1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

011012 marin2Galiza - PDMM - A Plataforma rexeita o PXOM de Marín recentemente aprobado por “especulativo” e na realidade “insustentable” e “irreal”.


A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo  considera de electoralista e interesada a campaña iniciada polo goberno municipal do PP en colaboración co goberno amigo da Xunta de charlas informativas sobor deste asunto a escasas datas das vindeiras eleccións autonómicas, onde PSOE, BNG e Mar-In, copartícipes na elaboración do Plan, non deixan de ser unhas meras comparsas, intentando sumarse ao pastel.

Poñen de exemplo a súa tramitación cando na realidade non houbo a real e necesaria participación social, xa que a súa elaboración foi impulsada verticalmente dende o poder político e empresarial deixando só espazo para presentar alegacións ás aprobacións iniciais, onde os colectivos que alegaron ou foron críticos co modelo de planificación foron desatentidos na súa maioría (por suposto tampouco foron convidados á presentación mediática do novo PXOM).

O PXOM, segue o modelo da “burbulla urbanística” estatal e autonómica que desembocou na actual crise financeira e económica. Dise que a súa implantación é para os vindeiros 30 anos pero a súa filosofía é máis ben de 30 anos atrás, baseada no desenvolvemento puro e duro do tixolo e o formigón que xa se ten demostrado, e dabondo, que é un absoluto fracaso.

As 9.564 novas vivendas e os 50.000 habitantes previstos (un crecemento do 100% da poboación actual) para eses vindeiros 30 anos son inviables xa que están baseados claramente na especulación do sector da construción e inmobiliario e o crecemento poboacional non se corresponde co crecemento vexetativo do municipio, que por exemplo entre 1981 e o 2005 só aumentou en 2.295 habitantes, ou sexa, en 15 anos apenas creceu un 8%.

No fondo , este PXOM, só busca vender Marín (5369 vivendas en solo urbano entre os núcleos de Marín e Seixo) a prezo de saldo como área de espallamento metropolitano e dormitorio de Pontevedra e como segunda vivenda.

As 2.768 vivendas previstas en solo rural, a parte do impacto que produciría no territorio e na paisaxe, ao contrario do que deberá suporía unha elitización económica e residencial que non se correspondería coa maioría da poboación autóctona xa que se esixe un mínimo de 1000 m2 para urbanizar. As 1.430 novas vivendas en solo urbanizable suporían a recualificación do solo rústico de especial protección. E no caso do litoral dá cabida a que se contemple a modificación da protección da Lei de Costas.

As áreas industriais previstas no Monte Pornedo, e de reserva supramunicipal na Pastoriza, están sobredimensionadas e situadas no espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provinciais de Pontevedra, en zonas cun alto valor paisaxístico, natural, arqueolóxico e forestal e unha orografía con grandes desniveis na cabeceira de vales fluviais que desaconsellan urbanizar polo grande e irreversible impacto que se produciría.

A isto habería que engadirlle os servizos de abastecemento e saneamento de augas máis de electricidade necesarios para tal crecemento, do que Marín xa é totalmente dependente e deficitario na actualidade, xa que a maioría do subministro de augas vén da cabeceira do río Lérez, a depuradora de augas residuais está en Praceres, e o subministro da electricidade provén de Lourizán, fóra do municipio.

A superficie proposta para espazos libres e zonas verdes, sobre uns 425.771 m2, non compensa o impacto ambiental producido polo total da nova edificabilidade prevista. A presión que se faría a maiores da que xa se está provocando na actualidade sobre o territorio e sobre a ría, á beira da que está asentada a vila e o seu porto, sería totalmente inasumible.

Demandamos outro modelo de planificación urbanística baseada no decrecemento, na realidade xeográfica, urbanística e demográfica de Marín (comarca natural da península do Morrazo) e na consecución de servizos municipais que reduzan a súa dependencia de Pontevedra.

Foto: Turismo Galicia


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.