ADEGA e MariñaPAtrimonio denunciaron perante O Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza e o SEPRONA os danos provocados nos xacementos arqueolóxicos de o castro do Castelo de Celeiro (Viveiro), o castro do Coto da Vela e un castro próximo a Pereiraboa, ambos en Xove. Estes danos son consecuencia da tala e posterior plantación do monte de eucaliptos con maquinaria pesada.
Dende estas asociacións comprobaron como nos citados xacementos arqueolóxicos se fixeron remocións de terra con pas mecánicas para a apertura de novos camiños, chegando mesmo a cortar os parapetos de defensa dun castro. Estas remocións de terra con medios mecánicos tamén se levaron a cabo na posterior replantación do monte, que deixou á vista restos arqueolóxicos: cerámica ou muíños, o que evidencia, segundo estes colectivos, os danos provocados nos xacementos.
Autorización de talas
"Unha vez máis preguntámonos onde están os poderes públicos, Concellos e Xunta, que por lei teñen a obriga de velar e protexer o Patrimonio que é de todos. Non deixa de ser paradóxico que o poder público coa máxima responsabilidade na defensa do Patrimonio, a Xunta de Galiza, sexa a mesma que autoriza as talas con maquinaria pesada en xacementos arqueolóxicos inventariados, sabendo a destrución que provoca o uso desta maquinaria", apuntan nun comunicado.
Foto: El Progreso


