A CNT quere convidar a todas as persoas que defenden a liberdade de expresión e de opinión a que amosen a súas solidariedade coas persoas detidas e nos acompañen na concentración que se levará a cabo o vindeiro mércores, dia 10, ás 20h na praza do Pan
A CNT Compostela quere manifestar todo o apoio e soliedariedade cos membros da compañía «Títeres desde abajo» na celebración do espectáculo de monicreques “La bruja y Don Cristobal”, pola súa detención baixo a acusación de “enaltecemento do terrorismo” en Madrid o pasado 5 de febreiro, nun dos casos máis vergoñentos dos últimos anos no que se refire á violación da liberdade de expresión.
Este tipo de detencións coa súa posterior entrada en prisión sen fianza por motivos ideolóxicos non nos colle por sorpresa, lembremos que hai unhas semanas xa nos manifestamos en Compostela por motivos parecidos. Neste caso aproveitamos para denunciar ademais o «buenismo» político de determinados sectores ou partidos políticos que escudados na bandeira do progresismo se deixaron levar dende un primeiro momento pola paranoia da caza de bruxas e a criminalización dos movementos sociais e políticos, caendo no xogo de determinados medios e determinados «mantras políticos», facilitando, cando non colaborando, coa detención e encarceramento dos titeriteiros así como a condena pública da súa obra, e a manipulación pública sobre o contido da obra.
Nin esta obra é para nenos, nin se enaltece o terrorismo. A obra é unha simple sátira social que, en diferentes versións, leva sendo representada desde hai máis de 200 anos, non unha «incitación ao odio».