Para un grande número de habitantes dos actuais núcleos urbanos resulta case imposíbel a contemplación do firmamento estrelecido, a menos que se decidan a percorrer longas distancias afastándose da cidade. Un espectáculo natural que até hai pouco estaba ao noso alcanzo, fica agora furtado por mor da contaminación lumínica que producen as vilas e cidades.
É máis, se cadra estamos xa afeitos/as a ver un ceo sen estrelas e coidamos que é o normal. Mais isto non foi sempre así: houbo un tempo no que ver moitas estrelas dende unha cidade non era raro, senón bastante habitual. Daquela producir e consumir enerxía eléctrica era caro, e a enerxia aproveitábase para iluminar só o preciso. Hoxe dispoñemos dunha inxente cantidade de enerxía, un ben de primeira necesidade que, malia á crise, desbaldimos iluminando onde non se precisa, nomeademente no ceo.
Que é a contaminación lumínica e que consecuencias ten
A enerxia destragada, a luz emitida polos sistemas de alumeado cara o ceo, é a causante da contaminación lumínica. Maniféstase na forma dun resplandor contra o fondo natural do ceo debido á reflexión e difusión da luz nos gases e partículas do ar. Tal resplandor diminue o contraste das estrelas co fondo do ceo impedíndonos a contemplación dos obxectos máis febles, e nalgúns casos mesmo dos astros máis brillantes. Deste xeito, moitas persoas endexamais ollarán a luz zodiacal nos equinocios, nen seguirán o camiño da Via Láctea polo ceo cos seus magníficos cúmulos e nebulosas.
Mais este argumento, defendido polos profisionais e afeizoados da Astronomía, non é o único: Estase a gastar máis enerxía da precisa para iluminar racionalmente, enerxía que tamén provén de fontes non renovábeis e cuxa combustión emite CO2, contribuindo ao cambio climático. A contaminación lumínica ten tamén efectos sobre as persoas, xa que un exceso de iluminación altera os ciclos día/noite e causa trastornos do sono e alteracións fisiolóxicas.
Tamén impacta sobre os seres vivos, ao furtar o periodo natural de escuridade, non só modificando os seus costumes, senón tamén, como no caso de insectos nocturnos, aves e tartarugas mariñas, causando importantes mortandades e fracaso reprodutivo.
En canto á seguranza cidadá e viaria, non se trata de deixar as rúas ás escuras, tan só de aproveitar millor un recurso valioso cuxo desbaldimento ten graves consecuencias económicas e ambientais. Por iso, nesta Semana Internacional por un Ceo Escuro, pretendemos concienciar á cidadania e aos responsábeis públicos sobre o uso correcto dos sistemas de iluminación para deste xeito, podermos recuperar o ceo escuro, declarado Patrimonio das Xeracións Futuras pola UNESCO en 1997.
Como reducir o impacto da contaminación lumínica?
Eis algunhas sinxelas recomendacións:
- Impedir que a luz se emita por riba da horizontal e dirixila só alí onde é precisa. Empregar luminarias apantalladas nas que a lámpada estea instalada en posición horizontal e o fluxo luminoso diríxase unicamente cara abaixo.
- Instalar lámpadas de espectro pouco contaminante e baixo consumo, preferentemente de vapor de sodio de baixa ou alta presión, cunha potencia adecuada ao uso. Os dispositivos LED, moi de moda, non deberían emitir demasiada compoñente azul (<3000ºK).
- Non iluminar máis que as áreas que necesiten ser iluminadas, de modo que a luz non escape fóra destas zonas e facelo exclusivamente de arriba cara abaixo.
- Axustar os niveis de iluminación no chan aos recomendados pola Comisión Internacional da Iluminación.
- Regular o apagado de iluminacións ornamentais e publicitarias, reorientándoas cando iso sexa posible.
- Prohibir os canóns de luz ou láser, e calquera proxector que dirixa a luz cara ao ceo.
- Reducir o consumo en horas de menor actividade, de madrugada, mediante o uso de redutores de fluxo na rede pública ou o apagado selectivo de luminarias. Apagar totalmente as luminarias que non sexan necesarias.