Aínda que a Fraga de Menáncaro, xa estaba en trámites de protección definitiva, a sentenza do Tribunal Supremo que anula o Plano de Sectorialización -que contemplaba a contrución de 69 chalés e dun hotel- ven reforzar o obxectivo do Movimento Ecoloxista de protección integral da Fraga de Menáncaro. Paradoxicamente, mesmo a propria Xunta de Galiza, ao aprobar o seu Plano de Ordenación do Litoral, proibe expresamente os desenvolvimentos urbanísticos nos "Corredores". Nun destes corredores o propio POL situa a grande parte da Fraga de Menáncaro, nun dos denominados como "Corredor Ecolóxico".
A Sala Terceira do Tribunal Supremo do Contencioso-Administrativo, ven confirmar a Sentenza do TSXG 01131/2009 , que xa ditara -o 5 de Novembro de 2009, a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que se pronunciara, a favor da veciñanza de Menáncaro, estimando o seu Recurso contra o vergoñento Acordo Plenario do Concello de Ferrol do 20 de Abril de 2007, no que se aprobou "definitivamente" o Plano de Sectorialización de Menáncaro, anulando deste xeito o ilegal acto administrativo por ser contrario a dereito.
A Fraga de Menáncaro está situada no val do río Aneiros ou río da Sardiña, na parroquia de Serantes, e conforma un habitat natural de máis de 10 ha de superficie. É unha das poucas manchas de bosque autóctono que se conserva no concello, xunto coa Fraga de Monte Fontelo (A Graña), Fraga da Pega e da Casa do Monte (Leixa) e o Acibreiral das Forxas (Covas), espazos naturais que tamén se deberían conservar e protexer. Un dos feitos que fai de Menáncaro unha zona cunha carballeira singular é a presencia de individuos centenarios de porte excepcional, base dun bosque maduro e de gran biodiversidade.
A Fraga é unha mostra de bosque potencial desenvolvido, prácticamente desaparecido noutras zonas de Ferrol. Un dos principais valores é a súa singularidade, dada a case ausencia de formacións de carballeiras en Ferrol. O habitat natural de Menáncaro, a protexer, está formado por un bosque ripario que ocupa as marxes do río, unha zona da carballeira que se imbrica coa aliseda riparia e zonas de prado húmido nas marxes do bosque ripario.
O seu bosque ripario de grande singularidade é valor foi parcialmente talado, de forma ilegal por dúas veces: a primeira vez en 2001, pola agora empresa promotora da urbanización SAT Agropino, de Amando Romero Castrillón; e a segunda vez por unha actuación de Fenosa, empresa coa que se chegou a un acordo para que fixera unha serie de actuacións, que xa están en marcha, para preservar a Fraga no seu conxunto.
Desde 1995, o movemento ecoloxista ven realizando actuacións co obxecto da protección da Fraga, denunciando actuacións ilegais, como vertedoiros incontrolados, apertura de camiños, talas ilegais, vertedura de entullos, ... "Temos nos nosos Arquivos cantidade de propostas, denuncias, alegacións ao PXOM aprobado no 2000, cartas e outros documentos, cun só obxectivo final a protección da Fraga. Mantivemos ducias de entrevistas, reunións, roldas de prensa, roteiros e mobilizacións, tamén nese camiño. Recursos, alegacións, denuncias e outras actuacións xudiciais e administrativas completan a nosa loita", explica Ramón Regueiro, portavoz da Comunidade Menáncaro..