Segundo nos conta a Plataforma Patrimonio, o proceso xa ven de lonxe, do ano 2006, cando a Universidade da Coruña proxecta crear unha residencia universitaria que obrigaría a desaloxar a 11 familias.
Desde entón, os veciños batallaron en todas as frontes ata que hai dúas semanas a Xunta decidiu cortar polo sano e comunicou a dúas familias que no prazo dun mes procederían a desaloxalos.
Os afectados, que recibiron as actas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), néganse a marchar e piden un prezo xusto por ceder as súas propiedades e aceptar o realoxamento. A Xunta ofrecelles un piso na Coruña pero moitos deles son xa vellos e están moi apegados á terra.
Toda a vida en Elviña
"Que fago eu nun andar, que aínda por riba teño que pagar todos os meses?”, conta Perfecto Gomes. Este veciño está a punto de cumprir 80 anos e non concibe outra forma de vida fora do núcleo no que viviu durante décadas e no que ainda se mantén activo grazas ao muíño que ten nos baixos da casa e que aínda segue utilizando para moerlle o millo a moitos dos seus veciños.
Asociacións de veciños e de defensa do patrimonio denuncian a pouca sensibilidade da administración e anuncian novas mobilizacións se os afectados non son reubicados no propio barrio de Elviña.
{vimeo}10604854{/vimeo}


