1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

040913 albadaGaliza - CIG - O Comité de Albada presentou un plan de viabilidade para reducir custes que a empresa non acepta e o Concello nin sequera avalía.


O Comité de Albada e as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO compareceron en rolda de prensa para explicar as "razóns" do conflito, sinalar "quen son os responsábeis de que non se resolva" e aclarar cales foron os pasos dados polos traballadores/as até agora co obxectivo de acadar unha solución negociada.

A representación social entende que o persoal está a ser utilizado "como chivo expiatorio" no pulso que a empresa mantén co Concello da Coruña e denunciaron unha vez máis, que Albada pretenda que sexan os traballadores/as quen paguen os desequilibrios económicos.

Logo de 32 días de greve e innumerábeis titulares na prensa de toda caste, os traballadores/as de Albada consideran necesario facer unha recapitulación da situación actual na que se atopa o conflito, e apuntar as chaves que explican que até o momento non se teñan producido avances na súa resolución. Neste senso, Paulo Carril, que actuou a modo de voceiro do colectivo, afirmou que os traballadores/as "somos os chivos expiatorios no medio dun conflito entre o Concello da Coruña, o Consorcio das Mariñas e a empresa", do Grupo Urbaser e propiedade de Florentino Pérez.

Unha disputa na que se mesturan, aseverou, a mala xestión empresarial, unha chantaxe por parte de Urbaser e unha lamentábel actuación do Concello da Coruña dende o nacemento mesmo da planta de Nostián.

Para comprender as súas afirmacións, Carril realizou un breve percorrido pola historia das instalacións, achegando os datos recollidos no informe que o Consello Consultivo emitiu o pasado ano en resposta ás pretensións do Concello da Coruña de revisar de oficio o acordo acadado pola anterior Corporación municipal con Albada.

Unha xestión pésima dende a posta en marcha

O Secretario de Organización da CIG lembrou que a planta naceu no ano 1998, logo do desastre do derrubamento do vertedoiro de Bens. Contando cun amplo respaldo social, o Concello outorgou a concesión da planta para a reciclaxe dos residuos urbanos durante 20 anos a UTE-Albada, quen ofertou a construción dun vertedoiro para os rexeitamentos –que a empresa estimou nun 35% no tempo que dure a concesión-.

No 2002, esgótase o primeiro vaso e autorízase a construción dun segundo. Neste punto, Carril denunciou que, ademais destes dous vasos autorizados, existe un vertedoiro ilegal na planta, do que as administracións non teñen botado conta. "Unha demostración máis da fraude que temos en Albada e da nefasta xestión que fai a empresa".

En 2007 supéranse cos rexeitamentos os dous vasos e daquela o Concello obriga a xestionar os residuos. Dous anos despois, en 2009, Albada esixe o restabelecemento do equilibrio económico-financeiro da concesión, cuantificando ese desequilibrio en 33 millóns de euros: 25 millóns referidos á inversións realizadas, case 8 millóns de custes de tratamento e transporte do 55% dos residuos (cando deberían ser só o 35%) e apenas dous millóns destinados a outros gastos de explotación.

En 2011, o Concello da Coruña asume parte desta débeda para o transporte e tratamento de rexeitamentos a outros vertedoiros do grupo Urbaser. "Xa temos denunciado que o lixo que non se recicla na Coruña, que é cada vez menos, vai directamente a vertedoiros que o único que fan e incrementar os beneficios de Urbaser. É máis, nas contas que nós temos de Albada, o 92% dos gastos son para encher de beneficios a outras empresas do Grupo, a través de enviar a eses vertedoiros o lixo sen tratar", sentenciou Carril.

Finalmente, en decembro de 2011, co PP xa no Goberno municipal, o Concello pretende unha revisión de oficio do acordo da corporación anterior polo que se aceptaba afrontar parte da débeda contraída con Urbaser. "Dicimos que hai unha chantaxe e unha mala xestión empresarial, así como un mal deseño da concesión, para que se comprenda o que está sucedendo e para facer ver que, efectivamente, se pretende que sexan os traballadores e traballadoras quen asuman o custe desa mala xestión e da lamentábel relación do Concello coa empresa".

Con este panorama, para os traballadores/as resulta especialmente sorprendente a dureza do PP coa xestión de Albada cando estaba na oposición, esixindo auditorías "que agora todo o mundo sabe que existen pero que non se ensinan publicamente". Esta opacidade arredor da situación económica da planta engádese á negativa da empresa a facilitar ao Comité información sobre as súas contas, a pesares de estar obrigada por lei. Por iso mesmo, a representación do persoal denunciou a Albada na Inspección de Traballo, quen xa emitiu unha sanción contra da compañía. "Nós non acreditamos nesas contas e en ningún suposto desequilibrio co que a empresa pretende xustificar todo o paquete de recortes laborais e salariais", aseverou o representante sindical.

Plan de Viabilidade

"Se estamos aínda en conflito, e seguiremos até conseguir unha garantía de emprego e unhas condicións salariais e laborais dignas, non é porque os traballadores/as non tiñamos dado pasos para acadar unha solución", afirmou Carril.

Así, explicou que o pasado 7 de agosto o Comité e as centrais sindicaron entregaron á mediadora e ao concelleiro de Medio Ambiente unha proposta dun Plan de Viabilidade, que podería pór fin a este conflito. Unha proposta constituída por dez puntos, na que o persoal asumiría o peso dunha redución de 350.000 euros nos custes, mais esixindo unha garantía de emprego que a empresa continúa negándose a dar. Ademais, formúlase levar adiante un ERTE temporal, a conxelación salarial e a redución de algúns pluses.

Porén, a pesar do sacrificio que suporía para o conxunto do persoal, a empresa non acepta este plan e non se ten movido "nin un milímetro" das súas posicións, evidenciándose deste xeito "que estamos ante unha estratexia por parte de Urbaser", a través da que pretende ser "punta de lanza da reforma laboral e gañar mercado a base de precarizar as condicións laborais".

A proposta da parte social nin sequera foi avaliada como posíbel solución ao conflito por parte do Concello, un posicionamento duramente criticado polos traballadores e traballadoras.

Salarios máis baixos que noutras empresas do sector

Durante a comparecencia, desmentíronse as recorrentes informacións que atribúen aos traballadores/as de Albada salarios "de directivos". Paulo Carril apuntou que as retribucións do persoal de Nostián –publicadas no BOP- son máis baixas que as que perciben, por exemplo, os/as operarios/as doutas empresas do sector como Sogama ou Cespa-A Coruña ou As Mariñas. "É falso que haxa salarios ou condicións en Albada propias de dirixentes empresariais". Nesta liña, desmentiu tamén que calquera tipo de condición laboral de Albada teña sido afrontada polas arcas municipais.

"Nós entendemos que toda a negativa na que está instalada a empresa é consecuencia dese conflito co Concello da Coruña e o Consorcio, no que os traballadores/as nos vemos metidos", afirmou. Por iso mesmo, Carril cualificou de "falsas" as informacións do PP local a respecto do conflito, sinalando que estamos ante unha fraude social. "Os veciños/as están soportando un incremento dos impostos na taxa do lixo por un proceso de reciclaxe que non se produce. Cóbrase por unha reciclaxe inexistente e a empresa leva anos extorsionando e pretendendo que todo o seu desequilibrio patrimonial o paguen os cidadáns/ás da Coruña".

Nos últimos tempos a parálise do reciclado tense agudizado, ao tempo que se incrementa o empaquetado de residuos para enviar a vertedoiros do grupo Urbaser, "e así engrosar os beneficios das empresas de Florentino Pérez, beneficios que igual van parar as contratacións millonarias de xogadores de fútbol do Real Madrid". "O que tería que facer o alcalde é reducir a contía da taxa do lixo pola reciclaxe que non se produce", afirmou.

Inacción do Concello

Para o Comité e as organizacións sindicais a actuación do Concello da Coruña neste conflito dista moito de ser modélica. Ao contrario, entenden que a posición defendida polo goberno municipal até o momento é "totalmente parcial e descaradamente favorecedora dos intereses da empresa". De feito, criticaron que dende o Concello se fale na prensa de propostas alternativas –como a posibilidade dunha arbitraxe-, cando estas non se teñen presentado á parte social nin se lle dá traslado das mesmas ao Consello Galego de Relacións Laborais ou á mediadora. "Son medidas para encher titulares pero que carecen de ánimo para resolver o conflito".

A este respecto, Carril explicou que na mediación celebrada no día de onte non se produciron avances, a pesar de que a parte social presentou unha modificación da súa proposta para aumentar a redución de custes. Mais a empresa limitouse a ameazar con abandonar a negociación, "porque o único que busca é un recorte salarial do 25%, das condicións laborais e do emprego".

A greve continúa e haberá novas mobilizacións

Para rematar a rolda de prensa, Carril valorou a resistencia e a exemplar loita dos traballadores/as de Albada, que continuarán adiante coa greve e as mobilizacións nos vindeiros días. Neste contexto, xa está acordado un novo calendario de accións, que incluirán, entre outras medidas:

- Asistencia ao pleno municipal do vindeiro luns.

- Instar novas reunións cos grupos municipais para que leven adiante iniciativas "ante a desatención que estamos a padecer dun alcalde e dun goberno municipal que segue negándose a recibir ao Comité de empresa".

- Continuarase coa recollida de sinaturas para denunciar a fraude social.

- Convocarase aos Comités de empresa para acordar novas mobilizacións no sector.

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.