1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

IMG 20160202 194912Galiza - 112 en loita - Na tarde de onte, 2 de febreiro, o persoal das centrais de emerxencias 112 e urxencias médicas 061 celebrou en Santiago unha mesa informativa aberta  para explicar a situación que deriva da decisión da Xunta de Galicia de trasladar estes servizos desde Santiago á Estrada.


No acto, que congregou unhas 60 persoas no local socio-cultural do Ensanche de Compostela, entre as que estaban membros do Foro Cívico da cidade, representantes de asociacións veciñais, empresariais e sectoriais, así como veciños e tamén membros da corporación municipal e dos grupos municipais que se opoñen ao traslado — todos agás o grupo municipal do Partido Popular, que declinou acudir — interviron Jorge Puente, membro da xunta de persoal estatutario do 061 e xefe de sala dese servizo; Ara Nine, xestora de emerxencias e presidente do Comité de Empresa do 061 e Isabel Moares, xestora de emerxencias do e presidente do Comité de Empresa do 112.

En concreto, as intervencións comentaron a situación que enfrenta o persoal que presta servizos nesas centrais de coordinación — e que precariza aínda máis a súa situación laboral —, mais centraron a atención na falta de motivos económicos, técnicos ou organizativos que expliquen a decisión de deslocalizar os servizos, achacándoa a motivacións políticas ocultas. As intervencións repasaron ademais os gastos derivados do traslado e contrapuxéronos cos problemas de dotación e orzamento dos medios de intervención directa (ambulancias, bombeiros, grupos de emerxencias supramunicipais, asociacións de protección civil, etc), e repasaron os puntos que fundamentan o seu manifesto, que se adxunta nesta nota.

O acto rematou coas intervencións de varias persoas do público manifestando o seu apoio expreso contra o traslado e lamentándose das consecuencias que supón.

Manifesto contra a deslocalización dos servizos de urxencias e emerxencias

As urxencias médicas e as emerxencias que teñen lugar na comunidade autónoma de Galicia son atendidas por dous servizos públicos dependentes da Xunta: o 061, encargado da atención de urxencias médicas e sanitarias e o 112, responsábel da coordinación do resto de emerxencias. Ambos prestan os seus servizos dende a capital do país desde hai dúas décadas, cuns estándares de calidade indiscutidos até a data.

No ano 2015, a Xunta de Galicia decidiu a deslocalización de ambos os servizos para un novo edificio situado na Estrada, contrariamente á opinión de diferentes expertos na coordinación de emerxencias e sen informar nen consultar ás plantillas afectadas: en total, máis de 300 traballadores que maioritariamente fan a súa vida e teñen as súas familias en Compostela e na súa contorna. Ademais dos custos individuais que van derivar desta deslocalización (máis de 2.500 euros ao ano por persoa só en combustíbel) e do aumento de tempo de traballo e cansazo do persoal afectado, esta decisión política terá consecuencias prácticas para a economía local de Santiago e comarca. En primeiro lugar, perdaranse postos de traballo e tamén poboación, dado que moitos dos traballadores optarán por cambiar de residencia, co que isto implica de perdas para o comercio local no día a día. Ademais, ao trasladar as centrais de emerxencias fóra de Santiago afóndase nunha dinámica de descentralizacións (consellerías, direccións xerais, etc.) que vacía a cidade de organismos públicos e cuestiona a referencialidade e centralidade da capital de Galicia. Por outra parte, as expectativas xeradas na Estrada como novo centro neurálxico para estas cuestións non deixan de ser falsas: non se crean novos postos de traballo (a maioría do persoal terminará trasladándose co seu posto) e, ademais, priorízanse unhas infraestruturas innecesarias no seu tecido socio-económico, en detrimento doutras con máis aplicacións prácticas.

A deslocalización non só produce prexuízos, senón que ademais é inseparábel dunha serie de gastos que, vistos en perspectiva, resultan escandalosos. O custo do novo edificio, 12 millóns de euros de diñeiro público, faise pouco despois de que a Xunta investise milleiros de euros para adaptar as instalacións do 112 e do 061 a unha serie de necesidades técnicas que entón non se cumprían. A decisión do traslado á Estrada só se produciu despois destas remodelacións, polo que en ningún caso responde a criterios técnicos, senón a xogos políticos. Por outra parte, o elevado custo da operación de traslado obriga a preguntarse se un orzamento deste tipo non podería dedicarse á solventar os problemas e deficiencias de parques de ambulancias, de bombeiros e bases de protección civil infradotadas e que, malia as declaracións feitas polos responsables políticos, resultan insuficientes e mal repartidas, como pode constatarse no día a día. Dedicar esta cantidade de diñeiro a un edificio que, en si, non vai mellorar a calidade do servizo hipoteca posibles melloras que urxe implementar. Aínda máis: o incremento de cansazo asociado ao desprazamento, a maior dificultade para a conciliación coa vida familiar e a posibilidade de que algúns dos traballadores con máis experiencia, consecuentemente, decidan deixar o seu posto producirá de xeito directo unha perda da calidade que non poderían solucionarse coas novas incorporacións que se puidesen producir na Estrada.

En conclusión, esta deslocalización non ten por obxectivo mellorar os servizos, senón que en todo caso pode empeoralos, porque a nova ubicación só responde a intereses partidarios, e en ningún caso técnicos. E ademais, xera unha serie de prexuízos tanto para os profesionais afectados de maneira directa como para a cidade de Santiago e a súa comarca. Ademáis do gasto que vai supoñer o manter ese edificio. Un gasto que sairá do bolsillo de tódolos galegos, un malgasto que podería ben destinarse a unha millor resposta de emerxencias e sanitaria dotando ós servizos con máis medios para salvar vidas.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.