1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)

marcha cadeiasnovaGaliza - Diário Liberdade - No sábado 18 decorreu a VII Marcha às Cadeias em solidariedade com os 6 presos independentistas galegos que atualmente se encontram em prisom e dispersados em diferentes cárceres espanhóis. Disponibilizamos a continuaçom as crónicas elaboradas pola Plataforma Que Voltem para a Casa! e por Ceivar:


Crónica de Que Voltem para a Casa!:

A VIII Marcha ás cadeas decorreu esta fin de semana cun importante logro de mobilización que culmina unhas semanas de intenso esforzo organizativo, económico e loxístico da nosa asociación. Finalmente foron 100 as persoas que se desprazaron nunha longa viaxe até as prisións de Estremeira, Aranxuez, Topas, Villabona e Mansilla. Por primeira vez desde que o número de presos se disparou, a marcha ás cadeas atinxiu todas as prisións onde hai presos independentistas. O que segue é unha crónica desta emocionante viaxe no que os solidarios e solidarias galegas levaron ata as portas das prisións españolas a solidariedade da Galiza e a protesta contra a dispersión.

Viaxe sen contratempos pero con marcaxe policial

Nos días anteriores á marcha xa se palpaba nos ambientes solidarios unha positiva tensión e o ánimo dos mais novos e novas que por primeira vez se sumaban a unha mobilización deste tipo. Para alén dos últimos e habituais apuros económicos, o propio día 17 xa estaba todo preparado para iniciar a viaxe. A marcha do Sur partiu á hora marcada desde Pontevedra e entre Vigo, Ponteareas e Ourense o autobús completou as prazas. Foi na cidade das Burgas onde a policía aproveitou para inspeccionar o vehículo e solicitar a documentación aos e ás participantes. As persoas responsábeis da organización demandaron explicacións por este feito ante o que a policía respondeu que se debía a ordes superiores, o que confirma que o Ministerio de Interior decidiu colocar xa a Que voltem para casa! no punto de mira das súas campañas de intimidación e acoso.

Pola súa parte, o autobús do norte partiu tamén sen novidades desde Ferrol para ir recollendo solidarios e solidarias en Coruña, Compostela, Lugo e Barreiros. Na cidade herculina recibimos o apoio de persoas que non podían vir á viaxe pero que nos agasallaron con empanadas e bebidas. Todo un detalle. Aquí, a inspección da Guardia Civil tivo lugar apenas uns quilómetros antes de chegar a Villabona. En relación co despregue da Guardia Civil e a policía nacional ás portas das prisións, este foi bastante discreto nas dúas expedicións e non puxeron ningún impedimento para as accións que se levaron a cabo por parte dos solidarios e solidarias.

O vento que leva a solidariedade da Galiza

Os momentos máis emocionantes vivíronse ao chegar ás portas das prisións no medio do frío e unha intermitente choiva. En Estremera agardábanos a xente da Rede Solidaria Antirepresiva de Madrid. Coas bandeiras da Galiza e da asociación ao vento, os solidarios e solidarias bordearon a prisión polo lateral do módulo 3, onde se atopa Teto, subidos a un outeiro e en horario de patio polo cal é probábel que nos escoitara, aínda que non houbo contacto visual. En Aranxuez tamén puidemos levar a cabo as nosas accións de solidariedade con Antóm sen maiores problemas por parte da policía nacional que permanecer no aparcamento da cárcere.

Ao igual que aconteceu o ano pasado, en Topas a Guardia Civil obrigou ás persoas asistentes a empregar os chalecos reflectantes. Foi en Topas onde puidemos escoitar os berros dalgúns presos vascos que axitaban roupa desde as xanelas. Carlos tamén nos escoitou. Ante a imposibilidade de bordear a prisión os solidarios e solidarias permaneceron nun lugar fixo berrando. Foi aquí onde un xornalista de Europa Press entrevistou a un portavoz de Que voltem para a casa!. En cada unha das tres prisións permanecemos algo máis dunha hora. Soamente lamentamos non ter levado máis instrumentos e obxectos ruidosos para que nos escoitaran mellor. Tarefa a mellorar para o ano que ven.

Pola súa parte, en Villabona tivemos que colocarnos nun lugar alto, algo afastado da prisión, o que non impediu os berros dos solidarios e solidarias galegas. Alí cantouse o himno galego e a marcha do Antigo Reino da Galiza acompañados por unha gaita. Un micrófono, un altofalante e un altavoz amplificaron a mensaxe que se podía escoitar no val no que estaba enclavada a prisión.

En Mansilla apenas houbo presenza da Guardia Civil. Os e as solidarias percorreron todo o borde da cadea reclamando o traslado a Galiza dos presos galegos. Soubemos por unha chamada telefónica que Xurxo escoitou os nosos berros. Tamén os presos vascos escoitaron e respondían ás nosas mensaxes.

Balance da mobilización e agradecementos

Desde Que voltem para casa! facemos unha valoración moi positiva desta VIII Marcha ás cadeas. Consideramos que a asistencia de xente deste ano revitaliza unha mobilización que semellaba estancada nos últimos anos. Ademais, alegrámonos enormemente de que a participación na marcha fose plural e conseguise implicar na organización a moitos centros sociais e militantes de diferentes forzas políticas e sociais nacionalistas. Ceivar puxo toda a súa bagaxe, experiencia e militancia a traballar para o éxito da convocatoria. Por outra parte, asistiron moitos mozos e mozas que tiñan o seu primeiro contacto co movemento solidario.

Por outra parte, a marcha tivo un importante seguimento a través das redes sociais e unha certa repercusión nos medios de comunicación oficial, algúns dos cales deron a noticia cun aceptable grao de obxectividade.

Non é doado mobilizar 100 persoas para visitar cinco cadeas nunha viaxe de 24 horas, nunha fin de semana con temporal, frío e neve por case toda a península. Tampouco é doado, nun movemento cativo como o noso conseguir os cartos necesarios para financiar as viaxes. Neste sentido, Que voltem para casa! quere darlles as grazas a todas as persoas e entidades que colaboraron na marcha, especialmente ás persoas que mercaron bonos e aos centros sociais que adiantaron cartos. Tamén queremos agradecer ao CS Revolta e ao CS Faísca a súa encomiábel labor na organización da Festa da Liberdade e aos músicos e artistas que participaron nela (Kave Gz, Rebelión do Inframundo, Paz Quistiláns). Para concluír, agradecemos especialmente a solidariedade amosada polos compañeiros e compañeiras da Rede Solidaria Antirepresiva de Madrid.

A dispersión esta a fracasar

Como dixemos noutras ocasións, estamos cada vez máis convencidos que os partidos da dispersión, o PP e o PSOE, teñen totalmente perdido o debate sobre os dereitos humanos nas cadeas e sobre a legalidade da actual política penitenciaria. É evidente que o réxime penitenciario que se lles aplica a aos presos galegos é ilegal e criminal e que a dispersión é un castigo engadido aos presos e ás súas familias. A cuestion da situación dos presos galegos desde o prima da xustiza, a legalidade e os dereitos humanos é un debate que non poderán gañar nunca.

Pero ademais, hai un dato crucial no que debemos insistir. A DISPERSIÓN ESTÁ A FRACASAR. O máximo responsábel político da dispersión en Galiza, Samuel Juárez, está a fracasar. A dispersión está pensada para desarraigar aos presos, illalos das súas familias e contorna social e para eliminar o apoio social aos presos. Pero o que está a acontecer na Galiza é precisamente todo o contraio. Cada vez son máis as persoas e organizacións que se posicionan en contra da dispersión, cada vez son máis as persoas que se suman as protestas. E cada vez son máis as persoas que simpatizan cos presos galegos. A política de dispersión e o réxime penitenciario aplicado aos presos galegos teñen un efecto contrario ao que pretende. Non existe cadea tan lonxana para afastalos de nos!

Ladran, logo avanzamos

A marcha ás cadeas coincidiu tamén cunha nova campaña intoxicadora da policía política que aproveitou o desprazamento para filtrar lixo informativo aos medios de comunicación no que misturaba de maneira vergoñenta as accións de protesta armada na Galiza coa campaña contra a dispersión da nosa asociación. Todo isto non ten outro obxectivo que criminalizar o crecente movemento solidario cos presos galegos pero o que en realidade conseguen é estimular a nosa loita. Cada manobra policiaca redunda nun maior apoio ás nosas convocatorias e nun incremento dos simpatizantes e militantes. Que sigan así.

Que nos vexan sorrir

O bo ambiente, o compañeirismo e a alegría foron a nota dominante nas marchas. A isto contribúe sen dúbida o carácter plural da mobilización. Como aconteceu nas concentracións ás portas dos concellos, a presenza da policía e da Guardia Civil nos autobuses xa non intimida a ninguén. Ao contrario, reafirma a xente nas súas conviccións, reforza a fraternidade entre os e as solidarias e consolida os lazos e a empatía da xente cos presos galegos.

A pesares de todo o sufrimento que carrexa a dispersión e o réxime penitenciario que se lles aplica aos nosos amigos e familiares, afrontamos esta loita con serenidade, dignidade e orgullo. Non lles imos dar o gusto de que nos vexan tristes ou derrotados/as. Que nos vexan sorrir, que é o que mais lles molesta.

Aproveitar a onda. A campaña contra a dispersión continua

Rostros de cansazo, corpos mallados, frío e chuvia, centos de quilómetros percorridos e un esforzo loxístico, económico e organizativo enorme. Pero nada comparado co cruel e ilegal réxime penitenciario que padecen Xurxo, Antóm, Edu, Teto, Carlos e Senlheiro. Nada comparado cos 5850 quilómetros percorridos polas familias dos presos galegos nesta fin de semana e que se suman ao infame contaquilómetros da dispersión que nas tres semanas que levamos de 2014 xa ascende a 17550 quilómetros.

Por esta razón, Que Voltem para casa! reafirma o seu compromiso de continuar a campaña contra a dispersión con máis forza e determinación nos próximos meses. Lembramos que aínda está pendente o debate das mocións nos concellos de Vigo, Ordes e Ames. Queremos socializar a situación dos presos na súa contorna social máis próxima e informar de primeira man aos veciños e veciñas para contrarrestar a propaganda intoxicadora deseñada pola Delegación do goberno e a policía política e reproducida sen pudor polos medios de comunicación do sistema. Ademais, está á volta da esquina o xuízo a Hadriam Senlheiro.

Nas vindeiras semanas a nosa asociación vai lanzar unha campaña de asinantes económicos solidarios/as para todas aquelas persoas que queiran contribuír economicamente de maneira estable. Tamén facemos un chamamento a reforzar as estruturas organizativas da asociación para fortalecer a loita solidaria e polos dereitos dos presos galegos e crear unha onda solidaria tan forte como a que estes días bateron contra os cantís de Cabo Silleiro, Fisterra e Ortegal. Unha onda imparábel que se leve por diante aos partidos da dispersión, a institucións penitenciarias, aos xuíces e fiscais da audiencia nacional e aos medios de comunicación que como loros de repetición reproducen a mesma linguaxe cuarteleira dos "segurocratas" da policía e da Guardia Civil.

 

Crónica de Ceivar:

Baixo a legenda "Até que nom voltem eles iremos nós", minutos antes da média noite do dia 18 començarom a encher-se os autocarros que deslocariam a mais dum cento de solidárias até os Centros Penitenciários donde se atopam dispersados os presos independentistas galegos.

A Expediçom do Norte partiu de Ferrol e foi fazendo paragens na Corunha, Compostela e Lugo. Pola sua banda, a Expediçom do Sul fizo o próprio em Ponte Vedra, Vigo e Ourense.

Expediçom Norte:

A caravana do Norte partia com bom pé. Várias pessoas que nom podiam acudir a esta oitava ediçom da Marcha ás Cadeias achegarom-se até o lugar de donde saíam os autocarros para fazer a sua pequena aportaçom trazendo comida para as viageiras e despedi-las com ánimo.

Trâs recolher ás solidárias começou a viagem com destino a Villabona (Asturies) donde se atopa Hadriám Mosquera "Senlheiro". A identificaçom das assistentes nom se produziu até a vila de Villabona. Lá dous carros da Guárdia Civil estavam aguardando mas forom dous "agentes de paisano" os que procederom a solicitar o bilhete de identidade das mobilizadas namentres éstas cantavam polo baixo o hino galego.

Posteriormente comprovou-se que o autocarro podia aceder até o ponto donde se tinha concertada a concentraçom já que o caminho, á par que estreito, estava ubicado num monte. Feitas as comprovaçons, o veículo conseguiu chegar até um cúmio escoltado em todo momento por vários carros da GC e de "polícia secreta".

Durante o ato, bandeiras em mão, as solidárias berrarom consignas em contra da política penitenciária, reclamarom o direito dos presos de estar no País e em numerosas ocasions berrou-se o nome de Senlheiro. Também se entonou o hino galego assim como o do Antigo Reino da Galiza acompanhados por umha gaita mais um tamboril. Um microfone, um altifalante mais um alta-voz servirom para amplificar a mensagem que tivo um elevado eco em tudo o val asturianu.

Depois de quase umha hora voltou-se ao autocarro para continuar com destino a Mansilla de las Mulas, León, donde estám presos Eduardo Vigo mais Xurxo Rodrigues. Antes de efectuar a saida, um dos "agentes de paisano" subiu-se para "agradecer a colaboraçom e desejar boa viagem e boa sorte a todas". Durante o trajecto nem á chegada á prisiom leonesa houvo mais contato com as forças policiais.

A entrada da Expediçom Norte ao Centro Penitenciário de Mansilha de las Mulas fizo-se em condiçons do mais tranqüilas. Nemgum carro da Polícia ou da Guárdia Civil estava a aguardar na porta e membros da Plataforma forom quem comunicarom presença da Marcha.

As solidárias percorrerom todo o valado da cárcere berrando de novo consignas em prol da independência e da repatriaçom dos presos políticos galegos. Pese a quantidade do barro acumulado nos pés, as frases de apoio ouvirom-se no interior dos muros. Os presos euskaldunes faziam-se eco e respostavam ás mensagens. Nesse intre também chegava umha chamada que confirmava que Xurxo apercebera a mobilizaçom.

Tras rematar a visita em León, a Expediçom Norte empreendeu o caminho para a Galiza. O trajecto de volta foi aproveitado para enviar umhas linhas de solidaridade aos presos independentistas e amenizou-se com horas de coplas e regueifas a golpe de pandeiretas.

Expediçom Sul

Ao igual que na ediçom anterior, a caravana do Sul foi indo segundo o previsto até chegar a cidade de Ourense. Lá varios agentes da Polícia Nacional aguardarom até que chegarom todas as pessoas inscritas e solicitarom o bilhete de identidade ao conjunto. Depois de mais de 45 minutos de retençom, a Expediçom continuava com a sua ruta destino a Estremera (Madrid) donde se atopa preso Roberto Rodrigues Fialhega, "Teto".

A chegada do autocarro a Estremera fizo-se quase umha hora tarde devido á obstruçom policial em Ourense e baixo um forte controlo da Guárdia Civil que se limitarom a intimidar com a sua presença. Na prisiom as solidárias subirom-se a um pequeno outeiro desde donde se via a cela de Teto mas ao preso galego correspondiam-lhe horas de pátio polo que nom puido fazer acenos desde a janela. Desde essa ubicaçom e portando bandeiras, berrarom lemas independentistas e em contra da dispersom penitenciária durante umha hora e quarto.

O seguinte destino foi Aranjuez donde os aguardava umha ampla comitiva da Policía Nacional que só permitirom ás mobilizadas permanecer no aparcamento da cárcere. Novamente berrou-se durante mais dumha hora e exibirom-se bandeiras da Pátria e da Plataforma Que voltem para a Casa!.

Em Madrid, tanto em Aranjuez como em Estremera, quatro carros de solidárias madrilenhas da Red Solidaria Antirrepresiva e de Madres contra la represión sumarom-se á Marcha.

A útima prisiom por visitar da Expediçom Sul foi a de Topas (Salamanca) donde se atopa Carlos Calvo e donde forom recevidos por um grande grupo da Guárdia Civil que obrigou ás asistentes a empregar os chalecos refletantes.

Ante a impossibilidade de bodear a cadeia salmantina as mobilizadas permanecerom num ponto fixo berrando. As mensagens puiderom-se escuitar no interior e forom respostadas por presos vascos e outros presos políticos que emitiam legendas a favor da luita obreira.

Finalmente, um jornalista de Europa Press deslocou-se até a cadeia e entrevistou a um membro da Plataforma Que voltem para a casa!.

O autocarro da Expediçom Sul chegou ás 00:00 de volta ao ponto de donde partira, Ponte Vedra, com agotamento no corpo mas a alegria do trabalho feito.

O dia depois

Mitigado o cansanço, a humidade mais o frio é o momento de fazer umhos pequenos apontamentos. Desde o Organismo Popular Anti-repressivo Ceivar queremos parabenizar á Plataforma Que Voltem para a Casa, ás militantes de Ceivar assim como a todas as solidárias em geral que fizerom possível que esta VIII ediçom da Marcha ás Cadeias fora um êxito.

Por outra banda orgulhamo-nos em ver cómo a política de dispersom nom está a funzionar no caso galego já que a solidaridade está desbordando todos os límites e a pluralidade ideológica desde donde parte esta solidaridade é umha constante.

Finalmente também queremos agradecer ás organizaçons de Madrid que prestarom o seu apoio.

 

Foto: Que Voltem para a Casa!

 

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.