A canle de rega mide uns dous quilómetros aproximadamente e atópase practicamente en desuso, transcorre paralela ao río Verdugo nun terreo cunha elevada pendente. A canle ten unhas paredes laterais e verticais de 80 cm de alto en toda a súa lonxitude que supoñen unha trampa mortal para moita da fauna do lugar.
Nesta época ducias de sapos baixan por este monte dirección ao río, pero no camiño atópanse con esta barreira. Nas partes nas que aínda ten auga poderán desovar pero lamentablemente xa non poderán saír, xa que as paredes laterais da canle convértense nunha trampa mortal para eles e para outros moitos anfibios que se achegan ao lugar para desovar ou alimentarse.
O pasado ano rescataron 6 especies de anfibios, sendo o sapo común o máis numeroso (173 exemplares), e 2 de réptiles, alén de atopar outros organismos mortos que non tiveron a mesma sorte. Os exemplares recollidos foron liberados en varias charcas e regatos cercanos.
Son moitas a infraestruturas que se transforman en trampas para anfibios, sobre todo nestas datas onde estes organismos se achegan á auga para desovar. Paredes verticais e lisas de pilóns, lavadeiros, e tanques son un dos perigos máis frecuentes. Charcas con Vida propón actividades de mellora destes lugares como a colocación de rampas de acceso e saída, tapar algunhas estruturas. No que se refire á canle de rega de Parada (Pontecaldelas) é preciso realizar pois actuacións para evitar a morte destes e outros animais