1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

fergusonEstados Unidos - Contrapoder - Ferguson é unha cidade como calquera outra do centro dos Estados Unidos. O sábado pasado, como en calquera outra cidade do centro dos Estados Unidos, un policía disparou sobre un adolescente negro, chamado Michael Brown, que ía desarmado e non opuxo resistencia, segundo recoñeceu a propria policía.


Tamén como en calquera outra cidade, o asasinato de Michael Brown podería ter ficado nunha declaración institucional, sen revelar o nome do axente que disparou, deitando fóra calquera responsabilidade e, no mellor dos casos, limitándoa a unha pensión para os pais. Mais desta volta, o asasinato en si e a sensación de impunidade da policía conformaron, a partes iguais, a mecha que terminou diferenciando Ferguson do resto de cidades.

O racismo insuperado

Desde o sábado pasado, os disturbios e as espectaculares imaxes deixadas para a posteridade non deixan de sorprender a opinión norte-americana, bombardeada constantemente polos medios ultraconservadores, que peden a berros o uso da violencia do Estado para parar quen ameace a prácida vida daquela cidade do estado de Missouri. Non é a primeira vez que ocorre algo semellante. En 2012, en Stanford, Florida, un axente de seguranza perseguiu e matou a tiros outro adolescente negro, Trayvon Martin, que tamén ía desarmado, e foi declarado inocente. En 1999, en Nova Iorque, varios axentes foron absoltos após mataren Amadou Diallo de 41 balazos, asegurando que o confundiran cun violador. Asasinatos como estes e a súa impunidade produciron protestos e acusacións de racismo. E a lista é aínda máis longa.

En 1992, o taxista negro de Los Angeles, Rodney King, foi brutalmente agredido pola policía. A agresión, que foi gravada e difundida por varios medios locais, resultou tan indignante para a poboación que a absolución dos axentes grazas a un xurado popular formado exclusivamente por persoas de raza branca deu lugar a disturbios que duraron seis días, deixando máis 53 persoas mortas, perto de dúas mil feridas e perdas materiais valoradas á volta dos mil millóns de dólares, sen contar o custo do despregamento dunha división de marines e da Garda Nacional. A situación en Ferguson comeza a parecerse perigosamente á de hai 22 anos e, sobre todo, resucita unha pantasma nunca definitivamente exorcizada: a do racismo estrutural dos Estados Unidos.

Tanto fai que un membro da comunidade «afroamericana» ocupe hoxe a Casa Branca e que, formalmente, a discriminación racial sexa un episodio do pasado que concita a simpatía por quen loitou pola súa superación, producindo símbolos xa universais como o discurso de Martin Luther King, o We shall overcome, ou a figura imperecedoira de Rosa Parks. O racismo continúa ben vivo, non só no sul, como en todo o territorio e en todos os ámbitos, especialmente o institucional, porque dá réditos, porque redondea as mais-valías da explotación usando esa pretensa igualdade que asegura ser desnecesaria a reaparición de grupos autocentrados, autoorganizados e con un pé e meio no marxismo, como os Panteiras Negras. É improvábel que en Ferguson se asista ao alvorexar dunha nova formulación da disidencia negra nuns Estados Unidos criados ao servizo dos intereses da minoría wasp (branco, anglo-saxón e protestante), que é tamén machista e capitalista. Mais nen por iso deixa de ter unha importancia fundamental no sinalamento da fractura.

É precisamente na vía policial e xudicial onde máis claramente se verifica este racismo formalmente inexistente, mais na práctica insuperado. Un estudo da Sentencing Comission do proprio goberno dos Estados Unidos concluíu en 2010 que os homes negros e hispanos teñen máis posibilidades de receber condenas de prisión máis longas do que os brancos desde que a Corte Suprema relaxou as normas federais sobre sentenzas. En concreto, os varóns negros receben condenas que duran no mínimo un 10% máis do que as impostas a homes brancos. Un dato que ultrapasa 7% no caso dos inmigrantes hispanos. Ademais, a taxa de encarceramento de homes negros non hispanos é seis veces maior do que a dos homes brancos non hispanos, e 2,6 veces superior á dos hispanos. Para se facer unha idea do que isto representa, as estatísticas do servizo de prisións son abondo elocuentes: en 2009 estaban en prisión 1 en cada 10 homes negros, 1 de cada 25 hispanos, e apenas 1 de cada 64 brancos. E agora leamos de novo estes datos á luz a realidade de Ferguson, unha cidade onde 67% da poboación é negra, e onde, porén, só un dos seis políticos municipais e 3 dos 53 axentes proceden dessa comunidade.

Autoritarismo policial

En todo caso, non se trata apenas do racismo, aínda que este sexa o factor determinante. Hai que considerar, aínda, a tendencia da policía norteamericana ao autoritarismo, especialmente reforzado durante os gobernos de George W. Bush na secuencia da súa política de seguranza nacional após a psicose xeralizada após 11 de setembro de 2001.

E isto en relación tamén ao reparto racial da pobreza, sobre a qual xa hai publicado en Contrapoder.info artigos como Um informe dos Direitos Humanos nos EUA. Algo não funciona.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.