1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

300513 lugo desempregoGaliza - CIG - A Unión Comarcal da CIG apoia a marcha do sábado 1 de xuño, que sairá ás 12 do parque de Frigsa


A iniciativa da Asemblea de Desempregados/as da CIG, e no marco da xornada internacional europea de mobilizacións, a cidade de Lugo acollerá o vindeiro sábado 1 de xuño unha manifestación contra a Troika e as políticas de recortes aplicadas polos gobernos. A marcha, convocada por 14 colectivos e apoiada pola CIG, sairá ás 12:00 horas de diante do parque de Frigsa, na Avenida da Coruña.

A manifestación desenvolverase baixo o lema "Pobos unidos contra a Troika. Galiza contra a Troika e as políticas do goberno" e está convocada pola Asemblea de desempregad@s de Lugo, Stop Desafiuzamentos Lugo, Renda Básica, Comités, Liga Estudantil Galega, Asamblea Anarquista, Asamblea Anticapitalista, Madia Leva, Galiza Nova, Ceivar, Cultura do País, Na Encrucillada, Plataforma Preferentes Lugo e Isca Lugo. Ademais, a Unión Comarcal da CIG de Lugo xa trasladou o seu apoio á mobilización.

Ao remate da mesma, segundo explicaron este mércores en rolda de prensa representantes dos colectivos convocantes, o escritor Darío Xohan Cabana dará lectura ao manifesto consensuado entre todas as organizacións promotoras. A continuación reproducimos o contido do manifesto:

Pobos Unidos contra a Troika. Galiza contra a Troika e as políticas do Goberno

Os pobos de Europa están a sufrir un violento ataque do capital financeiro que se fai representar pola Troika (FMI, BCE, CE) e polos sucesivos gobernos que aplican as políticas concertadas con estas entidades desprezando ás persoas. Sabemos que esta ofensiva aposta por dobregar aos pobos, tornándoos escravos da débeda e da austeridade. Atravesa a Europa e tamén debe ser derrotada pola loita dos diferentes pobos.

Cada unha de nós, en cada nación coas súas especificidades, sentimos na nosa pel as medidas que aniquilan os dereitos conquistados ao longo de décadas. Medidas que agravan o desemprego, que privatizan todo aquilo que poida ser rendíbel e que condicionan a soberanía dos países baixo a propaganda da "axuda externa".

A desigualdade social e territorial esténdese por toda a UE, a pobreza alcanza niveis alarmantes, a fame reaparece con forza. É urxente que unamos as nosas forzas para combater mellor este ataque; para enfrontarnos ás constantes reformas que nos deixan sen dereitos para darlles diñeiro aos bancos, ás grandes empresas, aos especuladores e aos corruptos.

O PP ataca os dereitos laborais e legais. Está a atacar as pensións, abarata o despedimento, reduce os salarios e crea paro e pobreza. Xa son 120 os millóns de persoas que se atopan en risco de exclusión social.

Na Galiza, máis de 663 mil persoas están nesta situación e máis de 72 mil nenas forman parte de familias que viven baixo o limiar da pobreza, segundo Unicef o 20% das nenas son pobres. Igualmente aprovéitanse da crise para adoptar medidas retrógradas e involutivas de forte carácter ideolóxico no campo dos dereitos cívicos destinadas a frear e derrubar conquistas de colectivos sociais historicamente marxinados, coma poden ser todas aquelas políticas que atentan contra os dereitos sexuais e afectivos das persoas e que hoxe manifesta claramente o ministro Gallardón coa súa proposta de reforma da Lei do Aborto.

Mentres, en Madrid o PP e o Goberno aproba o roubo de ducias de miles de pequenas aforradoras e entrega as caixas de aforros en mans de grandes bancos. Ao mesmo tempo milleiros de traballadoras do sector bancario son despedidas para sanear as entidades que despois de seren saneadas serán entregadas como agasallo ao gran capital. Debemos reclamar como pobo ter nós o poder económico e non os grandes inversores, para poder crear emprego, para poder empregar os cartos naquilo que é necesario e non para financiar con empréstitos millonarios cun interese baixo aos propios banqueiros.

A Xunta de Feijóo desmantela o ensino, a sanidade e os servizos sociais para así dar novas fontes de ingresos ás súas controvertidas amizades. Galiza enteira está a ser entregada ás transnacionais mineiras mentres o noso sector agrario, en estado moribundo, segue esquecido e sen recibir o apoio dos gobernos, impedindo a existencia dun medio rural produtivo, vivo e dinámico.

No sector naval, Feijóo está a ofertar unha suposta carga de traballo, con moita propaganda e pouca concreción, a costa de vender o avanzado nivel tecnolóxico dos estaleiros galegos a unha multinacional mexicana, quen a bo seguro cando se faga co control tecnolóxico deslocalizará a produción.

Na nosa terra destínanse instalacións de aviación civil como o Aeródromo de Rozas para servizo da OTAN, maquinaria militar ao servizo do imperialismo, para faceren experimentacións con avións non tripulados -chamados Drons ou "avións espía"- que se empregarán para a invasións e ataque contra a poboación civil, onde o capital pense que é necesario.

Afirmamos que están a matar a industria galega, a pesca, o noso agro, destruíndo milleiros de postos de traballo para favorecer a concentración da riqueza.

Dende os anos oitenta perdéronse medio millón de postos de traballo, a emigración segue a sangrar a nosa terra deixándonos sen mocidade. Cada día son 70 as mozas que abandonan Galiza en busca de traballo para ir a Canarias, Valencia, Madrid ou Berlín.

Aquelas que deciden non emigrar, e loitar por un futuro digno na nosa terra son castigadas con medidas represoras e antidemocráticas polo Capital, que criminaliza polo tanto a todas aquelas que tentan combater as súas políticas. Isto maniféstase no día a día a través de multas gobernativas, detencións, penas de cárceres para sindicalistas, xente sen recursos ou mesmo a dispersión de presas políticas, como é o caso das independentistas espalladas por cárceres de todo o estado, quen se atopan na máis absoluta indefensión privados da liberdade durante meses e anos sen seren xulgados.

Esta crise está a ser aproveitada para acentuar a concentración da riqueza e do poder político o cal agrava a situación das nacións sen estado como Galiza. Na Unión Europea e no Estado Español estase e centralizar a capacidade de decisión cara a Bruxelas e Madrid afastando deste xeito os pobos da toma de decisións.

Se no pasado eramos cada día máis pobres coa escusa da construción europea, agora din que se debe á crise. Están a roubar aos pobos, a todos nós, para enriquecer os banqueiros. Este sábado e de hoxe en adiante mobilizarémonos para denunciar este roubo, para exixir un cambio nas políticas da UE, do Goberno e da Xunta de Galiza.

As galegas e os pobos de Europa, non queremos ser servos; queremos ser donas do noso destino. Que se lixe a Troika! Que se lixe o Goberno!

O POBO É QUEN MÁIS ORDENA!


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.