Vítima dun terrible accidente de tráfico, Christiane, a filla do celebre profesor Génessier, vive recluída na casa familiar. Unha máscara agocha o seu rostro, atrozmente desfigurado. Co obxectivo de devolverlle un rostro á súa filla, Génessier, coa axuda da súa asistente Louise, non dubidan en secuestrar outras mozas e realizar os experimentos máis arrepiantes.
Recén rematada a súa primeira longametraxe non-documental, A cabeza contra a parede, George Franju recibe a oferta de dirixir a novela de Jean Redon Os ollos sen rostro, coa que Jules Borkon quería introducirse na produción de filmes de terror como os británicos A maldición de Frankenstein ou Horror de Drácula, especialmente populares a finais dos cincuenta nas pantallas francesas. Franju, que medrara co fantástico silente de directores como Georges Méliès ou Louis Feuillade, viu a súa oportunidade para contribuír ao xénero, a través dunha historia que, nas súas palabras, non é de terror, senon máis be de "angustia, un estado de ánimo máis calmo que o terror, máis interno, máis penetrante: é terror en doses homeopáticas".
O traballo de Franju neste filme móvese a través do jogo cos contrarios. Por unha banda, recollendo a súa propia tradición fílmica, o tono xeral é exaxeradamente naturalista, frío, cercano al documental, introducindo unha sensación de extrañamento no espectador. Por outra, a isto opónse unha evidente imaxinería surrealista e simbolista, cercana a Jean Cocteau ou a Luis Buñuel, que enche algunhas das secuencias do filme, convertindo a fita nun poema fílmico fúnebre, lírico, falsamente luminoso e estarrecedor.
George Franju (1912-1987) foi, antes que cineasta, un estraño cinéfilo, co-fundador xunto con Henri Langlois, da Cinemateca Francesa e bo coñecedor da Historia do cinema, foi quen de escribir con grande agudeza sobre "o estilo de Fritz Lang" ou sobre o cinema cirúrxico de Jean Painlevé. Logo dunhas primeiras pezas documentais, como O sangue das bestas (1948) ou O hotel dos inválidos (1951), que xa puidemos ver no Cineclube inicia unha peculiar carreira xa na ficción, con obras tan transgresoras como Os ollos sen rostro (1959) ou A cabeza contra a parede (1958).
O seu estilo, fortemente influenciado polos seus predecesores, foi definido por Claire Clouzot como "un realismo conmovedor fantástico herdado do surrealismo e do cinema científico de Jean Painlevé e influenciado polo expresionismo de Lang y Murnau". No seu cinema, Franju pon o foco especialmente nos aspectos visuais. O propio director chegou a afirmar que como non tiña "o don de escribir historias" tivo que centrarse en "darlles forma" a través dos filmes.
A vindeira semana, 20 de febreiro o Cineclube vai proxectar Algo de Alicia (Něco z Alenky, Checoslovaquia-Suíza-Reino Unido-RFA, 1988), probabelmente o filme máis coñecido do animador checo Jan Švankmajer. Adaptación libre da coñecida novela de Lewis Carrol Alicia no país das marabillas, o director checo foxe de presentala como un conto de fadas e, mediante unha técnica que combina acción real e animación stop-motion, constrúe máis ben un pesadelo amoral. A sesión contará coa presentación de Paula Carballeira.
O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal, con subtítulos en galego. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
PRÓXIMAS PROXECCIÓNS
FEBREIRO 2013
Mércores 13 de febreiro, ás 21.30h no Pichel
Os ollos sen rostro
(Les yeux sans visage, Georges Franju, Francia-Italia 1960, 88', VOSG)
Mércores 20 de febreiro, ás 21.30h no Pichel
Algo de Alicia
(Něco z Alenky, Jan Švankmajer, Checoslovaquia-Suíza-Reino Unido-RFA, 1988, 86', VOSG)
Coa presenza de Paula Carballeira
Mércores 27 de febreiro, ás 21.30h no Pichel
Asfalto en dobre sentido
(Two-Lane Blacktop, Monte Hellman, EUA, 1971, 102', VOSG)
Coa presenza de José Manuel Sande
Foto: Cineclube Compostela

