Foto de jorgegaygago (CC by-nc-nd/2.0/) - ENCE em Ponte Vedra.
"Vaia por diante que non é certo que non teñamos feito esas denuncias" pero, aínda no caso de non telas feito, a APDR di que non sería cómplices; e a quen tería que dirixir a súa crítica ENCE sería ás administracións española e autonómica, administracións coas que –por certo- mantén unhas magníficas relacións políticas, económicas e mesmo familiares e que –elas si- non fixeron nada por impedir a situación e son agora sancionadas.
Consideran que "resulta insultante que desde a empresa que ten a maior responsabilidade na situación actual da Ría", unha empresa que foi condenada por delito ecolóxico continuado "e que segue incumprindo boa parte da lexislación ambiental" se acuse de non ter feito nada por denunciar a situación a quen son responsábeis de que desde a UE se teña iniciado o proceso que deu lugar á sentenza recentemente ditada contra o Reino de España e á que ENCE alude no seu comunicado. Porque gústelle ou non a ENCE, foi a APDR quen no ano 1999 puxo a queixa diante da UE contra o Estado español polo incumprimento da Directiva 91/271/CEE; e foi a Xunta de Galicia "quen intentou torpedeala en multitude de ocasións". A APDR, durante o período 1999-2015, continuou coa denuncia e seguiu enviando información á UE, e foi así como se puido chegar a conseguir esta sentenza.
"E non contentos con difundir estas mentiras, ENCE terxiversa a realidade" ao dicir que a sentenza fai responsábel do estado das augas da Ría ás “augas domésticas” para evitar falar de “augas urbanas” que, tal e como define a Directiva 91/271/CEE e recolle no seu limiar a sentenza europea, inclúen tamén aos vertidos industriais que –como as de ENCE- saen á Ría mesturadas coas domésticas. Masa di que "Pretende ENCE desprestixiar á APDR e cre que coas súas falsidades vai conseguir que deixemos de loitar contra a contaminación das augas da Ría e denunciando a súa responsabilidade nesa situación de deterioramento; nada máis lonxe da realidade! A APDR vai continuar abandeirando unha loita que tarde ou cedo vai dar os seus froitos; porque temos razón e o tempo colocará a cada quen no seu sitio".