Son un total de 6 as prazas de xestión e coordinación de diferentes áreas da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes as que corren o risco de desaparecer: subdirector/a xeral de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, xefe/a do Servizo de Programación, xefe/a do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais en Compostela, xefe/a do Servizo de Montes de Lugo, xefe/a do Servizo de Montes de Ourense e xefe/a do Servizo de Montes de Pontevedra.
Dado o atraso reiterado en cubrir estas prazas, consonte ao proxecto de Lei de Orzamentos 2013 que remitiu a Xunta ao Parlamento, estas prazas deben ser amortizadas dada a súa condición de vacantes.
A normativa da Xunta de Galiza obriga a convocar os postos de libre designación e resolvelos nun prazo determinado; durante a súa tramitación estes postos poden ser cubertos temporalmente en comisión de servizo por razón de urxente e inaprazable necesidade.
Pois ben, estas 6 prazas levan ocupadas de xeito "temporal" desde o 2009 polas mesmas persoas de xeito continuado. Porén, non foi até 2011 a primeira convocatoria pública dos postos e de xeito reiterado a Consellaría de Medio Rural vén declarando desertas as sucesivas convocatorias públicas para a cobertura definitiva das referidas prazas, optando por manter de xeito indefinido ás persoas que as están a ocupar en comisión de servizos.
Segundo a normativa que regulamente as comisións de servizo, a Dirección Xeral de Función Pública non pode agora, dada a segunda declaración deserta no DOG do 19/12/2012 e o tempo transcorrido, autorizar comisións de servizo neses postos. Xa que logo, as persoas que ocupan eses postos deben ser cesadas e así llo recordou a CIG-Autonómica nun escrito presentado ao director xeral de Función Pública.
Tendo en conta, así mesmo, o proxecto de Lei de Orzamentos que no seu artigo 24 obriga a deixar sen dotación orzamentaria (unha amortización de facto) todas as prazas vacantes sen cobertura, a Xunta acaba de poñerse ela mesma contra a parede coa súa propia normativa.
En casos similares, desde a CIG-Autonómica animamos aos empregados públicos que cumpran os requisitos a que presenten a súa solicitude co fin de evitar que poidan ser declaradas desertas e, ao ficar vacantes, a Xunta teña que amortizalas. Agardamos que se producise algunha solicitude para a última convocatoria (DOG do 20/12/2012), pois só de producirse o nomeamento neses postos pode ser evitada a súa amortización e un empeoramento no funcionamento do respectivo servizo público.
Do mesmo xeito puxemos en coñecemento da Dirección Xeral de Función Pública estes feitos para que se tomen as medidas oportunas, recordándolle a súa obriga de vixiar polo cumprimento da normativa, que se tivera feito en tempo non se tería chegado a este estremos. En calquera caso, a CIG resérvase o dereito de acudir aos tribunais de xustiza para evitar que se siga burlando o cumprimento da normativa.
Foto: Orange

