Pouco despois das 10:00h saíron as case 60 persoas que participaron da andaina desde a Alameda Rosalía de Castro de Marín, e contou coa participación do arqueólogo marinense Lukas Santiago que deu unha pequena charla na zona dos petróglifos de Mogor e na Praia do Santo sobre a illa do mesmo nome, á cal pódese acceder a pé cando a marea está baixa, mais non se puideron achegar ao estar a marea moi alta.
Foi a primeira dunha serie de andainas dentro do programa "Coñecendo o noso entorno", unha andaina duns 9 km, de dificultade baixa e a duración foi de 3 horas.
É unha ruta de gran beleza, de gran valor cultural, paisaxístico e natural, e na que camiñaron pola práctica totalidade do litoral marinense, pasando polas praias de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e a do Santo.
Como lugares de especial interese destacan os petróglifos de Mogor, nos que fixeron unha pequena parada, e no final do percorrido a illa do Santo.