Un grupo de traballadores, dos nove despedidos hai un mes pola empresa de rótulos Trineon (Culleredo), concentráronse esta mañá diante do SMAC da Coruña coincidindo coa celebración dos actos de conciliación. Coa protesta queren rexeitar a rescisión dos seus contratos e reclamar o cobro inmediato das débedas salariais que a empresa mantén con eles.
Grupo Trineon despediu o pasado 28 de xullo a nove dos seus preto de 30 traballadores, sen preaviso e adebedándolle máis de 7.000 euros a cada un (pois ten pendente de pagarlles a nómina de xullo, as dúas pagas extraordinarias de 2013 e as horas extraordinarias).
A empresa alega perdas continuadas para xustificar os despedimentos, mais dende o colectivo poñen en cuestión esta situación, xa que no mes de xuño fixeron horas extraordinarias a diario, e mesmo tiveron que traballar sábados, domingos e festivos. Polo que consideran "unha incongruencia que a empresa despida traballadores mentres ten o persoal facendo horas extras".
Ás portas do SMAC, lembraron tamén que Grupo Trineon conta na súa carteira con grandes clientes, como Abanca, que nos últimos meses realizou importantes pedidos para renovar a rotulación de oficinas e caixeiros.