Varios centos de persoas percorreron esta mañá as rúas de Vigo para reclamar o mantemento de todos os postos de traballo en Freiremar despois de que a empresa despedise 101 dos 115 traballadores/as galegos/as. A marcha, que rematou diante do edificio da Xunta, coincidiu coa convocatoria dunha xornada de greve.
A mobilización en defensa do emprego na compañía de alimentación -cuarta pesqueira do Estado español- arrincou pasadas as 10.00 horas das instalacións da empresa no recheo de Bouzas e rematou ás 12.00 horas diante da Xunta tras percorrer a Avenida de Beiramar, rúa onde se atopa outras das sedes da firma.
Durante o traxecto os afectados/as non deixaron de berrar consignas como "Manuel Freire, paga o que debes" ou "Familias sen Nadal, terrorismo patronal".
Unha vez diante da Xunta, o secretario nacional da FGAMT-CIG, Xosé Fernández Piñeiro, agradeceu a presenza na manifestación de traballadores/as do grupo doutras zonas do Estado español como Madrid ou Zaragoza.
Piñeiro lembrou que o vindeiro día 3 de decembro os representantes sindicais están citados en Madrid para analizar a petición de amparo da mesa de negociación ante a autoridade laboral "ao entendermos que o proceso se atopa viciado".
Ao mesmo, adiantou que o día 11 os empregados/as de Freiremar afiliados/as á CIG están convocados a unha asemblea na que tamén participarán asesores xurídicos da central nacionalista co obxectivo de comezar a elaboración das reclamacións individuais de despedimento.
Foto: @nosgaliza