Fiscalía citou aos representantes da Asemblea Aberta de Coia para ratificar e ampliar a denuncia, admitida a trámite, por supostos delitos de prevaricación, malversación de fondos públicos, ocultismo e libre concorrencia na decisión do goberno municipal de instalar o “Bernardo Alfageme” na rotonda de Coia.
Unha decisión, segundo a Asemblea, tomada en contra:
- Do convenio de cesión do barco, o cal previa a defensa do patrimonio marítimo-pesqueiro da cidade á vez que un uso pedagóxico
- Dos acordos de dous plenos
- Da oposición da veciñanza, que reclamamos que non se malgasten cartos en ornamentación dunha cidade na que moitos fogares teñen problemas para cubrir as súas necesidades básicas.
Da Asemblea aproveitarán o acto para expresar, outra vez, o rexeitamento a instalación do barco, nuns momentos de grandes e graves problemas para moitas persoas que sofren uns servizos sociais municipais colapsados que non son quen de dar as respostas precisas por insuficiencia de medios. Aproveitarán a data para continuar coa recollida de sinaturas, que xa sobrepasan as 3000.