1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

290714 petroglifoGaliza - Galiza Confidencial - O verán é tempo para os arqueólogos de saír dos seus laboratorios e de aproveitar as condicións climáticas favorables para escavar e continuar as súas investigacións.


 Isto é o que farán na segunda quincena de agosto un equipo do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo que, baixo a dirección de Félix González, volverá por segundo ano consecutivo á zona ourensá do Alto Támega, na fronteira con Portugal, para continuar descubrindo as pegadas que nela se conservan da Prehistoria recente.

Na anterior campaña, os investigadores catalogaron 80 petróglifos, coviñas e outros restos rupestres e estudaron algúns deles exhaustivamente. Na intervención deste ano intentarán afondar no coñecemento de dous destes petróglifos e sobre todo levar a cabo unha intensa tarefa de transferencia e divulgación científica que permita a posta en valor de todo este patrimonio, de xeito que o seu coñecemento repercuta positivamente na comunidade que o mantén.

Traballo de campo
A iniciativa, que ten financiamento da convocatoria do campus de Ourense e da Deputación Provincial INOU 2014, conta coa participación de Beatriz Comendador e Elena de Uña, do mesmo grupo; de María Isabel Doval, do Grupo Interuniversitario de Investigación Ourense da Facultade de Ciencias da Educación, e de bolseiros e voluntarios da Facultade de Historia ourensá. "O proxecto divídese en catro actuacións, que son o rexistro e estudo de conxuntos de arte rupestre do Alto Támega; a xeración de contidos arqueoloxico-culturais sobre esta zona; a divulgación dos resultados da intervención e a integración de datos arqueo-históricos que temos deste enclave na infraestrutura de datos patrimonial IDEpatri, dispoñible no Centro de Supercomputación de Galicia Cesga", explica Félix González.

Na segunda quincena de agosto, o equipo traballará no estudo e rexistro de novos conxuntos de arte rupestre no Alto Támega e na continuación dos traballos realizados en 2013. Concretamente, tratarán de finalizar os traballos de rexistro do conxunto As Cuncas/As Ferradas e o rexistro de cando menos un novo conxunto, o do Penedo do Mouro, os dous situados en Monterrei. "Os traballos desenvolvidos o ano pasado evidenciaron a complexidade do petróglifo das Cuncas, xa que as dimensións desta estación parecen maiores ao inicialmente pensado e, ao igual que sucedía coa parte xa intervida, parte dela continúa soterrada.

Polo tanto, levaremos a cabo a continuación dos traballos coa finalidade de documentar de forma completa o conxunto rupestre, acción fundamental para estar en condicións de valorar correctamente o seu interese patrimonial", apunta Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia. No caso do Penedo do Mouro, a pesar de estar altamente afectado pola vaga de lumes atópase en relativamente boas condicións, polo que se realizará o seu rexistro mediante calco sobre plástico e o rexistro fotogramétrico tridimensional.

Traballo de transferencia e divulgación
Tras este traballo de campo, as tarefas continuarán coa realización de varias iniciativas de transferencia e divulgación. Grazas a un convenio asinado recentemente co Cesga, os investigadores levarán a cabo a integración dos datos das dúas campañas no Alto Támega á plataforma patrimonial IDEpatri. A finalidade, sinala Félix González, é que calquera persoa poida ter acceso a través de Internet á información que xeramos e que pasará a ter un formato dixital intercambiable. Alén da divulgación a través desta canle, o proxecto do Alto Támega incluirá este ano a creación dunha completa identidade dixital da iniciativa, con blog e presenza en redes sociais.

"Queremos non só unha difusión ao sector académico ou puramente investigador, queremos unha transferencia a outros axentes e entidades, como centros educativos, asociacións, empresas turísticas, etc. O obxectivo final é contribuír a democratizar o coñecemento xerado", comenta o director da intervención.

Por último, a iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Castrelo do Val e da Asociación Cultural Alto Támega, contempla a xeración de contidos base para o deseño de diferentes materiais. Concretamente traballaranse contidos para a creación de catro rutas na zona transfronteiriza, como son a ruta das estatuas da Idade de Bronce-Ferro; a ruta da minaría de estaño e minaría industrial; a ruta da arte rupestre esquemática e a ruta das augas, tendo en conta a especialización do campus de Ourense como Campus da Auga.

Estes contidos terán tamén a forma de unidades didácticas ou proxectos educativos para alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria, as súas familias e profesores, que serán elaborados polo Grupo Interuniversitario de Investigación Ourense. "Con esta actuación trátase de fomentar e potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais da provincia de Ourense e contribuír á súa valoración e conservación, procurando o desenvolvemento social e económico nunha perspectiva internacional e transfronteiriza. O problema de moitos proxectos é que nunca se acaban de facer públicos os datos. O noso obxectivo é tamén sensibilizar sobre o patrimonio cultural, educar para a súa conservación e conseguir que o traballo investigador teña retorno para a comunidade", recalca a decana da Facultade de Hitoria. No marco desta liña de actuación, o 9 de agosto, no Festival do Alto Támega, os arqueólogos realizarán un obradoiro participativo sobre arte rupestre destinado a nenos e adultos.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.