1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

281012 robertoGaliza - Sermos Galiza - [Alberto Ramos] A homenaxe 'Un home do Aquí' marcou este sábado dende Santiago o inicio do Ano Vidal Bolaño, o ano do teatro galego. Amig@s e camaradas do dramaturgo reuníronse no Salón Teatro para reinvidicalo, en palabras de Luz Fandiño, como o "pioneiro do novo teatro".


"Será o ano do teatro galego. Falaremos de Vidal Bolaño En poucos meses, os centros de ensino, comezarán a falar de Vidal Bolaño. E se queren coñecer a Vidal Bolaño, terán que falar de nós mesmos. Pese as miserias destes tempos, que as letras galegas teñan a repercusión que se merece". Con estas palabras de Belén Quintáns, viúva do dramaturgo, escribíalle o punto e final á Homenaxe a Vidal Bolaño. Un Home do aquí.

Remataba así o primeiro gran tributo, mais tamén comezaba o que está chamado a ser o ano do teatro galego, o ano dun Vidal Bolaño que será homenaxeado nas Letras Galegas de 2013. En pouco tempo, as escolas comezarán a repasar a súa biografía, a súa vida, a súa obra dende un punto de vista máis académico, máis artificial. Pero onte, nun ateigado Salón Teatro, celebrouse tanto o escritor coma a persoa. E todo entre amig@s e compañeir@s dunha profesión que lle debe moito.

Con sombreiro e nariz de pallaso, Roberto Vidal Bolaño observaba o espectáculo dende o fondo do escenario. A súa imaxe permaneceu á vista de todos mentres @s camaradas e @s amig@s lle rendían tributo. Con atrasos e con algunha que outra acomodadora tan desbordada como enfurecida, comezou unha homenaxe ao son de Ataque Escampe. "Cando vaia morrer, enterrádeme aquí, en Vista Alegre", escoitábase no patio de butacas, lembrando o barrio no que nacera o dramaturgo alá por 1950. Coa música da banda -da que forma parte Roi, o fillo de Vidal Bolaño- abríase o pano e comezaba unha gran gala de celebración, de teatro e música, de poesía e de lembranzas.

Carlos Blanco, como mantedor do evento, gabou , entre chanzas e risos, a figura do dramaturgo antes de dar paso á primeira intervención da noite. Luz Fandiño, acompañado de Xosé Lois Santos Cabanas, subiu ao escenario para ler uns versos que lle escribira o seu "fillo amigo" pouco despois do seu pasamento. "Vaise o pioneiro do novo teatro. É inxusto, fillo amigo", recitou unha Fandiño emocionada, quen tamén cualificou a Roberto Vidal Bolaño como "espírito ceibe".

Pola súa banda, Santos Cabanas tirou da irónica carta que lle escribira hai uns meses en Sermos Galiza ao dramaturgo con motivo da rocambolesca historia do Códice Calixtino. "Bótante de menos, Roberto, estes días, os seareiros goliardos das tabernas compostelás. Devecen por coñecer a túa versión de como o Códice Calixtino puido ir parar a un rocho do Milladoiro, seica custodiado por un home que foi man de obra eléctrica de confianza na Catedral", leu Santos Cabanas a misiva até rematar felicitando a Vidal Bolaño polas Letras Galegas. "Merecidas, aínda que estas celebracións a ti non che gustan moito", concluía o escritor, quen tamén aproveitou para pór en valor o premio Vidal Bolaño, que dende hai anos entrega as Redes Escarlatas.

Mini e Mero, a continuación, encargáronse da segunda actuación musical co seu Alén do teu recordo. A voz de Mini encheu o teatro de fonda reivindicación nun acto que tamén contou ao longo da noite coa música da Dolce Vita, O Leo ou a Magnifique Bande, que dende o patio de butacas encheron de Money e Cabaré unha celebración no que o teatro e @s compañeir@s de escenario foron os grandes protagonistas.

"Joder, Roberto!"

Chévere presentoulle os seus respectos o camarada e mestre na peza Indo máis alá. Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manolo Cortés e Xesús Ron contáronlle, todos con sombreiro e nariz vermello, como foi cambiando o mundo nestes anos. Ron centrouse en describir a Conde Roa -"Joder, Roberto... Lembraste del? Si, si, un do Opus de toda a vida. Foi alcalde e o seu despacho parecía La Tita. E pechou a Nasa"-, Miguel de Lira centrouse na crise -"Joder, Roberto! Que ben fixeches en deixar o Banco Gallego e meterte ao teatro"- e Manolo Cortés, pola súa banda, comunicoulle unha auténtica "bomba" informativa.

"Concedéronche as Letras Galegas!", berrou Cortés sen dar crédito. Todos fóronlle narrando os cambios: a morte de Fraga. o Prestige, Rajoy presidente... "Todo se foi o carallo dende que marchaches", explicou de Lira. Todo mudara sen Vidal Bolaño insistía Chévere no Escenario... Vaia, non todo cambiou. "Joder, Roberto! Que volveu o Guede a dirección do Centro Dramático. Paréceche de país normal?", preguntou Patricia de Lorenzo ante o respectable, no que se atopaba precisamente o propio Manuel Guede.

A intensidade dramática foi aumentando coa peza que interpretou Laura Ponte sobre o escenario. Un apartado d'A baidaleda da morte ditosa, texto do propio Roberto, volveu aos escenario cunha Laura Ponte que se mete na pel dunha muller despechada polo abandono do seu amante. Pola súa banda, Teatro de Aquí resucitaba da man de Rubén Ruibal e X. Carlos Mexuto quen, na compaña de Vicente de Souza e Belén Constenla, interpretaron un fragmento doutra obra do dramaturgo: Criaturas. Ruibal, caracterizado como un Frankenstein desolado, arrastraba polo escenario o corazón baldeiro da muller que amaba mentres discutía de forma insólita cun actor, un artista defensor da arte do mimo, que non comprendía nada.

A prol d@s pres@s independentistas

Máis alá da música e da escena, a noite estivo tamén cargada de agradecementos e reivindicacións. Ademais das palabras de Luz Fandiño, de Belén Quintáns ou Manuel Lourenzo -quen non puido asistir e do que Roi Vidal leu unha carta-, Suso Irago e Beatriz Doldán subiron ao escenario para lembrar o papel xogado por Vidal Bolaño no apoio @s encarcerad@s independentistas.

Doldán destacou o seu esforzo para o retorno d@s pres@s espallad@s por toda xeografía do estado e lembrou especialmente o ano que Vidal Bolaño compartiu o premio María Casares con tod@s el@s. "Roberto era un tipo raro: dicía o que pensaba e facía o que dicía", explicou, pola súa banda, un Suso Irago que recordou, emocionado, os últimos tempos de Vidal Bolaño. "Trataba a morte de igual a igual", exclamou Irago antes de rematar cunha das frases máis aplaudidas e que, seguramente, resumía a esencia da noite: "Muito obrigado por ter existido, Roberto".


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.