1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (4 Votos)
Alberte Momán

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

O pasteiro

CES

Alberte Momán - Publicado: Quinta, 03 Março 2011 22:58

Alberte Momán

O rural galego adoeceu sempre de ausencia de políticas vinculadas ao país, que incidisen na viabilidade das explotacións gandeiras. Medidas como a organización do territorio, claramente en conflito coas distintas políticas de urbanismo, nunca foron nin tan sequera consideradas polos gobernos varios que pasaron polo parlamento galego.


Pola contra, os investimentos públicos limitáronse a reconducir os fondos vidos de Europa, en axudas supostamente destinadas á redución do impacto medio ambiental dunha actividade económica cuxa xestión, dada a escasa formación profesional de labregos e labregas, ficou en mans dos vendedores das casas comerciais provedoras de insumos.

Pretender o control no uso imprudente de fitosanitarios, abonos e residuos propios da actividade, así como favorecer a extensificación das producións, sen unha formación adecuada, e sen incidir en medidas preventivas e de xestión que permitan unha menor dependencia de insumos externos, é tan absurdo que resulta sorprendente que axudas como as agroambientais, primeiro, e Contrato de Explotación Sustentable (CES), despois, callasen tanto na pseudopolítica para o rural deste país.

A perversión do sistema comeza co progresivo desmantelamento das Oficinas Agrarias Comarcais (OACs), antigas Extensións Agrarias, e a precaria situación económica dos sindicatos agrarios, ligados aos diferentes partidos políticos, que viron en ditas subvencións unha maneira de recadar diñeiro para as súas campañas partidistas. Contratos subvencionados para técnicos, administrativos e veterinarios, aprovisionaron de persoal barato a estas entidades, así como as distintas asociacións montadas ao redor delas. Segundo as OACs ían perdendo responsabilidades, a privatización dos servizos agrarios se ía consolidando, da man destas pretendidas entidades de asesoramento. Deste xeito, os partidos no poder, consolidaron as súas estruturas de base, desviando cartos do único xeito posible, xa que formalmente, os mal chamados sindicatos agrarios, carecían de tal distinción oficial, polo que non podían optar ao financiamento público como as organizacións de operarios e operarias.

Conscientes de que nin as Agroambientais, nin o actual CES, axudaban a paliar ningún dos problemas que hoxe en día o agro ten, os partidos continuaron a apoiar, coa desculpa do mandato europeo, este tipo de subsidio, camuflando, así mesmo, a súa covardía e/ou desinterese ante medidas, fortemente impopulares, que favorecesen, por unha parte, o acceso dos labregos e labregas á terra (como fundamento dunha política de desintensificación das producións), e un cambio radical na concepción da actividade agraria.

A defensa do medio natural, ligado á xestión dunha explotación agraria, pasa pola implicación da administración pública, polo control, en períodos de transición, dos distintos modelos produtivos, mediante a lexislación pertinente e de obrigado cumprimento. Nunca pola ficción dunha axuda a quen, supostamente, ten unha actuación respectuosa ou un tipo de manexo que non se ve beneficiado por ningún outro tipo de política.

A actitude populista, que hoxe describe a postura de organizacións como o SLG, fronte aos impagos, por parte da Xunta de Galiza, das axudas do CES, non fai máis que redundar, por unha parte, na privatización dos servizos de asesoramento agrario, e consecuentemente, da precarización do emprego das persoas ligadas ás entidades privadas de aconsellamento, e por outra parte, nunha conduta de ocultación dos motivos reais da proliferación destas entidades.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.