Coincide ademais a data deste aniversario cos 10 anos da catástrofe do Prestige e mesmo cos 10 anos da condena a ENCE pola comisión dun delito ecolóxico continuado no tempo, dous feitos transcendentais na nosa comarca e nos que a APDR xogou un importante papel que lle valeu o recoñecemento social e ser galardoada co premio Cidade de Pontevedra correspondente ao ano 2002.
E, evidentemente, na APDR imos celebrar estes 25 primeiros anos de vida cunha serie de actividades que se desenvolverán ata finais de marzo de 2013, actividades que imos ir anunciando oportunamente e que se inician cun Concerto no KARMA, fronte ás ruínas de San Domingos.
En efecto, APDR abre os actos de celebración do seu 25 aniversario cun concerto de dous grupos musicais da nosa cidade, DEBUXOS REANIMADOS e MEIGHA, que vai ter lugar o VENRES DÍA 26 a partir das 21:30 horas na sala KARMA e no que se vai lembrar tamén o labor do voluntariado e das xentes do mar na defensa do noso litoral fronte ao chapapote procedente do Prestige e fronte á ineptitude das administracións, que converteron o accidente dun petroleiro na maior catástrofe ecolóxica dos últimos tempos na Galiza.
A entrada ao concerto ten un prezo de 5 euros e as entradas pódense retirar nos seguintes locais comerciais da nosa vila:
Vinoteca O BIOCO (rúa Manuel Quiroga)
Libraría PAZ (rúa Peregrina)
Libraría EL NARANJO (rúa Laranxo)
Cervexaría O GATO GORDO (rúa Flórez)
Tenda ecolóxica ECO-SABOR (rúa Pasantería)
Pub PEQUENO KARMA (rúa Charino)
Tenda de Numismática e moedas antigas (rúa Sarmiento)
Tamén se poden solicitar as entradas na APDR, ben telefonicamente (666 621 438) ou ben vía correo electrónico (apdr@apdr.info), e o día do concerto, a partir das 21 horas, na entrada da sala Karma.
Desde a APDR animamos a todas aquelas persoas que, socias ou non da asociación, teñan unha preocupación pola defensa do medio ambiente e que entendan necesario o labor dos colectivos ecoloxistas na defensa dos recursos naturais e da calidade de vida, a que asistan a este concerto e compartan con nós estes primeiros 25 anos de vida.
Foto: Maketon - Debuxos Reanimados, umha das bandas deste concerto-aniversário.


