Vivimos nun Estado que pretende que a sociedade esqueza as súas raíces, a súa identidade, e que se unifique nun pensamento único, alienado; un Estado creado da nada, dunha nación inventada e asoballadora que mediante o ensino adoutrina a meniñas e maiores neste pensamento único, no uso do castelán, e no simple coñecemento do galego ao nivel dunha lingua foránea e inservible.
Por iso desde ADIANTE comezamos unha campaña en defensa do ensino íntegro en galego, como modo de que rexurda e non se esqueza a nosa lingua nacional. Non quedarán impunes os centros de ensinanza que atacan o galego, ofrecendo un ensino íntegro en castelán, ou un absurdo bilingüismo des-harmónico, non consciente da realidade de glotofaxia na que vivimos, ante a non protección dunha lingua minorizada. E por iso tamén participaremos na manifestación nacional que sairá o vindeiro venres 17 de maio ás 12h desde a Alameda de Compostela, para defender a lingua dos ataques que sofre, para non ser estranxeiras na nosa propia matria.
Foto: Adiante