1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

A Velha Toupeira

O Foro de Davos fronte á realidade

Roberto Laxe - Publicado: Segunda, 08 Fevereiro 2016 23:38

[Roberto Laxe] Como todos os anos desde 1971, cando un profesor de economía suízo reunise a 400 empresarios e expertos europeos para analizar as perspectivas da sociedade, realizouse estes días un novo Foro na carísima (unha habitación de hotel custa mínimo 200 euros) cidade suíza de Davos, coa asistencia de 2600 persoas.


Tiñan en axenda temas como está a afectar a 4º revolución industrial, as crises dos refuxiados, a “desaceleración” da economía chinesa ou o ébola.

Tras varios dias de debates, charlas e reunións máis ou menos segredas, cun custo inasumible para ninguén que non faga parte da burguesía, xa sexa como banqueiro ou empresario -por parte española estiveron Ana Botin do BSCH, Francisco González do BBVA, e representantes do Ibex 35-, xa como xestor dos seus intereses -o ministro Guindos-, ou representantes da cultura (o eterno Bono de U2) ou do cinema (Kevin Spacey), para dar glamour a un encontro que sen eles resultaría insultantemente burgués.
A nivel mundial estiveron representacións de multinacionais, gobernos como o vicepresidente dos EEUU Joe Biden, o vice de China, das grandes potencias europeas, de Xapón, de Rusia, ... De America Latina estiveron os máis importantes, Brasil, México, Colombia... , e como non, o novo presidente arxentino, Macri, prometendo que devolvería a Arxentina ao curro dos bos pagadores da débeda aos fondos voitres.
Primeiro, as conclusións
Con tanto poder como en Davos reuniuse, entre propietarios directos dos medios de produción e financeiros, como os seus representantes políticos/expertos, cabería supor que teñen algunha idea para sacar ao capitalismo do buraco da crise, agora que o sostén que tiñan estes anos, o crecemento dos BRICS, China fundamentalmente, esta-se “desacelerando” cando non entrando en recesión como Brasil.
Pois nada diso, en palabras dun alto executivo español, “o desconcerto é total” (El Mundo, 23/01/16). Para o FMI, ese organismo que no 2006 dicía que as crises se habían acabado, o crecemento do PIB mundial será do 3.6%; «o optimismo é modesto e os riscos, grandes» (El Mundo). Sobre os riscos que eles analizaron, vexamos.
Sintentizando as respostas: ante a crise de refuxiados o presidente alemán Joachim Gauck, manifestou que “diminuír a entrada de inmigrantes podería ser necesario por temas políticos e morais” (El Dinero, 29/01/16), e xa estamos a asistir en moitos países de Europa á utilización de métodos de control da xente como os utilizados polos nazis contra os xudeus, medidas que van acompañadas de leis de excepción contra toda a poboación, baixo o estado de guerra declarado polo goberno Francés.
Ante a crise chinesa, foi a inefable Christine Lagarde, do FMI -esa máquina de afundir países a maior gloria da banca europea e norteamericana- a que recomendou “pasar dunha economía industrial a unha de servizos, o que podería incentivar o proceso exportador e o mercado local”(El Dinero). É dicir, en prata, “nin pajolera idea” do que facer ante a crise chinesa, posto que China xa era exportadora sobre a base ser a fábrica do mundo, e que significa iso de “economía de servizos”, ir a unha economía tipo EE UU, onde o 50% do seu PIB depende de grandes xeradores de riqueza (sic) como os fast food, destruíndo a industria?.
Respecto da revolución industrial, a 4º din, fixeron dúas recomendacións: unha, “Dada a gran influencia e os avances tecnolóxicos actualmente, durante o foro buscouse incentivar ás nacións a participar da nova revolución industrial” (El Dinero), traducido a linguaxe financeira, é que as nacións se endebeden coa banca para participar da nova revolución industrial; e dous, unha xeneralidade, “Os resultados deste proceso, deben apuntar a integrar ao ser humano cos avances tecnolóxicos sen chegar a substituír a tecnoloxía pola forza laboral do home” (El Dinero). Nin palabra de utilizar os avances tecnolóxicos para reducir a xornada laboral sen redución de salario, para poñelos ao servizo de ser humano, e así tamén integrar aos refuxiados, no canto de roubarlles as súas pertenzas como fan as “democracias humanitarias” e occidentais de Suecia e Dinamarca.
A conclusión obvia foi que ante a crise do capitalismo, agudizada pola desaceleración chinesa e a caída libre dos prezos de petróleo, que afunde outro dos posibles alicerces da maltreita economía, a palabra é “desconcerto”.
O Foro de Davos parece ese chiste que di, “un economista é un experto que sabe mañá porqué o que dixo onte que ía suceder, hoxe non sucedeu”. Sería cómico este desenlace, senón fose porque falamos de miseria e empobrecemento social, de ricos e pobres, dos que se poden pagar unha estancia nunha cidade suíza e os centos de miles de refuxiados que deambulan polas montañas de Europa, esas persoas que os que se reúnen en Davos impulsan que se lles rouben as súas pertenzas.
Descubrindo a pólvora mollada, a concentración e centralización aumentan as desigualdades sociais
A multinacional da “axuda humanitaria” Intermon Oxfam denunciou ante o Foro que non se pode falar de crecemento da economía mentres as desigualdades crezan. Tras case 9 anos de crises, o 1% da poboación é hoxe máis rica que o 99% restante. A ONG denuncia, con razón, que estas desigualdades pon en perigo a democracia. É certo, a acumulación de riqueza e poder en poucas mans atenta contra os principios básicos da democracia, a igualdade; pero o que tamén é certo é que a dia de hoxe, iso é inevitable. Son as leis do capitalismo, de acumulación de capital e o seu derivado, a concentración e centralización de capital, a que esta tras esa diferenciación.
A acumulación de riqueza non sae da natureza cobizosa do ser humano, nados baixo o pecado orixinal e condenados fóra do paraíso, que precisan de medidas correctoras, redistributivas ou filantrópicas. A acumulación de capital é froito da explotación dos traballadores e traballadoras, que senta as bases para esa concentración e centralización. Nun período de crise como o que vivimos, os capitais menos rendibles, menos produtivos ou que teñen menos conexións co poder político (a galopante corrupción que atravesa todo o mundo), perden o ritmo e desaparecen, empobrecendo a amplas capas das clases medias, da pequena burguesía e destruíndo grandes e medianas empresas, que son absorvidas polas máis rendibles.
Esta lei maniféstase na a clase obreira co aumento do desemprego e a caída na miseria de amplas capas dos asalariados / as; son os “working poor”, incluídos estados imperialistas. No Estado Español 10 millóns de familias traballadoras viven no limiar da pobreza (a “pobreza enerxética” non é máis que a pobreza da clase obreira), nos EEUU o 50% dos mozos viven cos seus pais, aínda sendo asalariados / as, porque os soldos non lles permiten vivir independentemente; na Alemaña, preto dun millón de xubilados / as teñen que compatibilizar a pensión cun traballo a tempo parcial, o famoso “mino job”.
A acumulación de riqueza en poucas mans é froito, entón, desa lei da concentración e centralización de capital, que se manifesta nesa formula que é o 1% vs o 99%. Pero non nos confundamos, é unha formula gráfica, pero non exactamente real: aínda que dentro do 1% hai moita homoxeneidade, son os “ricos, ricos”, entre o 99% a cousa cambia.
Un análise serio dese 99%, máis aló do titular, dinos que entre eles hai capitalistas empobrecidos, que foron incapaces de seguir os pasos dos máis ricos, pero que conservan títulos de propiedade de empresas e comercios, hai clases medias (profesionais liberais) e aristocracia obreira, que foron parte da dominación do capital, pois nas súas mesas caian migallas da explotación do conxunto da clase obreira mundial e do saqueo dos pobos oprimidos, e aínda que algúns, co empobrecemento social, se proletarizan -é dicir, perden calquera outro medio de vida que non sexa a venda da súa forza de traballo-, moitos conservan propiedades que lles permiten pasar ao “rango” de rendistas. Non caiamos no simplismo do titular, que anula a verdadeira realidade do mundo: a riqueza acumúlase a partir da fronteira de clases, entre os que teñen títulos de propiedade para non necesitar vender a súa forza de traballo para vivir (mellor ou peor), a burguesía en todos as súas escalas, e aqueles que só teñen a súa forza de traballo para vivir, os proletarios: as clases medias, como ben di o termo, están en medio. A riqueza xérase sobre o traballo destes últimos a través do tempo de traballo non pago, máis coñecido como a “plusvalía”. Hoxe o tempo de traballo socialmente necesario para producir calquera mercadoría é practicamente nulo: un obreiro ou unha obreira produce en 8 horas o que non fai tanto se precisaban miles de horas de traballo. Non confundamos taxa de plusvalía, é dicir, rendibilidade do capital investido, con masa de plusvalía, que é o total do tempo traballado non pago para producir mercadorías.
Por este motivo a rendibilidade das empresas está baixo mínimos; para que un investimento sexa rendible é preciso aumentar a explotación da clase obreira dunha maneira xeométrica, que incremente a masa de plusvalía -acumulación orixinaria de capital-. Pero, nas condicións actuais de desenvolvemento tecnolóxico, isto é unha volta ao pasado, ao traballo case artesanal, polo que a pesar de todas as medidas de empobrecemento social a taxa de ganancia segue sendo baixa.
O “desconcerto” do Foro de Davos vén de que, como “expertos” economistas que son, investíuselles a realidade na cabeza e non alcanzan a ver que a taxa de ganancia extraída da explotación da clase obreira, froito do tremendo desenvolvemento da capacidade produtiva do ser humano, está a piques de ser “cero”, o que en termos contables defínese como “estancamento”. Ante esta realidade só ocórreselles receitar o que nos trouxo até aquí, a liberalización dos mercados financeiros, o aumento do capital ficticio / débeda, especulación, corrupción, etc. Confunden a forma da riqueza, “diñeiro”, coa riqueza, “capital”, e cren que aumentando o diñeiro auméntase o capital, xerando constantemente novas “burbullas” sen case ningunha base na produción de mercadorías (mercados de futuros, compra de pasivo e títulos, etc.), que inevitablemente terminan por estalar.
China e a acumulación de capital
Un dos grandes temas que entrou de cheo no Foro foron os problemas da economía chinesa. Son “problemas” e non crise, porque non se pode falar con rigor de crise cunha taxa de crecemento do 6,9% (case o dobre que a media mundial prevista polo FMI); salvo que un sexa un propagandista do bloque euronorteamericano, empeñado en minimizar o “desafío” que China representa para o seu dominio hexemonico.
Pero China si ten problemas, e serios. Algúns falan de que a economía chinesa achégase a “estandares” occidentais, de non máis do 3/4% de crecemento do PIB. É certo... O incremento da produtividade no traballo aumenta a taxa de plusvalía xerada pola explotación da clase traballadora, pero ese mesmo incremento provoca unha tendencia decrecente da taxa de ganancia, o que contablemente exprésase nesas “taxas estándares”.
China, desde hai moitos anos -a política de Deng Tsiao Ping nos 70/80-, sobre a base dunha explotación brutal da clase obreira e o atraso tecnolóxico do seu aparello produtivo, tiña unha moi baixa produtividade do traballo e polo tanto da taxa de ganancia; pero froito desa explotación das condicións de traballo e salarios, o capitalismo chinés xeraba unha gran masa de plusvalía.
A partir desa masa de plusvalía xerada estes anos a economía chinesa ten vivido un proceso de “acumulación orixinaria”, modernizouse, tecnificou as industrias e aumentou a produtividade do traballo. Ademais, xerouse por esta tecnificación unha gran clase media (uns 300 millóns de persoas) cun relativo aumento da calidade de vida, que se traduce nun gran mercado interno para bens de consumo.
A rendibilidade do capitalismo chinés, como pasou sempre desde que a Holanda do Século XVII o tulipán atraese a capitais de Inglaterra e toda Europa, provocou unha burbulla investidora, non só das clases medias chinesas, senón de capitais internacionais. O resultado non é outro que unha nova burbulla, do mesmo estilo que a que afundiu a economía norteamericana no 2007/8. De novo, agora en China, a tendencia decrecente da taxa de ganancia expulsa a capitais ao investimento especulativo, e abre un período de concentración e centralización de capitais dentro que fagan máis rendibles as empresas que sobrevivan.
China non perderá papel na economía mundial, antes ao contrario, as empresas que sobrevivan ao proceso que se está producindo serán máis poderosas, máis grandes e terán mellores condicións para competir cos grandes consorcios occidentais. A crise chinesa, e aquí tamén esta o “desconcerto” do Foro, é unha crise de crecemento; pasar da mocidade á madurez... no marco dunha crise capitalista de gran calibre.
O desconcerto maniféstase en que o FMI non ten receitas concretas para unha economía que xa é o banqueiro do mundo. O FMI, ante unha crise doutra nación, recomenda “liberalizar” os servizos e endebedarse co capital ianqui e europeo... Pero no caso chinés ten un problema; a primeira receita pode valer, pero a segunda non: China é acredor de ianquis e europeos. Ou o que é o mesmo, como endebedar-te con quen che debe diñeiro?, ou che debes diñeiro a ti mesmo ou é imposible.
A saída da crise, o “desconcerto” de Davos ou o socialismo
A nove anos do estalido da crise, que unha reunión que custa unha enorme cantidade de cartos e onde se xuntan centos de expertos, políticos e demais, só sexa capaz de dicir que hai un “optimismo moderado”, que hai “riscos”, ou como algún dixo, “o desconcerto é total”, soa, como dixen máis arriba, a chiste, senón fose porque nos vai niso a mesma existencia da humanidade... Fai nin sequera tres meses, en París, na Conferencia do Cambio Climático, a sensación foi a mesma: “desconcerto”, “moderado optimismo”, ou o que traducido á realidade: non sabemos que demos facer con todos os avances tecnolóxicos (desde a nanotecnoloxía até os avances médicos, desde as renovables até o coñecemento do ser humano); o que ampulosamente chaman a 4º revolución industrial.
Non saben... ou non poden / queren?. Porque esta é a cuestión. Se só trátase de “saber que facer”, con cambiar as persoas que se saiban, chegaría. Esta é a teoría dos neoreformistas que crecen por todo o mundo, o problema é a cobiza do 1% máis rico, e con gobernos de sabios, de “núcleos irradiadores” (como se autocualifican os dirixentes de Podemos), apoiados na xente do común, se saberemos que facer con todos eses avances. Para eles o problema son as persoas, non o sistema, traizoando o gran eixo do 15M español que afirmou unha e mil veces: “o problema é o sistema non as persoas”.
Vaiamos a Davos, e deixemos as fantasías utópicas do neoreformismo para outra ocasión. Non poden / queren cambiar as cousas, porque eles son a personificación do problema, da crise do sistema.
O seu “desconcerto” é o dunha persoa que ten acceso a miles de millóns de euros e ante unha crise como a dos refuxiados só ocórreselles dicir que “diminuír a entrada de inmigrantes podería ser necesario por temas políticos e morais”. Como o representante dunha das nacións máis ricas do mundo, Alemaña, pode dicir tamaña inmoralidade ante o sufrimento que eles mesmos xeraron, coas súas políticas de austeridade e saqueo de riquezas dos países dos que saen os refuxiados. Por se non fose pouco, son os mesmos que obrigan ao pobo traballador grego a pagar unha débeda que non xeraron, esíxenlle a esa Grecia empobrecida que controle o paso dos refuxiados: os pobres europeos contra os pobres árabes; esta é a gran receita deses “expertos”.
Esta hipocrisia é máis sanguenta se vemos que a sociedade -si, capitalista- sentou as bases para que a humanidade supere a inmensa maioría das secuelas que a aflixen. A chamada 4º revolución industrial, os avances que ela supón (nanotecnoloxía, renovables, avances médicos, xenética, ...), pon á humanidade ás portas da superación do “reino da necesidade”, para avanzar ao “reino da liberdade”; ao socialismo.
Embora... Si, hai un pero, e ese “pero” non é “pecata minuta”; é todo o que representa o Foro de Davos, a propiedade privada dos medios de produción e financeiros, da especulación e as burbullas inmobiliarias, a corrupción e a deshumanización da sociedade, o individualismo e a íntima convicción na teoría hobbesiana de que “o home é un lobo para o home”.
Os avances tecnolóxicos, a chamada 4ª revolución industrial vive na contradición de que son obra dun sistema, o capitalista, que pola súa lóxica implacable de optimización de beneficios a través da produción de mercadorías de maneira compulsiva e irracional, vese na obriga de revolucionar constantemente as relacións de produción, tecnificándose, aumentando a capacidade produtiva do ser humano; pero a dependencia que o mesmo capitalismo ten dese incremento dos beneficios, e a súa apropiación privada (aumento da riqueza duns poucos fronte á miseria de moitos), condúcelle, tamén implacablemente, ás crises cíclicas que cada vez empobrecen a máis sectores sociais. Esta é a base material do “desconcerto” dos representantes do capital reunidos en Davos: como sendo tan ricos, temos “riscos” que comprometen a nosa riqueza?
A base da pirámide social cuxo vértice representa o Foro de Davos, a clase obreira, onde se concentran todas as contradicións da sociedade actual, ten nas súas mans resolver a contradición, expropiando aos que se apropian da riqueza social e os seus representantes, planificando a economía baixo o seu control e pondo os avances tecnolóxicos ao servizo do desenvolvemento humano, non do beneficio do capital. É dicir, loitando polo socialismo como a superación do “reino da necesidade polo reino da liberdade”.
Só un exemplo, para terminar: se hoxe en 8 horas de traballo prodúcese o que hai anos eran preciso miles de horas, porque non se reduce a xornada laboral ao tempo necesario para reproducirnos como especie, e o tempo restante a desenvolvernos como seres humanos?. Isto é o socialismo; é a realidade, nin máis nin menos... En fronte, están os que, como en Davos, négano. A revolución é acabar co sistema que sostén a todos os Davos do mundo.
Galiza, no mes de xaneiro de 2016

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.