Nun só trimestre destruíronse en Galiza 27.500 postos de traballo, pasando de 1.026.000 ocupados/as no último trimestre de 2012 a 998.000 no primeiro trimestre de 2013. Esta cifra, que evidencia a dramática situación do emprego, aínda é máis grave se a comparamos co mesmo trimestre do ano pasado. Nese caso o descenso da ocupación é de 52.000 persoas menos. Deste xeito, o número de persoas desempregadas é de 287.400, alcanzando a taxa de desemprego o 22,3%.
Os datos son para a CIG, no seu conxunto, demoledores. "Evidencian o estrepitoso fracaso das políticas do partido Popular, que están a provocar a destrución do noso tecido produtivo e a expulsión de miles de persoas do mercado laboral", sinala Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego e Industria.
López Rivera salienta que lonxe de ralentizarse, a destrución de emprego acelerouse no último trimestre, xa que mentres que a caída da ocupación interanual foi do 5%, a trimestral foi do 2,7%. É dicir, máis da metade dos postos destruídos nun ano correspóndense co último trimestre.
Por sectores, Servizos foi o máis castigado, xa que máis da metade dos ocupados/as que perderon o seu emprego neste trimestre, 14.200, eran deste sector. "Desde a CIG viñamos alertando, xa o ano pasado, que isto ía ocorrer. O sector Servizos aguantou máis pero todo indicaba que sería o seguinte en destruír emprego de forma masiva, por mor do incremento do paro e das políticas de rebaixa salarial, que provocan unha brutal caída de poder adquisitivo das familias".
O sector Primario tamén se viu especialmente castigado neste trimestre, coa perda de 7.000 empregos e cómpre salientar que Construción xa está en tan só 72.000 empregados/as, unha das ocupacións máis baixas das series históricas.
Con todo, e alén do incremento en máis de 8 puntos da taxa de paro entre a poboación de 16 a 24 anos, hai dous elementos que, para a central sindical son especialmente alarmantes. Mentres que a caída da ocupación é de 27.000 persoas, o paro só se incrementa en 10.000. "A única explicación posíbel é que a maioría desas persoas optaran por emigrar e cremos que outra porcentaxe importante sexa de mulleres que ao perder o emprego decidiron regresar as súas casas desistindo de buscar un novo posto de traballo ante a falta absoluta de expectativas", di López Rivera.
O outro dos elementos que a CIG considera alarmante é que o número de fogares nos que todas as persoas activas están no paro acada xa os 93.000. isto é, 10.000 máis nun só ano. "O perigo de exclusión social é cada vez maior e agrávase ante o deterioro dos servizos sociais públicos e a ausencia de medidas para paliar a súa situación", afirma.
A conclusión, para o secretario confederal de Emprego é obvia." O deterioro da situación laboral é cada vez maior. Non hai unha soa medida política que permita albiscar cambios. Todo o contrario, a expectativa é que empeore. Non hai cambio de modelo produtivo, porque o Partido Popular carece de modelo. A política de austeridade e de recortes está afogando á poboación e o perigo de exclusión social é cada vez maior".
Por iso alerta de que se non se adoptan xa medidas decididas de apoio aos sectores produtivos que posibiliten que se comece a crear emprego de novo, o panorama será cada vez máis desolador, cunha clase traballadora empobrecida e cuns índices de desemprego que abocan á fractura social.
Ante isto, o secretario confederal de Emprego fai un chamamento a mobilizarse coa CIG o primeiro de Maio, para denunciar as políticas deseñadas polo Partido Popular baixo o mandato da Unión Europea e frear a cada vez maior perda de dereitos e o empobrecemento masivo da poboación.

