O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) ven de expresar a súa solidariedade coa ducia de traballadores que Atlántico Diario acaba de botar a rúa a través dun ERE, en principio temporal e por seis meses.
A maior parte dos traballadores afetados levan décadas traballando neste medio de comunicación, algún deles, desde a propia fundación do medio. O SXG lembra que Rías Baixas Comunicación, editora de Atlántico, e a súa matriz, o grupo La Región de Ourense, reciben, ao igual que o resto de empresas editoras de xornais en papel, "importantes subvencións públicas".
Axudas
"As administracións seguen a entregar diñeiro ás empresas de comunicación sen esixirlles sequera un plan de emprego, algo que non sucede en ningún outro sector económico. Por exemplo, no que vai de lexislatura a Xunta de Galicia pagou ao Grupo La Región máis de 1,4 millóns de euros", denuncian.
Este é o segundo ERE que fai o Grupo La Región, tras o presentado no xornal ourensá en outubro de 2009 e que afectou a 35 traballadores. Non é o único, a práctica totalidade dos medios de comunicación galegos --La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, o Grupo El Progreso ou o Grupo La Capital-- xunto cos grupos de comunicación españois con sede en Galicia --SER-Galicia, El Mundo Galicia, ABC-Galicia, etc-- teñen aplicado recortes importantes que, nalgúns casos, rematou co peche de delegacións.
Reunión coa Xunta
A maior parte destes medios están subvencionados pola Xunta e o resto de administracións. Por iso, o SXG pídelle a estas institucións que vinculen o pago destas axudas ao mantemento do emprego estable, como aprobou por unanimidade o Parlamento de Galicia na pasada lexislatura. "De non facelo axiña, seguirá a aumentar a vaga de despedimentos que asola ao sector e diminuirá aínda máis a calidade da información que reciben os cidadáns", denuncia.
Precisamente, o Sindicato de Xornalistas mantivo este martes un encontro co responsable da secretaría xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, no que lle transmitiu esta e outras demandas.
A redacción do GC aproveita para solidarizarse cos traballadores afectados e para desexarlles sorte e moito ánimo.
Foto: Atlántico Diario - Capa.

