Era a Sexta Marcha a Pé Ferrol-Mugardos contra o despropósito gasista de Reganosa, a Planta de Gas instalada no mesmo corazón da Ría de Ferrol.
O 24 de agosto de 2007, tiña lugar a Primeira Marcha a Pé a Mugardos, cun grande éxito de participación e forza. O movimento opositor á planta de REGANOSA, medraba día a día en conciencias e desexos de desmantelamento da ilegal e perigosa planta, produto da corrupción política e de intereses económicos alleos aos do pobo galego. A Marcha cidadá era como un contributo solidario coa veciñanza de Meá que levaba moitos días pechada na Casa do Concello de Mugardos. Desde aquela xa son seis as Marchas realizadas.
Hoxe esta Sexta Marcha, ven acompañada dunha máis que agardada Sentenza do Tribunal Supremo que declara a Reganosa ilegal.
A sexta edición da Marcha comezaba no Parque 'Carmelo Teixeiro' de Caranza, pasadas as cinco da tarde. Parque que leva o nome do primeiro coordenador do Comité Cidadán, acordado polo Pleno do Concello de Ferrol, despois da súa morte, o 5 de Febreiro de 2008, en recoñecemento da súa laboura comunitaria a prol do ben común.
Os 16 Km que separan Ferrol de Mugardos foron percorridos pol@s marchistas sen problemas, con algunhas paradas para o reagrupamento e a xa típica parada de avituallamento n'O Pote de Maniños. Despois veu a chegada á Pedreira e baixada até Reganosa onde a inmensidade dos tanques, con ducias de miles de toneladas de GNL, avisaban do perigo desta instalación no mesmo corazón da nosa Ría.
Mugardos estaba en Festas, desta vez o Alcalde non permitiu que o recibimento fose no centro da vila, na Praza do Mercado, quería ocultar-nos o máis lonxe que poide-se do resto da veciñanza, polo que nos desviou para o Parque dos Carneiros, mais a Marcha transcorreu igual polo centro de Mugardos, uns cantos centos de metros máis non era un impedimento e a si quedaba de manifesto que a Sexta Marcha contra o despropósito gasista chegaba ao seu destino.
No Parque dos Carneiros, agardaban numerosas persoas que recibiron con aplausos tantas vontades de que se faga xustiza, agora tamén que hai unha Sentenza que ven a fortalecer a nosa Razón e a nosa Loita.
A veciñanza de Meá e do resto de Mugardos que foi protagonista aquel verán de 2008, con 111 días de peche na casa do Concello, acolleu-nos unha vez máis con agarimo. Música, bebidas, chourizo e liscos.
O acto rematou coa confraternización entre veciñanza e marchistas e unhas palabras de Luz Mariña Torrrente e Lupe Ces.

