“Con este ciclo de conferencias pretendemos seguir concienciando do gran paso que a nosa sociedade parece dar”, subliña a profesora Celia Vázquez, directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e organizadora das xornadas, facendo referencia a que no século XX a muller conseguiu incorporarse ao mundo do traballo, foi conquistando parcelas de poder e xestión, sen descoidar as tarefas que a sociedade lle impuxo pola súa condición de muller e nai e agora toca concienciar aos homes de que todo o que responde ao microcosmos do fogar tamén é a súa responsabilidade compartida, “pois so así se poderá avanzar cara a unha sociedade igualitaria e isto vai custar algún tempo porque antes o home debe ser capaz de interiorizar unha experiencia non discriminatoria”, subliña a docente, recalcando que “destas cousas son das que falan os nosos conferenciantes”.
Lawrence Shimel analizará os prexuízos arredor da misoxinia
Patrocinada pola Unidade de Igualdade, esta actividade, que se celebrará o 6, 8 e 13 de novembro no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, diríxese a un amplo abano de público preocupado polas cuestións de xénero en todos os ámbitos da sociedade, ao alumnado e profesorado universitario e a aqueles docentes e futuros docentes das etapas iniciais da educación “que son os que transmiten valores, coñecementos, actitudes e comportamentos no colexio”, subliña Vázquez.
O ciclo botará a andar o martes 6 coa participación do escritor americano Lawrence Shimel que baixo o título A normalización das ausencias. Misoxinia e homofobia no mundo literario infantil e xuvenil analizará o funcionamento dos prexuízos e a tendencia normativizadora de representar as vidas dos que teñen o poder como único modelo. Pondo como exemplo diferentes publicacións infantís Shimel falará non só da misoxinia activa senón tamén da pasiva, que suprime experiencias femininas; a homofobia, a xenofobia e a invisibilización das minusvalías nos libros infantís, aspectos que contradin os dereitos humanos consagrados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Non sempre é divertido ser o Ken da Barbi
Baixo o atractivo título de Non sempre é divertido ser o Ken da Barbi a profesora de Educación Infantil e doutoranda da Universidade de Vigo Alba Alonso retomará o ciclo o xoves 8 de novembro. Ela será a encargada de amosar como a literatura infantil e xuvenil presenta continuos estereotipos de xénero “que o profesorado tende a ignorar de modo inconsciente”, subliña a organizadora das xornadas.
O ciclo pecharase o 13 de novembro coa participación dun experto en Dereito, Judian J. Vieira, que afondará na función da muller na formación cultural brasileira, fixándose, entre outros aspectos, no importante papel das telenovelas á hora de perpetuar os roles femininos estereotipados.


