A CIG entregou un escrito en sede xudicial reclamando a non extinción dos contratos xa que a empresa recibiu axudas públicas condicionadas ao mantemento do emprego.
Un grupo de traballadores/as da empresa T-Solar de Ourense mobilizouse onte en Vigo convocados pola CIG e a CUT para rexeitar o ERE extintivo que afectará os 170 empregados/as da firma enerxética. Ás 11.00 horas concentráronse diante do Xulgado do Mercantil 3, onde a central nacionalista fixo entrega dun escrito no que se reclama a non extinción dos contratos xa que a firma recibiu axudas públicas condicionadas ao mantemento do emprego, e posteriormente ocuparon as oficinas do grupo Isolux, propietario da empresa.
Dende a CIG-Metal alertan de que o ERE extintivo sobre os 170 traballadores/as de T-Solar, pertencente ao grupo Isolux, ven motivado por unha manobra para abaratar o prezo da empresa ante unha posíbel venda.
Fronte isto, e co obxecto de manter o emprego, o sindicato personouse no concurso de acredores propondo a súa reconversión nun ERE temporal que permita o mantemento dos postos para aqueles/as que o desexaren mentres se resolve o proceso.
Ao mesmo tempo, a central nacionalista remitiu escritos ás Consellerías de Economía, Traballo e Facenda reclamándolles que insten o Xulgado do Mercantil número 3 de Vigo a rexeitar a aprobación do ERE "en base a que as subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica estaban condicionadas ao mantemento do emprego até xuño de 2014". Esta mesma reclamación foi formulada onte mediante o escrito entregado en sede xudicial mentres no exterior do edificio tiña lugar a protesta dos afectados/as.
Acto seguido os traballadores/as e representantes sindicais -entre os que se atopaban o secretario nacional do Metal, Xoán Xosé Bouzas, e o secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido- desprazáronse ás instalacións do grupo Isolux, fronte ao pavillón das Travesas, onde despregaron varias faixas e ocuparon momentaneamente as oficinas. Os afectados/as están a desenvolver distintas mobilizacións dende que se deu a coñecer a intención da empresa de desfacerse do cadro de persoal. O venres pasado ocuparon as oficinas da Xunta en Ourense.

