O Comboio de Alta velocidade (AVE) tornou-se dogma de fé e como tal escapa ao pensamento racional, ou é aceite como verdade absoluta ou caes na heregia, a um passo da condena a morrer na fogueira.
O Estado espanhol é o segundo estado do mundo, depois da China, em quilómetros de AVE, É líder da Europa que mesmo duplica os quilómetros de alta velocidade da Alemanha, mas este dado em troca de nos servir para refletir se nom estaremos a virar malucos bem ao contrario é festejado polo conjunto da classe política e empresarial que pede ainda mais, e mais, e mais.
Um comboio convencional moderno supera comodamente "só" os 250 Km/h mas o número mágico de velocidade é ultrapassar os 300. Por debaixo deses 300 Km/h todo é "lento", todo é atrasado, todo é terceiromundista e todo impede o desenvolvimento económico da nosa terra. Pero por eses 50 Km/h de diferenza que separan a velocidade alta da AVE, é dicir, por apenas 20 minutos menos en chegar de Vigo ou Corunha a Madrid o salto económico, tecnolóxico e ambiental dispárase á estratosfera. Para alcanzar esa velocidade vertixinosa, á que non chegará nunca no interior da Galiza, o seu radio de curvas debe case duplicar ao dun tren convencional, e os seus desniveis deben ter un incremento mínimo por cada 10Km. Por iso esnaquiza ao seu paso todo o que toca do noso xa moi lacerado territorio e por eso os poucos recortes que sufriu a infraestructura idolatrada se traduciron en relaxar os xa moi laxos controis ambientais. Dende a AVE galego contemplaremos o espectáculo da natureza que o propio AVE destrúe.
Quiçás deveríamos saber que segundo o PEI (plano espanhol de infraestruturas) cada quilómetro do AVE Vigo-Madrid nos custará, no mínimo, 40 milhons de euros (25.000 milhons em total), e o seu mantemento anual será de 100.000 euros por quilómetro de via aberta, concretamente só o mantemento do túnel de entrada a Vigo será por volta de 300.000 euros anuais. Quem dixo crise?.
O AVE en todas as fases do seu desenvolvemento, de principio a fin dende a planificación nunha mesa de debuxo ata a xanela na que finalmente compraremos o billete non é caro, é carísimo. Quen pagará o supertrén?.
Dicir que nesta época de crise e rescates esa cantodade inmensa de diñeiro sairá da sanidade, os salarios, as pensións, a educación e por suposto o medio ambiente pode considerarse demagoxia, pero a realidade é... que sae de aí. Quizais debería priorizarse ese investimento multimillonario noutras áreas, pero por unha vez o conxunto das forzas políticas están de acordo: o AVE é indiscutível e innegociável custe o que custar, a única discrepancia limítase a culparse uns a outros polos atrasos na chegada deste supertrén que da noite á mañan por arte de magia nos situará en vanguarda da modernidade.
Como divindade o AVE encóntrase por enriba do ben e do mal, xa non digamos ambientalmente. Un exemplo son os continuos vertidos ao río Maceiras, reiteradamente denunciados e reiteradamente continuados. A causa son as obras da AVE na súa entrada a Vigo, polo tanto benditos sexan as verteduras.
Pero ao final as contas acaban saíndo, concretamente saíndo mal. O primeiro trazado da AVE en Galicia, o Ourense-Coruña, sendo aínda realizado nun tren Avant convencional, é dicir, máis barato que cando chegue o tren AVE, acaba de anunciar unha rebaixa de prezos porque se encontraron con apenas o 30% dos viaxeiros previstos, o seu custo que case triplica o do tren convencional o converte en prohibitivo para a cidadanía común. Recén inaugurado e xa a administración empeza a cubrir as perdas igual que xa comezan por outras comunidades a pecharse estacións, frecuencias e liñas. O AVE, por se non nos decataramos aínda, é un tren de luxo, para ricos.
Nada reflicte mellor noso AVE que a xenial película dos irmáns Marx, na que ao berro de ¡ máis Madeira, máis madeira!! o propio tren é queimado na caldeira para manter a súa velocidade.
Hai un ano filtrouse un documento do Ministerio de Fomento no que se analizaba a posible rendibilidade do AVE galego. No mellor e máis optimista dos casos prognosticábase un máximo de tres frecuencias diarias (quizais só unha Vigo-Madrid). O propio Ministerio apuntaba que construír o AVE é o gran negocio, para os de sempre, pero o seu funcionamento e mantenemento será ruinoso.
Cando a burbulla das infraestruturas viarias explote, co AVE á fronte (e a deflagración será tanto ou máis seria que a inmobiliaria), recorden todos os sectores políticos e sociais que levan anos esixindo o AVE a berros. Serán exactamente os mesmos que dirán que eles xa sabían que aquilo era unha tolería.
Os mesmos que loitarán a empuxóns por atopar un recunchiño na foto inaugural do AVE, cun sorriso de orella a orella bicando o fociño do supertren ó lado dalgún membro da realeza serán os que dirán que eles xa advertiron que ese invento sería unha ruína para este país de países. Hai rosto para isso e para mais, por iso a falta de fé restam-nos as hemerotecas que levamos décadas a guardar.
Para o solucionar:
É tarde para evitar impactos e esbanjamentos. A proposta original dos coletivos ecologistas e de defesa do comboio de utilizar essa enorme quantidade de recursos em estabelecer umha via dupla eletrificada para toda a rede de caminhos de ferro galega com comboios convencionais (mas modernos) nem sequer entrava na imaginaçom da classe política posuída pola ánsia de velocidade.
Desta forma o comboio, tradicionalmente o meio de transporte ecologicamente mais sustentável deixa de ser um autêntico elemento para vertebrar o território, nom há mais que calcular o tempo que nos levaria umha viagem de comboio por exemplo entre Vigo e Mondonhedo.
Potenciar os comboios de proximidade, que comunicassem eficaz e agilmente todo o interior da Galiza, nom só o eixo Vigo-Compostela-Corunha modernizando as suas infraestruturas e parque móvel devolveria ao comboio o seu papel primordial no transporte que o AVE só conseguirá eliminar.
Porque entre outras cousas também do caminho de ferro convencional e de proximidade saem os fundos para pagar o AVE.
Foto de El enfóque anecdótico de la vida - O AVE.