A reportaxe de Antena 3 dura aproximadamente unha hora e subdivídese en seis capítulos. Neste tempo, mandos policiais á frente do operativo, o xuíz Vázquez-Taín, xerarcas da Catedral, xornalistas, teólogos e expertos de distinta caste desfilan ante a cámara reforzando a tese de que un só individuo foi capaz durante unha década de substraer case 2 millóns de euros sen ser detectado e á marxe da maraña de intereses existentes no templo. A negativa a sinalar responsabilidades políticas e eclesiásticas é compartillada coa reportaxe de ton sensacionalista emitida recentemente por Tele5.
A linchaxe e caricaturización á que é sometida a familia de M. F. C., máis propia dunreality show que dunha reportaxe de investigación, conta con declaracións de persoas directamente implicadas no propio proceso de investigación, que non teñen reparos –por segunda ocasión consecutiva- en opinar e lanzar hipóteses sobre cuestións que aínda están baixo sumario. Neste sentido, a ridiculización e satanización a que é sometido un ex traballador da Catedral e a súa familia son tan evidentes como a vontade de pasar de puntas en pés sobre o fondo da cuestión.
Dados económicos
É chamativo comprobar certos dados que achega o documental, como o ingreso a través de esmolas de 719.000 euros anuais; o cobro de 300€ cada vez que se activa o Botafumeiro; o cobro de distintas cantidades por visitar museus, tellados da Catedral, etc.; o ingreso anual de 229.000€ por venda de merchandising catedralicio, etc. Son significativas neste sentido as declaracións do teólogo José M. Vidal que asegura que o episodio traxicómico do Códice Calixtino foi “un grande beneficio” para esta máquina de fazer diñeiro que é a Catedral de Compostela ou o feito, non recollido na reportaxe, de quegrazas ao grupo municipal da extrema dereita en Compostela a Igrexa Católica non pague o IBI no Concello polo seu amplo parque inmobiliario.
Foto: CdP

