora a noite mesma na que estoupara a primeira guerra "do golfo", na madrugada do 25 de xaneiro do 1991. A "guerra dos novos nazis de arestora", denomináraa eu no artigo que escribira, insomne de indignación, naquela mesma madrugada tamén, co rótulo dunha aria de Mozart, "Mia speranza adorata". Viñan xustiño de encetarse as celebracións do douscentos aniversario da sua morte e, de sócato, aquela noite, a faciana de Mitterrand, na altura presidente da Franza, aparecera nas pantallas dos televisores con solene espresión cadavérica, e lacónicamente guindara a famosa sentenza: "maintenant, les armes vont parler" -"convirtindo o prometido e anunciado ano Mozart no ano da guerra dos novos nazis de arestora, da guerra do desvarío contra a razón, do absurdo contra a beleza, da soberbia contra a dignidade humán".

Levamos xa todo un terzo de século a padecermos a emerxencia de mutacións morfolóxicas do fascismo, metástases mutantes dos nazifascismos noutrora agromados, como fleurs du mal anti-poéticas, na fase de "caos sistémico" do chamado período de entre-guerras, dende a primeira mundial do 14-18 até a apocalipse do 39-45. O actual proceso coincide, desta vez, coa entronización do reaccionário neo-liberalismo globalizador como "deus-ex-machina" da crise sistémica desencadeada a comenzos dos anos setenta -e que inda dura.

Daquela, no primeiro terzo do XX, os nazifascismos, tanto como fenómeno socio-ideolóxico canto como reximes políticos, foran a fórmula arbitrada polo grande capital -simbiose do industrial e o bancario- para facer frente ao ascenso do poder do proletariado no centro e tamén na periferia do sistema, e máis para dotárense as potencias emerxentes derrotadas no 18 de instrumental político eficaz na disputa pola hexemonía no sistema-mundo frente á potencia en declive dende fins do XIX -a Gran Bretaña. O nexo medular entre fascismo e grande capital fora daquela lúcidamente revelado por Daniel Guérin: "Entre fascismo e gran capital o vencello é tan íntimo que o día en que o grande capital lle retira o seu apoio ven ser, para o fascismo, o comenzo do fin". E así foi, desque, alén da pétrea resistencia da URSS, decidíu tomar partido a nova potencia hexemónica USA. Mais, arestora, a estrutura do sistema en crise é moi distinta da dos anos trinta: está globalizada e hexemonizada por un capital financeiro transnacionalizado -co corazón sempre, iso si, na metrópole ianqui. E correlativamente mudou a morfoloxía do nazifascismo instrumentalmente útil nesta nova etapa.

Inda hai poucos días, o "Altermundo" que dirixe Manoel Santos, e que mensualmente se imprime como suplemento no GH, publicaba un artigo do grande sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos -unha das cabezas pensantes con máis incidencia e prestixio no universo antisistémico dos FSM. Titúlase precisamente "O fascismo financeiro". Nil evoca e reproduz parcialmente matinacións suas de hai xa un decenio. Veleiquí algunhas delas. "Considero eu que un dos sinais da crise da democracia é a emerxencia do fascismo social. Non se trata do regreso ao fascismo do século pasado. Non se trata dun rexime político, mais antes dun rexime social. En vez de sacrificar a democracia ás esixencias do capitalismo, promove unha versión empobrecida da democracia que torna des-necesario e mesmo inconveniente o sacrificio. Trátase, pois, dun fascismo "pluralista" e, por iso, dunha forma de fascismo que nunca existiu". Unha das formas de "sociabilidade fascista" identificadas por Sousa Santos éo mesmamente o "fascismo financeiro": "é se cadra o máis virulento. (...) A (sua) virulencia reside no seu potencial de destrución, na sua capacidade para lanzar ao abismo da exclusión a países pobres enteiros". E "é tamén o máis agresivo, porque o seu espazo-tempo é o máis refractario a calquera intervención democrática. (...) practicamente incontrolábel a pesar de suficientemente poderoso para abalar, en segundos, a economía real ou a estabilidade política de calquer país". Por certo que remata con ironía: "Escribía isto ao pensar nos países do chamado Terceiro Mundo. Non podía imaxinar que o fose recuperar ao pensar en países da UE".

Mais, alén das raiceiras socioeconómicas e de clase dos nazifascismos, están as suas dimensións xenofóbicas, racistas, etnocidas e xenocidas. As que, na versión nazi-hitlerián, entronizaron o racismo "ario", determinaron a aberrante estratexia do exterminio dos "unter-menschen", os "sub-humanos" xudeus, ziganos ou eslavos, e desembocaron na apocalipse da "solución final", o estarrecedor xenocidio padecido moi primordialmente polos xudeus europeus. Mesmamente, a memoria desa traxedia, vergoña perene na conciencia da humanidade, torna máis revoltante aínda o proceso freudiano de metamorfose da vítima en verdugo protagonizado dende hai meio século até agora mesmo polo Estado sionista de Israel, coa delictiva complicidade activa dos USA e do seu vasalo europeu, a UE. Un Estado confesional integrista criado coa coartada de "limpar" a má conciencia dun "Oucidente" que bailara o rigodón cos nazifascismos dos anos trinta, no canto de islolalos e esganalos cando inda era tempo de evitar a apocalipse. Un Estado belicista instalado ás portas dun "espazo vital" para este IV Reich de "fascismo pluralista" que é o imperial sistema-mundo globalizado, co cometido de garantir, pola ameza e a violencia, a espoliación dos recursos enerxéticos vitais que ese espazo acobilla. Un Estado racista que leva meio século a teimar na expropriación do territorio e até, a poder ser, no exterminio do povo palestino, o xesucristo dos nosos días.

Si, sen dúbida ningunha, o Estado sionista de Israel é a cidadela kafkián dos nazis de arestora na estrema mediterrán de "Oucidente". E "Oucidente" segue a bailar o rigodón con il -como outrora con Mussolini e Hitler. Deica a consumación destoutra apocalipse.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.