1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

070715 crimesGaliza - CIG - Este luns desenvolveuse unha acción colectiva con concentracións de repulsa polo dobre crime de Arbo en diversas cidades de Galiza


Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña, Lugo ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Vigo e Ourense, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocaron este luns concentracións en repulsa ao asasinato machista de Beatriz Rodríguez Mariño e Sergio Rodríguez Fernández, o pasado venres en Arbo. De confirmarse as pesquisas estaríamos ante a segunda vítima oficial, logo do asasinato de Isabel Fuentes no hospital de Ourense o pasado maio, dado que a parella de Beatriz non contabilizaría nas estatísticas oficiais, como tampouco o fai o crime aínda sen resolver da muller asasinada preto do Seminario en Ourense.

Nas concentracións denunciouse que este dobre crime non foi tratado, por algúns medios de comunicación, como debera, incumprindo as recomendacións da Declaración de Compostela acordada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) o 16 de outubro do ano 2004, e que no apartado número 11 cita: “Medios e xornalistas evitarán os estereotipos, prexuízos e tópicos ligados á violencia contra as mulleres: ... os malos tratos non son froito dun feito paixonal” son un delito, o agresor é o único responsábel do acto violento polo que é preciso evitar un tratamento informativo que o xustifique”.

Malia isto, 11 anos despois, certos xornais espallaron de novo esa terminoloxía ao definir o crime de Arbo como “crime paixonal”. Por iso nas concentracións denunciouse esta manipulación da realidade e exixiuse unha rectificación no mesmo modo e forma en que foi redactada a nova cambiando “crime paixonal” por crime machista, qué é o que realmente aconteceu.

O feminismo galego entende que “utilizar a paixón como escusa ou desculpa automaticamente xustifica a acción propia do asasinato. Dá vía libre a que se cometa porque hai unha causa que o valida: a paixón. Isto é intolerábel”.

Considera que recalcando a falacia do crime paixonal conséguese que no imaxinario colectivo o asasino machista apareza como unha persoa despeitada, como con dereito a facer o que fixo, a matar á causa do seu despeito.

Entende ademais que “cualificando un asasinato machista de crime paixonal fai que a muller en certa maneira mereza ser asasinada por facerlle mal a el, por deixalo, por abandonalo, por estar con outra persoa... En definitiva, por deixar de ser a súa posesión”.

Lémbrase que o machismo baséase no pensamento de que o machista se ten por dono da muller, e se esta marcha do seu carón, crese co dereito de non deixala marchar. Neste sentido subliña que “o de crime paixonal é un invento do patriarcado para xustificar que nos poden matar, a nós, ás mulleres, porque a culpa é nosa por abandonalos ou por deixar de ser da súa pertenza”.

Por iso o feminismo galego reitera que o uso por parte dos medios de imprensa de “crime paixonal” para informar dun asasinato machista é prexudicial, “é falso” e “minimiza o rexeitamento que esta violencia contra as mulleres debería producir na sociedade”.

No manifesto ao que se deu lectura nalgunha das concentracións lémbrase que “desde o ano 2003, preto de medio centenar de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de setecentas no estado español. Un feminicidio invisibilizado polos poderes públicos, pola xustiza, polo goberno do Partido Popular, mesmo polos medios de comunicación.

Estas vidas non teñen o mesmo peso, a mesma importancia, nen a mesma resposta ca de tratarse doutro tipo de terrorismo. Non hai comparecencias pola vía da urxencia dos presidentes do goberno da Xunta de Galiza, nin do estado español, tan só ocupan minutos de silencio institucional.

Este é un síntoma que nos indica que non vivimos nunha democracia. Mentres este sistema patriarcal non se erradique, este sistema que se perpetúa baixo a premisa de que non somos donas de nós, que somos propiedade dos homes, nin haberá democracia nin pode haber igualdade real.

Estamos hoxe eiquí porque queremos mudar unha situación insostíbel para as mulleres e porque forma parte da nosa responsabilidade. Queremos visibilizar o noso rexeitamento, que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que está en perigo. Que non lle pertencemos a ninguén. E que non imos ficar caladas. Non imos gardar minutos de silencio polas vítimas. Imos saír á rúa ao día seguinte de saír publicado na prensa escrita un asasinato por mor da violencia machista. Farémolo todos os días que fagan falta esixindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respecto, contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista”.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.