1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

120529 cefGaliza - Dioivo - Probe de min. A terra prometida,/ a Galicia emigrada que eu buscaba,/ era somente un pozo de residuos,/ unha corte de ovellas resiñadas:/ emporio de logriros,/ caverna de usureiros,/ buraco de tendeiros,/ guarida de comprades basureiros./ O País dos Ananos,/ poboado de petisos/ comestos da iñorancia,/ mandados pola enveza i a cobiza./ ¡ Qué sórdida paisaxe !/ Galicia xaz eiquí morta de anguria,/ crucificada en sombras,/ sepultadabaixo as nádegas porcas dos badocos,/ dos pequenos burgueses desertores,/ alugados ao esterco,/ vendidos ás letrinas, sin outro afán nin fin que o dasme-douche,/ o merco-vendo, okey, pago ó contado." Celso Emilio Ferreiro dedicoulles estas duras palabras aos emigrantes en 'Viaxe ao País dos Ananos'. Aquel libro xerou unha gran polémica no seu tempo. Hai uns días, o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou unha xornada para revisar, precisamente, o debate sobre a emigración galega agromado arredor das críticas deste autor.


“¿Xigantes ou ananos?", titulouse este encontro do CCG. Porque, tal como explicou o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas na súa intervención, a interpretación sobre a emigración situouse, tradicionalmente, arredor de dous polos opostos: a idealización e proxección dunha imaxe negativa do fenómeno, considerado prexudicial para o país emisor. "Vencellouse directamente a emigración masiva que comeza nas últimas décadas do XIX coa ausencia duns segmentos de poboación politicamente progresistas e que, nomeadamente nas zonas rurais, poderían ter constituido a base de novas elites alternativas aos caciques tradicionais que monopolizaban o poder político e o control social. A emigración sería en Galicia, xa que logo, un andazo social do que os efectos sempre resultarían ser negativos ou inhibidores do proceso de modernización, que axiría como atranco permanente para toda posibilidade de acción colectiva ou mobilización do campesiñado, da clase traballadora e mesmo das clases medias do do país", indicou. 

Esa visión negativa, -engadiu-, perviviu ata os nosos días, "e foi mantida pola meirande parte da esquerda galega e, de xeito particular, pola maior parte do pensamento nacionalista de esquerda. Esta valoración tendeu a considerar que a emigración actuou en todo intre como válvula de escape das tensións sociais, ó aliviar a presión demográfica, impedindo os estalidos revolucionarios ou os conflictos sociais que serían de agardar polo baixo nivel de desenvolvemento socioeconómico, e contribuíndo así a perpetuar a suxección do pequeno campesiñado minifundista ó caciquismo e ó centralismo". Desde esta perspectiva, tamén se incidiu no posible efecto de "aceleración da desgaleguización do país, privándoa dos "elementos dinámicos" que o poderían rexerar, e propiciando a conversión de galego-falantes en hispano-falantes nas repúblicas sulamericanas. Xa que os emigrantes, na procura dunha mellor asimilación, procurarían esquecer o denantes posíbel as súas orixes galegas, ao que contribuiría a estigmatización negativa da que a condición de galego foi revestida nas sociedades de acollida". 

E é neste contexto, -subliñou Seixas-, onde se inscriben as críticas de Celso Emilio, pois o autor de 'Vaixe ao país dos ananos' condensou "de maneira gráfica, contundente, a tradición galeguista e do pensamento de esquerda galego en xeral verbo dos prexuízos da emigración, a súa visión negativa, nun periodo fundamental da súa vida. A súa decepción acusada coa Galiza de alén mar, no seu caso incribelmente rápida por mor das circunstancias que lle tocou vivir, a colectividade e o país concreto que coñeceu, e o peso das expectativas que levaba acuguladas ao emigrar en idade serodia, non foi menor que a experimentada por outros escritores, políticos ou exilados galegos moitos lustros atrás. A súa expresión, se se quere, foi máis despiadada, irónica e inmisericorde en clave poética. Mais en absoluto foi orixinal", asegurou. 

Na propia obra de Celso Emilio poden detectarse os dous lados opostos da interpretación sobre a emigración, cunha evolución que non é allea á súa mala experiencia en Venezuela coa Hermandad Gallega. "Ferreiro interésase pouco pola emigración nos seus poemas denantes de 1966, cando marcha cara a Venezuela. Cando o fai, vé máis ben na emigración unha promesa de esperanza, dende a atalaia un tanto privilexada que lle ofrecía a súa residencia na cidade de Vigo e o espectáculo dos emigrantes que inzaban nas rúas da cidade en vésperas da saída dun barco cara a América", indicou Seixas. 

Ao chegar a Venezuela, o autor de 'Longa noite de pedra' decátase de que a realidade non é como el a imaxinara. "Xa é militante da UPG. Vai alá en idade algo serodia, como “bacharel” (Grandmontagne), un plumilla e escritor que ve nun país novo, idealizado na distancia, e nunha colectividade galega en formación un eido para espallar a súa creatividade e ideais colectivos, unha Galiza ideal. Alí encóntranse con dous feitos. Un, que os ideais do exilio e do galeguismo eran sostidos por unha minoría abnegada que loitaba polo control da Hermandad Gallega, fronte á “vaga” dos novos emigrantes económicos e dos seus aliados; e experimentou o que eran as leas intrapartidistas, no caso venezuelano ademais moi personalizadas na errática andaina do anarquista Silvio Santiago, artífice da escisión do Lar Gallego anos denantes", salientou Seixas. 

Ferreiro comprométese cos sectores progresistas, "como director do Boletín da Irmandade, das emisións de radio e mais profesor de Lingua e Literatura Galega. Porén, a experiencia non dura moito: ao perder por poucos votos as eleccións na HG os pro-republicanos, os pro-franquistas máis ou menos acomodaticios procederon a limpar a institución de elementos galeguistas e de esquerda, mudaron a orientación do periódico e da emisión radial... O 17 de xullo de 1968, CEF era expulso da sociedade; o proceso de separación é traumático e polémico, e el crea un Padroado da Cultura Galega, en parte a imaxe e semellanza do montevideán", engadiu o historiador.

Ferido e decepcionado, Celso Emilio expresa a súa "vinganza" sobre todo "en clave poética, pero despiadada, plena de argumentos ad personam, nos seus poemarios Viaxe ao país dos ananos (1968), Cantigas de escarnio e maldicir (1968), e Paco Pixiñas (1970), e aínda habería recuncar sobre o tema nalgúns dos seus poemas posteriores, amais dalgúns artigos de prensa, xa retornado a Europa e establecido en Madrid no 1973", comentou. É entón cando Ferreiro presenta os emigrantes como "desertores da revolta, xentes egoístas que buscan unha solución individual á súa probeza e complexos de inferioridade inducidos pola miseria, a opresión e a alienación cultural: deveñen en desleigados que arrenegan da súa orixe cultural e social, que se acrioulan e se renden ao consumismo (comer carne)", engadiu.

Nas Cantigas "denuncia un por un a varios dos dirixentes profranquistas, a algún dos cales reprochaba facer uso do nome de Castelao e do seu mito en ván (algo moi usual na HG naquela altura —Escola Castelao, p. ex.—, mais tamén noutras colectividades da América, onde existía unha sorte de mitificación superficial de Castelao como falso símbolo de unidade/unanimidade: “se proclaman de Castelao hermeneutas”). Anos despois, CEF lembraría que en Cantigas de escarnio e maldicir quería denunciar un grupo concreto de dirixentes que manipulaban a colectividade para entregala á Embaixada franquista e que facían abondoso uso dun pseudogaleguismo reseso e folclorizante", sostivo. "Mais tamén reservaba a súa pruma a denunciar aos republicanos de fachenda, mais no fondo de valores conservadores, ou aos “fillos de Silvio [Santiago]”, aos que acusaba de teren traizoado a súa propia memoria, por seren exilados que xogaron a carta de convertérense en dirixentes caciquís das entidades de exilados (“ácrata, burgués de vía estreita”). Algo moi específico da colectividade galega de Caracas", observou.

En 'Paco Pixiñas' o autor ofrecía, porén, "unha visión algo matizada do que era unha visión pesimista e lúcida asemade da biografía e da socialización política deses emigrantes criados no franquismo, que tiñan algunha lembranza do pasado de mobilizacións anterior á grande vaga represiva do 36, que tiñan pouca formación, e que foran educados na resignación e na procura dunha solución individual aos problemas colectivos polos seus pais e avós: a emigración, onde o seu destino era deslombarse a traballar, gañar uns cartos, mellorar de posición social e perder a alma, acrioulándose e converténdose en desleigados". 

Foi Luis Seoane, entre outros, quen respondeu ás críticas de Celso Emilio, advertíndoo de que estaba a facer xeneralizacións inxustas. "Seoane apontaba aí unha raíz do pesimismo de Ferreiro, e acusábao de levar a cabo unha sinécdoque: tomar o todo pola parte. A experiencia venezuelana era moi específica, a dunha comunidade inmigrante moi nova, integrada por inmigrantes socializados no franquismo e arribados nos últimos 19 anos, e artellada por unha elite de exilados sementada de leas internas, na que o galeguismo só tiña unha influencia relativa e sen presenza dunha elite inmigrante autóctona, proveñente do periodo 1880- 1930, do mundo das sociedades de instrución, socializada no movemento obreiro, no republicanismo de anteguerra, etcétera. Doutra banda, as sociedades cubana de 1910, arxentina de 1930 e 1950, e a venezuelana de 1966-72 non eran comparábeis. O pouso burgués e ilustrado da Habana ou Bos Aires, o mundo asociativo anterior á guerra, non eran equiparábeis ao rápido ascenso social nun país de escasa tradición democrática e pleno de corrupción, falto de tradición migratoria e de clase media autóctona que era Venezuela", asegurou Seixas. 

O profesor Raúl Soutelo Vázquez contribuíu, tamén, co seu relatorio no CCG, a contextualizar as opinións de Celso Emilio sobre a emigración pois, tal como explicou, "entre os galegos que chegaron a Venezuela durante os anos corenta, predominaron os exiliados pola súa militancia antifranquista". Pero, -apuntou-, "este perfil muda substancialmente no colectivo de inmigrantes galegos que chegaron entre 1952 e 1958. Foi un fluxo exclusivamente económico, integrado por persoas ou familias chegados directamente de España e totalmente despolitizados. Serafín Portugal Soto é, neste senso, o paradigma deses emigrantes adaptativos que chegaron a Venezuela formados no respecto ás autoridades, con boas capacidades profesionais en comparación coa poboación autóctona e con inmensas arelas de prosperar". 

Nas xornadas estaba presente tamén, precisamente, Serafín Portugal, que expresou o seu "agradecemento" a Venezuela polas oportunidades que alí tivo, asegurou non sentirse "discriminado" como galego na emigración e veu corroborar a análise de Soutelo ao insistir en que "eu sempre respetei todas a ideas. Pero creo que tan malo é ser pro como ser contra". Pola súa banda, o presidente do Consello da Cultura, o tamén historiador Ramón Villares, reflexionaba sobre o mesmo que antes sinalara Seixas: "se cadra non foi só un asunto persoal" -a experiencia de Celso Emilio coa Hermandad Gallega-, senón que os seus poemas, "de forza extraordinaria, aínda que eu non estou de acordó coa interpretación da emigración que dan", hai que entendelos no contexto dun país determinado non momento concreto, cunha "sociedade desarticulada".  

No debate da sesión da tarde, a xornalista e escritora, exdelegada da Xunta de Galicia en Bos Aires, María Xosé Porteiro e o escritor e durante moitos anos emigrante en América Xosé Neira Vilas incidiron na necesidade de tender novas pontes coa terceira xeración dos emigrantes galegos en América. Porteiro apostou por “tecer novos vencellos tendo en conta a existencia dos fíos” e abrir unha cooperación en pé de igualdade “con xentes que continuamente miran cara a nós". Referiuse ás críticas de Celso Emillio Ferreiro como “un desafogo do poeta”. A realidade social da emigración é parte da realidade de Galicia, asegurou Ildefonso de la Campa, da Secretaría Xeral de Emigración. Xigantes ou ananos? “Son galegos”, dixo.Pola súa banda, o xornalista Anxo Lugilde reflexionou sobre os dous discursos, positivo e negativo, sobre a emigración na obra de Celso Emilio e do derrubamento da súa idealización da emigración como Galicia ideal. “Os emigrantes son xigantes, ainda que entre eles hai ananos”, concluíu. Na sesión de mañá participou tamén Ramón Nicolás, que vai publicar nunhas semanas a súa esperada biografía sobre o autor. 

FOTO: Fundación Celso Emilio Ferreiro


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.