Nun comunicado de prensa, a asociación inclúe neses "recortes" o peche de hospitais e de centros de saúde e demoras na asistencia por falta de persoal médico-sanitario. Unha situación que provoca, "que a asistencia está a ser deficitaria" no que se refire a listas de espera. "O 100% dos cidadáns cunha espera prolongada chega cun agravamento que en moitos casos é irreversible", denuncia, ao que suma "urxencias colapsadas, atentando á intimidade" e "pacientes revoltos".
Neste sentido, o Defensor do Paciente lembra que os pacientes "non teñen como obrigación soportar a mala xestión dos que gobernan" ou a "incoherencia dos copagos que tamén atentan contra aqueles que non poden sufrilos".
Hospital Juan Cardona de Ferrol
Esta institución pon coma exemplo o que acontece no Hospital Juan Cardona de Ferrol. "Realizan certas actuacións que preocupan enormemente porque, ao parecer, estanse producindo numerosas infeccións cirúrxicas, sendo especialmente graves as que afectan os implantes de PTC e PTR".
"Hai uns días o xerente reuniu aos traumatólogos por este motivo e comentoulles que tivesen mais coidado. Un deles, que hai dous anos denunciara na Inspección Médica que o hospital lles obrigaba a reutilizar material desbotable despois de esterilizarlo e negouse a iso, comentou que podía ser debido a que se realizaban obras no bloque cirúrxico sen deter a actividade, a que o ritmo de intervencións era alto e que non había nin material suficiente nin tempo para esterilizarlo correctamente".
"Crear alarma"
Ante esta denuncia, o xerente deste hospital respondeulle ao Defensor do Paciente que "como sempre o seu interese era crear alarma e que o que tiñan que facer era ser máis coidadosos". "Entenderá esta preocupación como lexítima", dille esta institución no escrito ao fiscal superior de Galicia, ao que piden unha entrevista persoal para exporlle estes feitos.
Finalmente, pide unha investigación "e depuración de responsabilidades" por entender que "pode haber un presunto delito por pór en risco a unha poboación tal delicada como son os enfermos". "A enfermidade non é un xogo e isto parece ser o que cren os mandatarios de sanidade cos recortes que están a realizar", finaliza.
Foto: Plataforma em Defesa da Sanidade Pública de Ferrol - Protesto pola sanidade pública em 2010.

