O IX Festival de Cans, consolidado como un auténtico referente no panorama audiovisual galego, poe suposto, e estatal, chega ao seu fin. O martes 29 de maio proxectaranse as curtas premiadas no Bar Liceum do Porriño ás 22:00. Neste local teñen tocado os rapaces do grupo local Baldosa Amarilla, quen gañou definitivamente o Premio do público ao mellor videoclip. Non confundan. É un traballo excelente sobre a infancia e a súa presenza nas imaxes da nosa construción persoal. é moi acaído para expresar o que esta banda nos comunica e o que son os seus membros. De feito, no seu día adicamos unha das nosas páxinas de GC Tendencias a este traballo -ver "Desequilibrio", novo e intenso videoclip de Baldosa Amarilla-. Pero houbo outros traballos sorprendentes neste ámbito do vídeo musical, como os gañadores Mullet, escatoloxía, relixión e gamberrada ao servizo da loita contra a castrapización da nosa toponimia; ou a limpeza visual de Milknaut que permite gozar da estupenda canción que nos propoñen; ou o Control do mal de K-Raxe, duro como a pedra e absolutamente espectacular. En todo caso, moitos grandes traballos que anuncian unha idade de ouro do videoclip feito en Galicia.
Deixámosvos aquí o palmarés completo, entremezclado con estas obras que vos acabamos de citar. Cine, música e texto. As portas de todo coñecemento.
Premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Mr Bear, dirixida por Andrés Rosende, porque conxuga a técnica, a interpretación e o humor, nun exercicio de ironía pura e dura.
Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra: Dúas letras, dirixida por Eloy Varela, porque é unha historia do mundo rural moi próxima coa que todos nos sentimos identificados. Tamén pola súa delicadeza ao presentar o sufrimento dunha nai que espera as cartas do seu fillo e porque todos coñecemos a historia dunha carta que estivemos esperando e nunca chegou.
Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.000 euros: Dúas letras, dirixida por Eloy Varela.
Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: O xigante, dirixida por Luis Matta e Julio Vanzeler, que o xurado valorou como un auténtico poema visual.
Premio do público á mellor curtametraxe de animación, dotado co Can de Pedra e 1.000 euros: El club del bromista, dirixida por Luis Usón.
Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Luis Zahera, por Conversa cunha muller morta. Convence por unha interpretación contida e crible, conseguida cunha economía xestual, que fai que o público se poña na pel dun personaxe moi difícil.
Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado co Can de Pedra e 200 euros:Teresa Fraga, por Dúas letras, por ser un traballo veraz e emotivo. Nunca unha carta non escrita foi tan ben lida.
Premio do xurado ao mellor guión, dotado co Can de Pedra e 200 euros: El baile maldito, escrita por Rafa de los Arcos e Miguel Ángel Blanca, pola orixinalidade da exposición e por xogar con dous tempos narrativos entre a realidade e a imaxinación.
Premio do xurado ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: "Puerto del sonido", de Mullet, realizado por Rubén Domínguez. Ás veces, a solvencia técnica pode ser un obstáculo para facer un bo videoclip, pero Rubén Domínguez non cae nesa tentación. O videoclip é honesto, directo, precario, retranqueiro e gamberro. O diálogo entre a música e o videoclip é limpo e horizontal e o resultado, coherente e politicamente cargado, cun intelixente uso da súa linguaxe audiovisual underground.
Premio do público ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros:Desequilibrio, de Baldosa Amarilla, realizado por Tomás Martínez.
Foto: GC


