Foto: Concentraçom solidária em Compostela (Galiza Contrainfo)
MpB
MpB analiza a última detención dun militante galego
Diante da operación policial orquestrada nos últimos días contra un militante galego pola chamada Audiencia Nacional, desde o Movemento pola Base queremos manifestar as seguintes reflexións ao conxunto da sociedade galega:
1.-Expresamos a nosa preocupación pola situación do compañeiro que nestes momentos acaban de poñer a disposición xudicial, despois de pasar máis de dous días sen que os seus avogados, familiares e compañeiros soubesen absolutamente nada sobre o seu estado físico, especialmente despois de que el mesmo manifestase que foi torturado e mesmo denunciase esta situación diante do xuíz. Denunciamos máis unha vez a aplicación arbitraria da lexislación "antiterrorista". Informes anuais de organismos internacionais sobre torturas no Estado español fan que vexamos con especial preocupación este punto. Esa mesma lexislación leva aparellado que a Audiencia Nacional poida aplicar prisión preventiva de ata catro anos á espera de xuízo.
2.- Desde o luns pola noite, día no que comezou este proceso aberto polo tribunal de excepción español, os medios de comunicación públicos e privados deron por sentada a teoría policial en relación a estes feitos, que trataba á persoa detida como membro dunha suposta organización terrorista sen a mínima consideración pola súa honra ou dignidade. O circo mediático ao que estamos a asistir e a submisión dos medios públicos e privados ás directrices do Ministerio do Interior evidencian o carácter político desta operación e a intoxicación e manipulación á que é sometida a sociedade.
3.- Queremos mostrar a nosa solidariedade coa persoa detida e a súa contorna e esiximos que o seu sufrimento non se vexa agravado pola medida ilegal da dispersión. Diante desta situación de excepcionalidade xurídica, reclamamos o cumprimento escrupuloso de todos os dereitos da persoa acusada ou presa e facemos un chamamento ao conxunto da sociedade para reclamar o pleno respecto aos dereitos e liberdades democráticas sen excepcións.
4.- Rexeitamos e condenamos o intento de criminalizar o movemento popular galego, en concreto a candidatura municipal "Ames na Esquerda", que entra dentro do intento de desacreditar as organizacións e persoas que neste país loitan por un futuro digno de verdadeira xustiza social para todas e todos os galegos, con independencia das súas opinións ou crenzas.
Galiza, 10 de xaneiro de 2012
Adiante
Espallemos a solidariedade antirrepresiva
Na mañá de antonte espertabamos cunha preocupante nova: outro mozo independentista foi un dos protagonistas dos telexornais en condición de presunto terrorista. Neste caso trátase do Senlheiro, coñecido activista social da cidade de Compostela e arredores e recoñecido por nós, por moitas das militantes de Adiante que con el temos compartido trincheira en inumerábeis loitas como un incansábel militante ao servizo do noso pobo. Mais neste país, as duras medidas represivas contra toda independentista que actúe cotiamente conforme ás súas conviccións políticas non veñen de novo; supoñen un fenómeno xa consolidado como unha das rutinarias dinámicas impostas pola axenda política do Ministerio de Interior á militancia independentista galega. Estamos perante nada máis e nada menos que a volta da Inquisición, o estado de excepción normalizado que implica que xa non se presupón en ningún caso a inocencia das persoas represaliadas, presupoñéndose estas agora como terroristas até que as probas determinen o contrario. Chegado a unha agudización da conflitividade social como a que actualmente vivimos, cómprelle ao Estado activar os máis coercitivos mecanismos do seu violento monopolio, cómprelle sinalar co dedo na procura de inimigos que puideran pór en perigo a "integridade física de todos os galegos", inimigos con cuxo enfrontamento directo ser quen de xustificar a súa permanencia no poder baixo o cínico argumento da garantía da paz constitucional e a normalidade democrática.
É este o proceso mediante o cal o latente fascismo do que hoxe se impregnan as institucións burguesas españolas, comeza a crear o seu oco político. Trátase dese proceso histórico que co capitalismo sempre volve. En situacións de crise económica, a burguesía tenta eludir calquera tipo de responsabilidade creando o mito do inimigo maior contra o cal reaccionar unitariamente xunto ao pobo antes por ela espoliado. O mito nazi da ameaza xudea, da ameaza comunista, o mito fascista da ameaza inmigrante, o mito ianqui da ameaza islamista, e na Galiza do agora mesmo, o mito da ameaza independentista. Non é de estrañar a présa do PP por sacar adiante unha iniciativa parlamentar de condena institucional das actividades desa suposta perigosa organización terrorista estruturada no noso país. A única intención que move o PP é a de que as súas teses arredor do mito sexan referendadas como coartada perfecta para, ademais de erixirse perante o pobo como os seus únicos liberadores da ameaza terrorista, volver contra a ansia emancipadora dos movementos sociais ou do sindicalismo transformador de clase toda a maquinaria represiva do Estado.
Cómplices de todo isto son a totalidade dos medios de comunicación de masas, que guiados por un noxento morbo non reparan en meter o dedo na chaga tentando criminalizar a salvagarda da dignidade de familiares e solidarias, como aconteceu no caso da TVG coa irrupción das súas cámaras e micros manipuladores no entorno da vivenda familiar do Senlheiro.
En consecuencia co anterior, desde Adiante queremos reafirmar enerxicamente as nosas reivindicacións antirepresivas:
Derrogación inmediata da lexislación antiterrorista,a cal atenta severamente contra os dereitos humanos máis básicos mediante o illamento e a incomunicación prolongada tras o secuestro policial. Esta lexislación está directamente vencellada a prácticas ilegais de tortura tanto física como psicolóxica – como as que, por exemplo, o Senlheiro ten denunciado sufrir no monte pouco despois de ser detido-.
Presunción de inocencia das persoas detidas, xa que os mandatos da burguesía española volven incumprir o que a súa propia Carta Magna estabelece en canto ao Estado de Dereito. Isto supón que moitas das persoas represaliadas pasen anos en prisión preventiva agardando ser declaradas algún día inocentes. Nin unha inocente máis na cadea!
Cese inmediato da dispersión carceraria, medida de excepción que consiste en arredar as persoas represaliadas a centos de kilómetros da súa terra e en condenar ás súas amigas e familiares a longas viaxes de visita en carro expostas a posíbeis accidentes de tráfico. Reclamamos que as presas galegas sexan achegadas xa á súa terra!
Liberdade inmediata para a totalidade das presas antifascistas, comunistas e independentistas galegas tras o recoñecemento da condición de "presa política" para todas estas persoas que acaban na cadea por mor de actividades reivindicadas en virtude de certa intencionalidade política.
En torno a estas reividicacións básicas é que queremos facer un chamamento á mocidade galega para tomar nas rúas a iniciativa solidaria e, xunto co maior número de colectivos e movementos sociais posíbeis, irmos vertebrando as bases dun sólido movemento antirrepresivo galego en defensa dos dereitos humanos que, coa mobilización masiva na rúa, sexa quen de plantarlle cara ao Estado Español en cada un dos seus embates represivos contra militantes galegos (tendencia que no futuro imediato só podemos agardar como intensificada).
SENLHEIRO LIBERDADE!
ABONDA XA DE REPRESIÓN DO INDEPENDENTISMO GALEGO!
PRESAS Á RÚA, A LOITA CONTINÚA!