Non son descoñecidos os efectos do abandono da produción agrogandeira na superficie agraria útil. A ausencia case absoluta dunha clara e rigorosa ordenación do territorio non fixo máis que acentuar eses efectos, que como consecuencias máis salientables destacamos a reforestación de terras agrarias, a acumulación de superficies improdutivas susceptibles de ser pasto das lapas e con elas todo canto estea ao redor, ben sexan montes ou vivendas, o despoboamento do rural producido polo círculo perverso protagonizado pola ausencia de emprego e a conseguinte perda de servizos (ou a posibilidade de acceder a eles, por un incremento da poboación que xustificase a súa implantación na zona).
Durante moitos anos, as zonas potencialmente máis turísticas ou aqueloutras máis próximas a núcleos de poboación en expansión, trocaron a produción agraria pola especulación urbanística, tamén favorecida pola ausencia case total dunha ordenación respectuosa e coherente coas necesidades dun país cunha forte raíz labrega. Á súa vez, a construción de casas illadas ou urbanizacións, complicou máis a existencia de explotacións agrarias que, por unha parte, vían reducida a súa capacidade para acceder a superficies para pastos ou cultivos, e por outra banda, polas continuas queixas polos 'cheiros' e 'verquidos' propios da actividade agraria, que se converteron nun problema no momento no que irresponsablemente se construíron vivendas onde só deberían existir leiras ou outras explotacións.
A política dos sucesivos gobernos da Xunta de Galiza de deixar facer, sen inmiscirse nos traballos do todopoderoso sector da construción, veuse timidamente truncada coa chegada do goberno bipartito que, sen afondar no problema da ordenación do territorio, si marcou unhas pautas de comportamento, favorecendo a consolidación de núcleos rurais e a imposibilidade de dedicar a outras actividades que non fosen as agrarias as superficies das que toda a vida se dispuxera para tales efectos. As medidas adoptadas, malia que insuficientes, debían marcar a liña a seguir para conseguir a non perda de forza de traballo no agro galego. Para dar paso a actividades de ocupación do territorio, como as ligadas ao gando en extensivo, o silvopastoreo, así como outras actividades ligadas ao monte que permitisen unha utilización integral de todas as zonas, agrarias e forestais, poñéndoas en valor e creando postos de traballo que revitalizasen o rural galego, axudando a desconxestionar os núcleos urbanos e dotar de servizos básicos as rexións máis afastadas destes, tan necesarios para unha vida normalizada no rural.