1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

121010 feijoGaliza - Um galego na corte do rei Gnu (2.0) - Bos días, buenos días. Comezaremos cunha declaración de principios: A min, os que falan mal de Los Limones por ignorancia, coma ti, tanto me teñen, probiños. Pero os que falan mal por maldá. Ai! A eses non os perdoo, non...


Moitas tonterías se teñen escrito sobre "Veña Galicia", esa destilación do Volkgeist galego perpetrada por Los Limones, grupo ferrolán que aínda non cesou a actividade e que xa asinara no pasado outras pezas de ayer, hoy y siempre.

Que dicir de "Ferrol"? Un elaborado himno ao rurbanismo, unha defensa da periferia que xa querería o Edward Said para as lapelas interiores dos seus libros. O noso Les Miserables, o noso Billy Elliot! Canción con arrecendo a fábrica e a bocinazo de fin da hora do bocadelo, de buzo azul e ollos luxados pola ferruxe que as bágoas do capital non son quen de limpar. Nunca entenderei como cineastas contrastados como Fernando León de Aranoa non inclúen "Ferrol" como BSO das súas metraxes sociais. Ignorancia, supoño. Ignorancia e gafapastismo mal entendido.

Mais non estamos hoxe aquí diante deste ÉPICO (en varias entregas) para falarmos de "Ferrol" (supoño que haberá teses de doutoramento abondo no departamento de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña que traten sobre o tema desde diferentes perspectivas, toda válidas). Hoxe resucitamos a corte para encetar unha aproximación (humilde, breve e emocionada até partes do corpo que non podo referir pois son un gentleman) a "Veña Galicia". "Cal é o motivo desta traballeira?" preguntas, querida lectora. "Acaso non abonda o abrente do día na súa beleza que hai que falar inutilmente del?" Abonda, amiga, abonda. Pero o abrente do día, a pesar de non ter tanto aquel como a poesía que hoxe nos reúne, non sofre tantas críticas. "Inxustas?" Inquires. Citando Arsenio Iglesias na miña resposta: que duda cabe! E ferintes. Ferintes porque veñen por boca, en moitos casos, de homes e mulleres de cultura, con grandes carnés de biblioteca e títulos universitarios. Xentes con blogs, libros publicados, artigos en revistas e xornais, twitters de 140 caracteres... Pode ser posíbel que unha xenuína obra de arte pase non só xa desapercibida senón que sexa tan inxustamente vilipendiada? Será que non existe alguén que posúa un sentido estético capaz de iluminar a tanto, disimulen a expresión, bocachancla? Desgraciadamente para nós, o bo de Walter arrebentouse a cabeza na parroquia dos Pirineos, así que terei que ser eu quen carregue a pulso coa responsabilidade. Non sum digno, mais rañarei o que poida.

Comezo por afirmar que non estamos perante un himno de campaña calquera. Do bo facer de Los Limones xa demos conta, pero non pode un deixar de se estrañar pola facilidade con que cambian a chaqueta temática (entendámonos) os muchachos de Ferrol. O fácil para Los Limones, dado o pasado evidentemente proletario das súas músicas, sería compor o himno da CIG metal ou, no caso dun partido con aspiracións serias a mandar, unha leda cancionciña que pegue na orella e que, con base en rimas estúpidas e facilongas, desenvolva unha temática pastorileira e optimista que nos repita, machaconamente, que "vivir como galegos" mola mazo e que votemos a Feijoo que maloserá. Pero non. Os de Ferrol dan un paseo pola rúa do perigo e saltan cara o culturetismo, a intertextualidade e o mergullo profundo na literatura galega. Abren os brazos para apreixar toda a incomprensión que se lles vén enriba. Todo, en aras da posteridade. E, para sermos francos, fan isto cunha naturalidade que emociona até as bágoas.

Mais abonda de parrafeo. Imos co texto! (Poden ,evidentemente, cantar)

 

Veña Galicia/ Esa ledicia / Veña Galicia / Boas noticias

Veña Galicia / Unha delicia/ Remata o que inicias

Veña Galicia, ti es a ledicia / Déstesmas vós, as boas noticias

Veñas Galicia, é unha ledicia / Rematar o que inicias

 

Atención ás rimas. (Como sei, amigos, que sodes coñecedores dos máis comúns recursos de análise literaria, prescindo de vanas explicacións ou bibliografías que só restarían axilidade ao texto). O vangardista esquema do primeiro conxunto de versos (e de case todos os da composición) é o seguinte: A/A/A/A. Ben, quen non queira ver unha reivindicación do topónimo nacional dunha famosa cidade do norte é que está cego por ideoloxía.

Mais o virtuosismo lírico non se atopa só nas rimas. Analisemos con máis vagar as palabras en cuestión: Galicia-Ledicia-Galicia-Noticia(s) [ninguén é perfecto] Galicia-Delicia-Inicia(s) Galicia-Ledicia-Vós-Noticia(s) Galicia-ledicia-Inicia(s) Efectivamente: 4-3-4-3. Simplesmente fermoso.

Hai moito entendido que fai mofa da utilización de rimas reiterativas (Galicia, Ledicia, Noticia), pensando que se trata de pouca pericia poética. Ademais de desvergoñados, ignorantes. Ou sexa, que "Vaiamos irmana, vaiamos dormir / Vaiamos irmana, vaiamos folgar" si e "Veña Galicia" non?? Que dupla vara de medir tan evidente! El non estamos diante dun dos nosos principais recursos literarios na Idade Media? Paralelismo! Paralelos! E non foron as Cantigas Galego-Portuguesas (e dicimos Portuguesas porque somos boa onda, que ser eran galegas) o cume das nosas letras? Meus amigos, menos ler El Capital e máis a Arte de trovar! Reparemos, ademais, na declaración de intencións que subxace: o inicio da canción xa nos transporta cara a corte de Afonso X o Sabio: os inicios da nosa comunidade autónoma tal e como hoxe a coñecemos. "Veña Galicia" preséntase como un percorrido pola nosa historia, tal como son os Lusíadas para os portugueses. Así será recordado e, se non, ao tempo. (Pondal, loooser!)

Por outra banda, a rima entre Ledicia e Delicia é, permítanme o reiteratio, deliciosa e só ao alcance duns poucos eleitos. Aquí, amigos, reside a diferenza entre unha composición boa e unha excelsa que pervivirá xeracións e xeracións: nos alicatados. Concordarán comigo en que, este primeiro conxunto de versos quedou niquelao.

Mais o texto, como todas as grandes obras, é críptico e contén mensaxes ocultas só descifrábeis para aqueles que dediquen tempo e cariño ao seu estudo. Para este primeiro fragmento encontramos a clave no estudo da literatura medieval, mais concretamente nas cantigas de escarnio. Volvede ao poema: cal é a rima que desentona? Efectivamente: Vós. Los Limones sinalan, nunha íntima mensaxe de sinceridade, o fin último do seu traballo: Nós. Os outros. O inferno, que diría Sartre. Pero eles non nos ven como un inferno. Los Limones só teñen amor para nós e é através desta música que se nos entregan no máis íntimo. El haberá maior engado para a Arte?, pregúntome eu. Non, non o hai (son moito de responderme tamén).

No nivel do significado (hai correntes de pensamento e crítica literaria que outorgan importancia a estas pechinchas) encontramos un suxerente e apelativo "Veña Galicia", título da opus. Non nos encontramos perante un exclamativo "Veña Galicia!!", que ten como finalidade a de dar azos e pulos, non. Reparade que non hai signos de exclamación e na (fonéticamente perfeita) interpretación do cantante. Este "veña Galicia" é máis do que quere convencer de algo que non ten boas trazas. "Veña, ho. Que máis che dá? Ti déixate ir...".

"Remata o que inicias". Ai, meus amigos. Non todo é cariño acrítico por parte de Los Limones, non. Os vates ollan cara a personificación do país e saben cantarlle as corenta. "Remata o que inicias, non me sexas coma sempre, que andas co galpón a medio construír. Arrégate, que non te podo sacar da casa que dás vergoña. Non me hables el gallego en el autobús, que vai dicir a xente..." Ollo que isto non é novo. Los Limones sábense pertencentes a un campo literario concreto e del beben. Un dos referentes máis evidentes de "Veña Galicia", como veremos ao longo do meu traballo, é "Penélope" (a de Serrat non, aquela que dicía iso de "Un paso adiante e outro atrás, Galiza"). A comparación entre o primeiro verso da poesía e este "remata o que inicias" deixa ver as claras como, mentres Díaz Castro só mentaba o cancro endémico galego, Los Limones, que aman Galiza pero son conscientes que o cariño de verdade debe ser honesto, non hesitan en apuntar co dedo ao problema e esixir solucións, interese, compromiso (déixate ir, ho...). Por se non ficase claro cunha vez, este retrouso será repetido até en dúas ocasións. A paciencia dos ferrolanos con nós non ten limites.

(continuará...)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.