1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

291012 Central Térmica de MeiramaGaliza - Véspera de Nada - Xoán R. Doldán comenta neste artigo a noticia aparecida onte en La Voz De Galicia co título de «Galicia exporta energía, pero la paga al mismo precio que Madrid» e aproveita para nos explicar algunhas cousas sobre as tarifas eléctricas e sobre os supostos excedentes enerxéticos do noso país:


Unha parte do texto da noticia é correcta:

«O prezo da electricidade é lineal en todas as comunidades autónomas. O recibo é o mesmo, por exemplo, na Galiza, onde se xera o 10 % de toda a enerxía nacional e exporta cerca de 3 %, que en Madrid, que importa do resto do país 90 % da que precisa anualmente»

Esta desigualdade ten sido destacada como parte dos argumentos para defender unha tarifa eléctrica máis baixa para Galiza.

Outra cousa é a afirmación de que:

«somos excedentarios e temos que aproveitar que non hai perdas no transporte de enerxía»

Neste caso necesitaríamos facer algunhas matizacións para non levarnos a engano. Segundo o último Balance enerxético de Galicia, 2010 (INEGA, 2012), estamos a importar o 78,8% de toda a enerxía que é transformada no noso país. Ben é certo que unha parte importante desta enerxía é petróleo con destino á refinaría da Coruña que, unha vez refinado, vai ser consumido tanto dentro de Galiza como fóra, xa que para este tipo de combustíbeis a dependencia enerxética galega é total, como o é para certos combustíbeis dos que obtemos calor (é o caso, por exemplo, do gas natural).

Ademais, hai unha parte da enerxía primaria importada que, cos recursos enerxéticos galegos, vai destinada a obter electricidade da que unha boa parte é exportada –aproximadamente un 33% do total–. Deste modo, un 46% da enerxía primaria utilizada para obter electricidade procede de recursos propios galegos –renovábeis– e un 54% de recursos importados –non renovábeis–. Tendo en conta que os importados sofren perdas enerxéticas importantes na xeración de electricidade, o sector eléctrico galego convértese nunha fonte importante de emisións de gases contaminantes. Finalmente, de toda a electricidade dispoñíbel en Galiza un 62,7% ten unha orixe autóctona, polo que cos nosos propios recursos cubrimos un 94% da electricidade que consumimos os galegos e galegas. En definitiva, as exportacións de electricidade galega conséguense grazas a que previamente se fan elevadas importacións de enerxía, sendo Galiza un enorme transformador enerxético de enerxía propia e importada para usos propios e alleos.

É dicir, exportamos electricidade porque antes importamos carbón e gas natural para manter esa capacidade exportadora. Ergo, non hai excedente enerxético senón dependencia. Por iso, cando se fai referencia a que:

«A tarifa eléctrica que se aplica no Estado español é complexa. Consta de varios conceptos. Un, polo transporte da enerxía -que supón 4 % do recibo-, e outro de índole solidario, que se traduce en que os territorios excedentarios sufragan os custos das comunidades que non producen e nas que resultaría máis cara a electricidade, é dicir, aplícase unha tarifa solidaria. Madrid, Cataluña, Valencia e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla son as principais comunidades que producen menos enerxía da que consomen e, por tanto, abastécense dos excedentes do resto das comunidades»

Pártese dun sistema tarifario pensado para unha economía que é autosuficiente a nivel eléctrico, dispoñendo dos recursos enerxéticos propios suficientes para obter toda a electricidade que se xera. Isto ten mudado radicalmente no Estado español e na Galiza desde o momento en que o carbón que se utiliza nas centrais térmicas é de orixe importado. A isto hai que engadir o aumento da dependencia enerxética cando o gas natural é importado tamén para xerar electricidade (ademais da dependencia que supón a importación de uranio para as centrais nucleares, aínda que no balance enerxético non figure como importación enerxética por mor dunhapeculiar norma na elaboración das estatísticas enerxéticas). De considerar esta situación de dependencia dificilmente se podería considerar excedentaria a Galiza xa que a exportación de electricidade agocha unha clara dependencia enerxética e non un excedente de recursos enerxéticos para a xeración de electricidade. Só por iso ese carácter solidario tería que desaparecer debendo ser substituído por outro que considerase, por exemplo, unha solidariedade ambiental sobre a base do sobrecuste social e ambiental por soportar unha industria eléctrica que asolagou vales e queimou as reservas de carbón galegas e agora segue poluíndo co uso do gas natural e o carbón importados.

Velaí outro dos argumentos que, tradicionalmente, foi esgrimido paradefender unha tarifa diferenciada para Galiza. Este argumento, porén, non é citado na nova do xornal nin é esgrimido por algúns defensores actuais da tarifa diferenciada, quizás para converter en obxecto de debate só a cuestión tarifaria e deixar fóra do debate os graves impactos do sector enerxético na Galiza e non dirixir a atención as empresas e complexos industriais que os causan.

O peor de todo este tema é que esta reforma non é a que se está a contemplar polo Goberno español senón outra á que fai mención a nova:

«No caso de que as actividades ou instalacións destinadas á subministración eléctrica fosen gravadas, directa ou indirectamente, con tributos propios das comunidades autónomas ou recargas sobre tributos estatais, á peaxe de acceso incluiráselle un suplemento territorial que cubrirá a totalidade do sobrecusto provocado por ese tributo ou recarga e que deberá ser abonado polos consumidores situados no ámbito territorial da respectiva comunidade.»

Dito con outras palabras, non se procura dita solidariedade social e ambiental, senón que se castiga calquera intento compensatorio que procure vía tributaria que o sector pague polos prexuízos que orixina nos lugares onde se orixina a electricidade, facendo recaer dito castigo non onde se consume a electricidade senón onde se atopen os centros de xeración, como é o caso galego. A insolidariedade tórnase nunha auténtica burla.

Pasaremos dun sistema tarifario defectuoso a outro disparatado. Isto non debería estrañarnos vindo dun goberno como o español cunha política enerxética que na situación de emerxencia enerxética mundial na que nos atopamos segue a confiar nunha falsa regulación eficaz dos mercados e segue atado a fábula do crecemento económico e da dispoñibilidade de enerxía ilimitada para o futuro.

Outra cousa é que esta demanda dunha tarifa diferenciada non se está a facer polas incongruencias do sistema actual ou do previsto e como isto afecta ao conxunto da sociedade galega, senón pola ameaza de Alcoa –por outro lado xa habitual– de fechar as súas instalacións en Galiza se non se lle garante un prezo da electricidade favorábel. Poñendo a traballadores, sindicatos e forzas políticas por diante, Alcoa pretende conseguir os seus obxectivos, entre os que non está precisamente o que poida interesar á sociedade galega.

Compre lembrar que cando se instalan na Galiza as factorías que hoxe son de Alcoa, existía unha tarifa para grandes consumidores eléctricos que lles permitía pagar pola electricidade un terzo do prezo que un usuario normal, cando, daquela, estaban a supor entre o 40 e o 50 por cento de todo o consumo interno eléctrico galego. Dito doutro modo, galegos e galegas non só soportábamos os estragos da industria eléctrica senón que financiábamos a través da tarifa o consumo extremo de Alcoa. Mesmo estivemos a punto de ter na Mariña de Lugo unha central nuclear coa única finalidade de fornecerlles de electricidade. Ao final, unha parte considerábel das reservas de carbón galegas, xa esgotadas na actualidade, serviron para dar electricidade barata a Alcoa.

Esta era unha das razóns polas que se cualificaba a Alcoa de industria de enclave, unha industria que non estaba integrada no tecido social e económico galego e que só procuraba aquí unha enerxía abundante e barata, unha permisividade ambiental e unha mao de obra barata e sumisa. Daquela non só se reivindicaba unha tarifa eléctrica máis favorábel para a sociedade galega senón tamén o control destas instalacións industriais nas que primaban os intereses alleos sobre os galegos, que esgotaban os nosos recursos e degradaban os nosos ecosistemas. A memoria semella fráxil e agora algúns reivindican unha tarifa favorábel para contentar a estas industrias de enclave. Parecería que, en materia tarifaria, estase a loitar polo mesmo mais non é certo. Daquela falábase da sociedade galega, do país e contra os intereses alleos, hoxe fálase de Alcoa e, a través dela, dos supostos beneficios para o país, chegándose a argumentar que con esta tarifa máis baixa outras industrias intensivas en consumo enerxético –de enclave– podía verse atraídas por este motivo e virían a instalarse a Galiza (sic). O máis curioso de todo isto é que parte dos que antes demandaban unha cousa agora demandan outra aparentando pedir o mesmo.

Cánto lembra isto a outras defensas dos intereses das empresas enerxéticas, como Endesa ou Reganosa!

Foto: Pilar Ponte - A Central Térmica de Meirama.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.