Así o anunciou este xoves o director do certame Manuel Pena, durante a presentación do programa do Ficbueu2012, onde recalcou o "éxito de público" alcanzado nas primeiras catro edicións do evento.
Con este novo formato "haberá dobre capacidade de espectadores", explicou, ao tempo que insistiu no carácter cada vez máis internacional que foi adquirindo o festival. Así, este ano "practicamente a totalidade das producións son internacionais", ao tempo que se abriron fronteiras no xurado do certame.
Pola súa banda, o rexedor de Bueu asegurou que o Goberno local "garante a viabilidade financeira do festival" a pesar da crise económica. Nesta liña, adiantou que o compromiso se prolongará no tempo.
Do 3 ao 7 de setembro proxectaranse no Centro Social do Mar de Bueu (Pontevedra) 25 curtos de 13 países, mentres que o sábado, día 8, terá lugar a entrega de premios e a gala de clausura. En cada xornada haberá un primeiro pase ás 20.00 horas e outro aos 22.00 horas, ambos os dous coa mesma programación.
O Ficbueu2012 recibiu este ano un total de 482 candidaturas procedentes de 47 países. Na sección oficial, ademais de Galicia, con dous curtos, destaca a presenza doutras catro producións españolas. Outras tres propostas chegan de Francia, o mesmo número que de Irán e Polonia, mentres que dous concorren dende Alemaña. Así mesmo, tamén competirán cineastas de Noruega, Italia, Arxentina, Holanda, Perú, Estonia, Malaisia ou Australia.
Na selección deste ano sobresae a participación de curtametraxes dirixidas por mulleres. Así mesmo, aumentaron os films de comedia e animación.
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu está dotado cun primeiro premio de 2.000 euros, mentres que o segundo clasificado obterá 1.000 euros. A mellor produción galega recibirá 500 euros, a mesma contía que levará a merecedora do premio do público.


