1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

260712 morracoGaliza - PDMM - A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita o Plan de Mellora Viaria do Morrazo ideado pola Consellería de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas para a comarca pois redunda no mesmo modelo de desenvolvemento insustentable do transporte de mobilidade que tivemos ata agora, favorecedor do caro e contaminante vehículo privado e da especulación urbanística, en detrimento unha vez máis do necesario e alternativo desenvolvemento de proximidades e o transporte colectivo.


Desde a plataforma queremos denunciar que o Plan só busca a construción de novas e maiores estradas (25,5 kilómetros en total sumando os 14´8 do proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade cos 4,2 da variante de Moaña, os 2,2 da variante de Cangas e os 4,3 da recentemente inaugurada variante de Marín) para poder incrementar o parque automobilístico e motorizado fóra dos núcleos urbanos, enlazándoo co resto das actuacións propostas (“acondicionamentos” das PO-313, PO-315 e PO-551) e intentar absorver inutilmente ese incremento de tráfico viario cara as praias e á especulación urbanística residencial e industrial, dende o litoral ata os montes.

O impacto que esas obras viarias producirían no territorio, o medio ambiente e a paisaxe, a maioría en solo rústico de especial protección, incluído o espazo natural dos Montes do Morrazo, sería grave e irreversible a maiores do xa producido (desmontes, recheos, taludes, viaductos, …), ademais de aumentar a nosa pegada ecolóxica a nivel local e planetario (sobreexplotación dos recursos naturais e enerxéticos, contaminación acústica, atmosférica e hídrica).

Este plan non solucionaría os problemas viarios (atascos, seguridade vial) senón que os agravaría nunha trampa sen saída de efecto funil dentro da pechada península costeira morracense, trasladando e incrementando a problemática do tráfico e os aparcamentos cara a estradas menores e zonas periurbanas e rurais.

Os únicos beneficiados serían, unha vez máis, as grandes empresas do sector da construción e da extracción das enerxías fóseis e dos derivados do petróleo, pero cuns recursos cada vez máis limitados polos negativos efectos da burbulla urbanística, o alto custo económico e impacto ambiental das grandes vías de comunicación nunha xeografía adversa, e o pico de produción enerxética a nivel mundial, entrando dende hai uns anos para acá en progresivo decaemento.

Polo tanto este modelo de desenvolvemento está abocado ao fracaso. Por outra banda a financiación do propio Plan (159 millóns de euros) non deixa de ser ficticia dada a dura e xa crónica crise financeira existente provocada precisamente por ese modelo insustentable e especulativo, sendo ademais de auténtico “bríndis ao sol” político do goberno PP na Xunta en plena campaña preelectoral autonómica.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo demanda como alternativa a vertebración e humanización das estradas existentes, a desincentivación e o uso responsable do automóbil privado, a mellora e potenciación do transporte colectivo, peonil e a bicicleta, a consecución de centros e locais sociais, culturais, deportivos, comerciais e sanitarios a nivel local e comarcal, para que a poboación utilice o menos posible o automóbil nos seus traslados, e unha planificación urbanística axustada coa realidade e non o acontecido cos PXOM de Moaña (4000 vivendas e unha área industrial que afecta o espazo natural dos Montes do Morrazo na Cruz da Maceira) ou o recente de Marín (9500 vivendas e dúas áreas industriais que afectan ó espazo natural dos Montes do Morrazo no monte Pornedo e na Pastoriza), onde a planificación vai especulativa e insustentablemente moi por enriba das súas auténticas posibilidades, intentando deixar os concellos e á comarca máis dependentes como suburbio metropolitano das cidades da contorna, Vigo e Pontevedra.

Foto: PDMM


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.