1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

castelaoGaliza - Contrapoder - O proceso de abdicación do xa anterior rei da España e a coroación de Filipe VI teñen sido analisados até ao limite das súas posibilidades en discursos que se dividiron, a grandes trazos, entre as loubanzas ridículas dos sectores monárquicos e as críticas máis ou menos contundentes do resucitado republicanismo español e dos tradicionais republicanismos basco, catalán e galego.


Tamén, desde os medios alternativos, se procurou dar unha leitura de fondo á cuestión da monarquía e, nalgúns casos, ao debate artificial sobre o referendo como forma de asunción dun Estado republicano. E cando parecía que todo estaba xa dito e que após a coroación do novo rei a axenda mudaría de novo a outros rumos — agás nas nacións sen Estado á procura das súas proprias repúblicas — Filipe VI inclúe Castelao no seu primeiro discurso como rei e ábrese unha nova frente de discusión a cabalo entre a propria mención e a reacción dos sectores máis descaradamente supremacistas.

A convivencia como eslogan

O facto de o novo rei da España incluír no seu discurso un recoñecemento a un dos teóricos fundamentais do nacionalismo galego e, finalmente, da independencia nacional após comprovar a deriva fascista do Estado — que hoxe se reproduce con matices, mais sen demasiados reparos — non é menor. Tampouco é menor que o cite xunto con Salvador Espriu e Gabriel Aresti no final dun discurso onde louva a convivencia linguística e cultural arredor do español como lingua franca, nen que eses autores teñan defendido, a través da súa obra, a convición de que tal lingua franca non existe nen ten por que ser diferente da lingua propria — máis claramente se cabe no caso de Aresti e Castelao.

En todo caso, é evidente que nesa inclusión asiste o obxectivo de enviar dúas mensaxes á partida positivistas, mais que na análise resultan ser falsamente complementares. A primeira, dirixida aos procesos de soberanía en marcha, máis avanzados en Cataluña e Euskadi, mais tamén incipientes na Galiza, pretende mostrar a nova monarquía como garante da diversidade cultural. A segunda, dirixida aos sectores recentralizadores e españolistas, quer garantir que esa apertura no cultural e na diversidade fica dentro dunhas marxes que en ningún caso tocan cos direitos políticos nen se estenden cara a eles. E aí precisamente está a inconsistencia da proposta: que aos grupos e colectivos aos que asistan direitos culturais na medida en que son pobos non lles asistan direitos políticos pola mesma vía.

A convivencia, así transmitida, transfórmase en novo eslogan da vella ideoloxía que é a do «todo atado y bien atado» e que está no ADN desta monarquía continuísta e habilmente máis subtil do que aquelas formas brutas e exaxeradas da ditadura. Subtil ou non, a realidade é que esa disxuntiva artificial entre o cultural e o político é a que non serve para os pobos que decidiron apostar polos seus direitos políticos colectivos, en lugar de se limitaren a unicamente afirmar e reafirmar a cultura propria nun sistema onde necesariamente irá ter un papel subalterno. Que o discurso de Filipe VI confunda cultura con política non é menor nen accidental: antes ao contrario, é deliberado e ten como obxecto esconder por trás da amabilidade do recoñecemento a Aresti, a Espriu e a Castelao a negación da política para os pobos que naquel discurso representaban.

Reaccións da direita

A reacción dos sectores máis descaradamente supremacistas, en todo caso, non se deixou esperar, aínda que se deu en estilos diferentes. Incapaces de faceren esta análise práctica das citas de Aresti, Espriu e Castelao, a maioría limitouse a reproducir o discurso, afeando a Urkullu e a Mas a súa negativa a aplaudiren o rei mesmo cando aquel citou os «seus» escritores — porque Feijóo aplaudiu, evidentemente — e en todo caso reproducindo a idea de que a diversidade cultural é só iso, cultural. Tamén houbo quen criticou a escolla por seren «mitos de la división y la ruptura, a veces hasta del genocidio» (La Gaceta), por exemplo.

Nesta nómina, as declaracións de Gloria Lago non terían calquera interese — por xa sabidas e por idiotas, etimoloxicamente falando — se non fose porque nelas transparece o pensamento real da direita española na Galiza, que a maior parte do tempo consegue ocultar habelenciosamente o seu ideario coa repetición mazante do mantra «nós somos os galeguistas, os outros son extremistas». Mais o que podería parecer unha mostra de honestidade ideolóxica no seu artigo — convenientemente aireado polos grandes medios, con LVG á cabeza — ao cualificar Castelao de «xenófobo» e «botarate excluyente», non é, na realidade, outra cousa que o grito polemista e desesperado dunha organización cavernaria e acabada, Galicia Bilingüe, co único obxectivo de voltar á primeira plana da política. Como se o PP necesitase neste momento desas algaradas. Como se o reparto a esgalla de medallas Castelao ao tipo de persoas que o proprio Castelao combateu en vida e especialmente no exilio americano non fose unha política sibilina e útil para o propósito de perpetuación da direita «galleguista» nesta fase do conflito nacional.

A xenofobia de Castelao. Cal xenofobia?

De modo que Gloria Lago pode ser unha supremacista pouco intelixente, sen dúbida, mais é a nós a quen cabe analisar como real o seu xesto de tirar a carouta e escreber, temerariamente, aquilo que o resto de persoas do sector levan anos tentando manter oculto. Di Gloria Lago que Filipe VI errou fatalmente ao nomear Castelao porque representa un nacionalismo excluínte, xenófobo e violento. E desta maneira, constrúe o seu discurso baseándose apenas en fragmentos de textos dunha primeira época na que o entón líder do Partido Galeguista certamente critica outros pobos e nacións e aponta trazos de racismo. Obvia, iso si, moi discretamente, tres verdades de vulto.

Primeira verdade: que ese tipo de xenofobia de baixa intensidade — mais xenofobia, no fin das contas — tiña naquela altura un carácter xeral en todo o Estado — e, na realidade, en todo Occidente. Pode pensarse que fraca defensa ten quen aponta os erros doutras persoas, mais a realidade é que na altura, o racismo nen sequer era considerado un erro, unha barbaridade, agás por determinados sectores situados na esquerda comunista e anarquista, e nen sequera por todos. A realidade que o supremacismo español actual obvia é que a xenofobia non estaba só nos textos proto-soberanistas e soberanistas galegos, bascos e cataláns, como tamén no discurso españolista que apontaba co dedo inquisidor para o pobo xitano, que difundía por toda a parte os prexuízos máis estúpidos sobre a nación andaluza e a preguiza e que consideraba a raza negra como fisiolóxica e intelectualmente inferior.

Segunda verdade: que o Castelao da altura, pouco máis que un maurista vilego, en puridade, experimentou unha evolución irreprochábel que o conduciu non só a enveredar por outras vías a súa oposición a España, como tamén a ser declarado presidente honorario da Federación Mundial de Sociedades Negras. Destas alturas, calquera — Gloria Lago e as supremacistas tamén — entendería que ningunha persoa negra nomearía presidente honorario un «xenófobo excluínte». Mais non é só iso. O proprio Castelao facía unha autocrítica evidente ao seu paso polos Estados Unidos: «non nego que a separación de razas coincidía cos meus instintos de pureza e perfección. Pero nos Estados Unidos sentín primeiro unha enorme compaixón polos negros e máis tarde un desexo de matar a miña repugnancia por eles. Agora avancei máis e sería capaz de converterme en líder das reivindicacións negras e en defensor desta raza. O día que despertei a este sentimento foi o 1 de setembro de 1938. Percorríamos o estado de West Virginia (onde os negros aínda non son perseguidos como no Sul) e na porta dun bar aldeán, onde comían e bebían uns cantos bárbaros brancos, albisquei este letreiro na porta: NOTICE. Whites only. Agora síntome irmán dos negros». Aínda máis, no Sempre en Galiza, que o supremacismo español cita constantemente como biblia nacionalista galega (como se o nacionalismo galego necesitase biblias), Castelao escrebe: «a raza non é tan sequera un signo diferencial da nacionalidade, e non se pode fundar reivindicación nacional ningunha — así di Stalin — invocando características de raza. Para nós, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con todas as razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado».

Terceira verdade: que o nacionalismo galego ten evoluído de maneira fundamental desde o impase da ditadura e o fin do Partido Galeguista até a actualidade, e que hoxe é, tanto na súa versión máis maioritaria como na súa versión máis elaborada e autocentrada, unha exixencia que asenta sobre a experiencia dos procesos de emancipación coloniais, onde se misturan, dunha óptica marxista, os combates contra o submetimento de clase e contra o submetimento dos pobos. Considerar o nacionalismo galego actual como excluínte é tan pouco realista e ten unha carencia tal de base material que só pode responder a unha exixencia: a da propaganda. E, parafrasando Clausewitz: a propaganda nada mais é que a continuación da política por outros medios.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.