A contaminación microbiolóxica é producida nomeadamente pola acción de bacterias coliformes, presentes normalmente no colon dos humanos, e a súa presenza nas augas é un indicador do seu nivel de contaminación fecal. Pero, tal como ten advertido dende fai anos a APDR citando estudos realizados en fábricas de pasta de papel en Canadá, sábese que determinadas áreas de produción de pasta constitúen verdadeiros medios de cultivo bacteriano, no que estes microorganismos proliferan e se multiplican, pasando logo a formar parte dos efluentes líquidos das industrias, é dicir dos seus vertidos.
Neste sentido, debemos indicar que a última analítica do vertido de ENCE, realizada para Augas de Galicia en novembro do pasado ano e na que se buscan indicadores de contaminación bacteriana, vén a amosar uns niveis de coliformes seriamente preocupantes; neste caso, estes microorganismos non proceden do intestino humano senón dunha actividade industrial que, ao crear un ambiente con condicións similares, actúa como medio de cultivo dos mesmos. Nos resultados (que se axuntan a esta nota de prensa), apréciase un elevado nivel tanto de coliformes totais (5.000 unidades formadoras de colonias por cada 100 mililitros) como de estreptococos fecais (2.500 unidades formadoras de colonias por cada 100 mililitros), que se veñen sumar ás bacterias de orixe fecal que xa están presentes no medio incrementando así a carga bacteriana da Ría.
Si multiplicamos estes datos de contaminación bacteriana polo volume medio do vertido de ENCE, de máis de 35.000 metros cúbicos diarios, podemos concluír que este vertido é a principal fonte de contaminación microbiolóxica na Ría, e pon en perigo a calidade das augas dunha zona onde existen importantes bancos marisqueiros.
E durante o verán, co aumento da temperatura nas augas da Ría, aumenta tamén a supervivencia dos microorganismos, acadándose niveis que dificultan o cumprimento dos obxectivos de calidade que establece a directiva 79/923/CEE relativa á calidade ás augas para a cría de moluscos. Estes vertidos que xa prexudican gravemente á actividade extractiva nos bancos marisqueiros da Ría poden chegar a provocar danos aínda máis graves coas conseguintes perdas de postos de traballo en actividades sostibles.
Dende a APDR solicitamos ás consellerías responsábeis que controlen os niveis de microorganismos nas augas da ría e se manteña unha calidade no eido microbiolóxico compatible coas actividades extractivas e co disfrute das augas da Ría de Pontevedra impedindo vertidos que, pola súa carga contaminante, están a producir un serio dano aos sistemas naturais e aos recursos na zona interna da ría.
Pontevedra, 6 de xullo de 2012
Asdo.: Benito Andrade, vicepresidente da APDR.

