Asistimos nestes momentos, mediante as políticas deseñadas por Feijoo e por Rajoy, a unha radicalización das políticas neoliberais. O recorte de dereitos sociais e nacionais, a ofensiva contra as pensións ou os recortes en materias tan sensíbeis como a sanidade ou a educación fan parte dunha ofensiva nunca vista dende os tempos do franquismo.
Nun momento de recomposición do campo nacionalista, vimos positivo reactivar este debate, para situar as discrepancias e as coincidencias dentro dun mapa máis xeral, o da propia crise capitalista, que alén de atravesar as nosas vidas fai que teñamos que meditar e pensar no futuro entendendo que o camiño que tomemos hoxe será determinante para ver a posición na que nos situaremos nos próximos anos. A regresión social na que vivimos fai que sexan necesarias novas ferramentas e dispositivos de cara a articular unha resposta contra os ataques que está a sufrir hoxe a sociedade galega, e moi especialmente a mocidade e as mulleres.


