1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

sweetbackGaliza - Cineclube Compostela - O Cineclube de Compostela continúa este mércores 19 de novembro co ciclo dedicado á cultura afroamericana, e faino coa proxección proxección do filme de Melvin Van Peebles A canción caralllllluda do doce Sweetback (Sweet Sweetback's Baadasssss Song, EUA, 1971), unha fita realizada de maneira independente mais que co seu éxito de público xerou a aparición de todo un xénero destinado á comunidade afroamericana, a blaxplotation. A sesión terá lugar, como é habitual, no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21.30 horas.


Sweet Sweetback, un prostituto dos barrios baixos de Los Angeles, arrestado sen probas como advertencia á comunidade afroamericana, salva a un membro dos panteras negras das pancadas duns policías racistas. Nese momento, comeza a súa fuxida cara á fronteira con México, axudado pola xente do gueto e por algúns Anxos do Inferno.

Tras realizar Watermelon Man para a Columbia, Melvin Van Peebles decidiu realizar un filme “sobre un irmán ao que ten o goberno detrás do cu”. Ningún estudio se ofreceu a financialo, así que o director decidiu filmalo co seu propio diñeiro e un crédito de 50.000 dólares que lle deu Bill Cosby para rematar o filme. Cun elenco principalmente formado por non profesionais, Van Peebles ocupouse do guión, a montaxe e a música da fita, ademais de facer de especialista. As queixas dos actores que se presentaban para o papel protagonista, que exixían máis diálogo, provocaron que se encargara tamén de interpretar a Sweet Sweetback.

Tras rematar a rodaxe en 19 días, Van Peebles non atopaba distribuidora para o filme, até que finalmente deu con Cinemation, unha empresa que só puido convencer a dúas salas de cinema para proxectar a fita: o Grand Circus en Detroit e o Coronet Theatre en Atlanta. Mais a estratexia publicitaria do realizador, baseada na publicación da banda sonora e o eslogan “Cualificada X por un xurado formado só por brancos” darían os seus frutos, e o filme coñecería rapidamente o éxito entre toda a comunidade negra dos Estados Unidos.

Con influencias da Nova Vaga francesa e do Neorrealismo italiano, A canción caralllllluda do doce Sweetback introduce numerosas novidades técnicas no cinema norteamericano da época, sendo un dos filmes que contribuirían á creación do novo cinema americano. Especialmente salientábel é o traballo na edición con técnicas como a sobreimposición, o conxelado de planos, os cortes ou o uso da pantalla dividida. Mais tamén no sociolóxico significou un gran revulsivo, coa plasmación en imaxes dunha mensaxe que faría que Huey P. Newton calificara este título como "o primeiro filme negro verdadeiramente revolucionario”, e o inicio do xénero da blaxplotation, que ao longo dos 70 dexeneraría cara a modelos máis comerciais.  

Melvin Van Peebles (Chicago, 1932) gradouse en artes pola Universidade Wesleyan de Ohio. Pintor,fotógrafo, músico e escritor ademais de cineasta, traballou como conductor de tranvía até que un pasaxeiro lle suxeriu que tiña que dirixir filmes. Comezou a dirixir curtametraxes e viaxou a Hollywood para buscar traballo, mais ninguén parecía interesarse pola súa obra até que lle ofreceron proxectalos en Francia. Henri Langlois proxectou o seu traballo na Cinemateca Francesa.

En 1968, dentro do ambiente da Nova Vaga, realiza en Francia a súa primeira longametraxe, O permiso, que fai que os críticos estadounidenses o tomen por un director francés. A súa primeira longametraxe nos EUA sería Watermelon Man (1970), ao que seguiría A canción caralllllluda do doce Sweetback. Tras este filme, Van Peebles continúa, non sen dificuldades, a súa carreira como director, con títulos como Don't Play Us Cheap (1973), Crisis de identidade (1989), Gang in Blue (1996) ou O conto do ventre plano (2000). A súa última longametraxe até o momento é Confessionsofa Ex-Doofus-ItchyFooted Mutha (2008). 

A cuarta feira que vén, 26 de novembro, poremos o remate ao ciclo sobre a cultura afroamericana coa proxección do primeiro filme do movemento hip hop, Wild Style (Wild Style, Charlie Ahearn, EUA, 1983), realizado arredor do mítico artista de grafitti Lee George Quiñones, máis coñecido como “Zoro”.

O filme será proxectado en versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.