O que é un dos principais responsábeis da desaparición do manuscrito hai xa case un ano afirmou tamén que "o único que se me permite dicir é que hai perspectivas positivas". Contodo, Díaz saltouse o protocolo, foi alén das demandas das súas fontes policiais e asegurou que "desde logo está desbotado aquel temor de que pudese estar xa no estranxeiro ou nun coleccionista", evidenciando que a Policía española tería xa desbotadas determinadas hipóteses.
No seu ton peculiar, o Sr. Díaz afirmou tamén que "a policía científica ten experiencia en que un ladrón localizado e acosado corre (sic) e hai perigo de que poda queimalo ou desentenderse do obxecto". Esta presunta necesidade de discreción para evitar que "o ladrón", que sempre aparece nas palabras de Díaz como unha figura individual, destrúa o documento, contrasta co bombo mediático que as declaracións do deán tiveron hoxe en distintos medios entre os que figura o Telexornal de TVG das 14:30, con máxima audiencia.
Tese da colaboración dentro da Catedral
O deán de Compostela anunciou coas súas declaracións a próxima reaparición do Códice, pero non a das persoas implicadas na substracción. Así, indo de novo alén das esixencias de discreción que lle demandaban as súas fontes, Díaz apuntou que "o problema nun caso destes non é encontrar ao ladrón, senón encontrar o obxecto", algo que parece bastante contraditorio se falamos desde a óptica dun corpo policial e que, ademáis, suxire certo desleixo por parte de Díaz respecto á localización do/s autores/as da substracción.
A suxestión de que "o ladrón" malévolo ao que o deán atribúe todas as responsabilidades non sexa "encontrado", recórdanos as declaracións de Ramón Yzquierdo, historiador, director do Museu da Catedral e profundo coñecedor da cuestión, que o pasado mes de febreiro declaraba a La Voz de Galicia que na desaparición do Códice Calixtino"axuda interna tivo que haber" en referencia á colaboración na substracción de persoas vencelladas á Catedral. Case un ano despois, as autoridades competentescontinúan a protagonizar un capítulo estrafalario inzado de zonas oscuras, contradicións inexplicábeis e "anuncios" que, se non fose porque evidencian o grave estado de abandono do noso patrimonio nacional, provocarían o riso.


