A intervención educativa "Modelo Burela" do IES Perdouro de Burela acaba de recibir un novo recoñecemento, desta vez con carácter internacional através do proxecto Hitzargiak da Fundación Donostia / San Sebastián Capital Europea da Cultura 2016, que ten como obxectivo a criación dun novo modelo de convivencia nas relacións entre cidadáns.
O Modelo Burela, en aplicación desde 2004, foi no seu día tomada como base para a elaboración do Proxecto de planificación lingüística municipal, que foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas no Concello de Burela no mes de abril de 2008; e que foi aplicado pola primeira institución local entre esa data e o final da lexislatura en 2011.
O proxecto Hitzargiak (Linguas que se iluminan mutuamente) é un proxecto que favorece a diversidade lingüística europea e que creará novas relacións entre as comunidades de idiomas e de falantes que están xa inmersos en procesos de revitalización.
A súa meta é recompilar boas prácticas e mostralas na web, así como pór en contacto organismos que están traballando na revitalización de idiomas. Eses son o seu punto de mira e o seu obxectivo. As boas prácticas reflectíronse nun mapa como unha luz situada no ámbito de influencia do idioma correspondente.
O eixo do Hitzargiak fórmano as experiencias que utilizaron as comunidades de falantes, unhas experiencias "innovadoras, adecuadas, exitosas ou exemplares, tanto para a comunidade que os criou como para moitas outras comunidades lingüísticas", segundo as palabras da propia organización.
A Fundación Donostia, Capital Europea da Cultura considera que o coñecemento público das boas práticas poderá ter efeitos multiplicadores. "Compartir experiencias, aprender dos demais, alimentarse mutuamente e colaborar nas iniciativas pode reforzar o éxito e, ademais de axuntar o enfoque global e o local, fortalecerá o movemento internacional", aseguran.
Ademais de numerosos premios outorgados pola administración educativa, a intervención educativa "Modelo Burela" xa recebera en 2010 o premio da Fundación Peña Novo, recollido o 30 de xuño daquel ano no Castelo de Soutomaior por unha ampla delegación veciñal á fronte da cal estiveron o alcalde Alfredo Llano e a artista caboverdiana Antonina Semedo.