Desde ese mundo privilexiado para o galego, o da cultura, xorden voces para reflexionar sobre unha lingua que é “non útil” e “prescindible”. Só por iso se explica que no 2012 é posible vivir en Galiza sen falar galego e é imposible facer vida unicamente en galego. Pilar Pallarés teno claro. ”Mentres o uso e coñecemento do galego sexa un dereito, pero non un deber, e dependa da vontade individual e da asunción de identidades colectivas, mal vai”.
E mal vai porque coa chegada do Goberno Feijóo, detéctase “persecución política” cara a un tratado como “idioma de bastardos”. Para o narrador Lois Diéguez, desde o 2009, a Administración “macha- ca”. “Saben que se a eliminan do ensino, todas as xeracións futuras van ser analfabetas na súa lingua”.
No Decreto do 2007, o galego tiña unha presenza mínima garantida do 50% no sistema educativo. “Agora rebaixase ó 33%, o que, unido a outros sinais de desprotección retrotae ós tempos escuros”, asegura Xosé Ramón Freixeiro Mato. Fronte á Lei de Normalización Lingüística, que recolle que a Xunta debe dar pasos progresivos, aínda que sexan timo- ratos, o PP actúa, cre o ensaísta, de xeito “ilegal”, nun proceso “á inversa”, desnormalizador.
Un dos bens máis importantes que se lle pode deixar a un fillo é a lingua. “É moi duro criar a un pequeno en galego e que ó escolarizar esvae”, lamenta Dores Tembrás. A lingua precisa activismo. “Non é suficiente falar só no ámbito familiar”. Tráta- se de poder falar na escola e que sexa un idioma para todo, para ir ó supermercado, namorar ou divertirse.
Asistimos a un ataque “brutal, global, aberto” e “rodeado de boas formas” da “apisonadora” do Executivo galego, como a define o comunicador Xurxo Souto. Fronte a iso, “a sociedade revélase”, maniféstase e artella necesarias respostas.
Revélase e resiste. E se ben un idioma “non se pode soster dende a resistencia”, sí dá “esperanza”. Débese falar e reflexionar sobre o illamento. Os escritores Francisco Fernánez Naval e Marcelino Fernández Mallo poñen o acento na supervivencia. “Se os cataláns tiveran unha lingua como o galego, empresarios, universidade e goberno estarían traballando en afianzar relacións cunha potencia emerxente mundial como é Brasil”. Por que en Galiza non se inicia un achegamento ó portugués ou ó brasileiro, como referencia “vital”?
O galego é unha oportunidade, un tesouro, un ben, unha riqueza común, a manifestación máis impor- tante do pobo, que se debe preservar á marxe de cores políticas, para non ser denostada polo bando contrario.
É unha criatura e como tal hai que coidala fronte á hostilidade, salvala da morte e ser ecolóxicos, non cometer, con insensatez, o erro de deixala arrombada. Porque, a poeta Estibaliza Espinosa así o di, “sen medidas sociais e políticas que cambien a mentalidade, o que se pode facer desde a literatura non abonda, sería mantela con repiración asistida, e o galego ten que respirar socialmente”. Todo galego que teña un complexo do seu idioma nunca será persoa libre. A mellor resistencia, será falar e falar.
Imaxe: Pranto pola muller caída, de Luis Seoane.

